Un novo Arco atlántico para unir a creación de Galicia e Portugal
Abre en Vigo a nova feira de arte con masiva presenza lusa
A temperatura no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) subiu varios graos desque, no serán de onte, abriu as súas portas ao público a feira de arte contemporánea Espacio Atlántico. É a nova cara dun evento que, nos tres anos anteriores, se chamou Puro Arte. As mudanzas van máis aló dun cambio de denominación, polo que todos os convocados coinciden en definir a identidade da cita como unha primeira edición, un novo comezo e punto de inflexión para ser o grande punto de encontro da arte contemporánea internacional desde a perspectiva dos galeristas peninsulares.
52 expositores no programa xeral, entre os que figuran 18 salas galegas, 15 portuguesas e 19 do resto do Estado, acadan a concorrencia de practicamente os galeristas máis relevantes da Península. Os acordos establecidos coa Asociación Galega de Galerías de Arte e coa Asociación Portuguesa de Galerías de Arte fixeron posíbel esta andaina común aplaudida por todos os participantes, incluídas importantes institucións públicas e privadas. Alén do patrocinio do Concello de Vigo, da Xunta, de Caixanova e do Ministerio de Cultura, creouse un significado comité asesor baixo a dirección artística do comisario e crítico de arte David Barro que conseguiu abranguer presenzas de fundacións como Barrié, María José Jove, Laxeiro, RAC, Luís Seoane, e de museos como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) ou o Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa. A inserción dun completo programa para coleccionistas, con visitas a centros de arte galegos e postas en común, é outro dos reclamos máis rechamantes para o achegamento á feira viguesa de tantos nomes influíntes no mercado peninsular.
"O mercado non existe, xérase a si mesmo con iniciativas así"
Un lenzo de 300.000 euros de Julian Schnabel é a peza máis cara
"Este ano atráenos a presenza portuguesa", di un galerista madrileño
O carácter da feira é contemporáneo para fomentar o coleccionismo xove
"O labor de David Barro, a calidade das galerías seleccionadas, a presenza dos coleccionistas e o compromiso das institucións son os motivos que nos trouxeron ata aquí", indica a directora da galería viguesa Bacelos, Pepa García Montesinos, quen subliña "a importancia de estarmos nesta feira, ao igual que facemos participando en Arco, onde non podemos deixar de estar". "Interésanos amosar o noso traballo en Vigo, entre todas estas salas tan importantes e preto de varios coleccionistas que teño por esta zona; vimos con moitas expectativas", manifesta María do Carmo Oliveira, directora de Mco, unha das salas máis novas da cidade de Porto que, desde o seu nacemento en 2005, procura as coincidencias dos discursos artísticos de creadores consagrados como os brasileiros Efrain Almeida e Brigida Baltar, e os argumentos de firmas emerxentes como as das lusas Sofia Leitão e Alexandra Aguiar.
O seu veciño portuense Fernando Santos loce no seu pavillón un lenzo de Julian Schnabel que non baixa dos 300.000 euros. En pintura, é a peza máis cara da feira; no tocante á expresión fotográfica, a artista máis cotizada é outra artista xermana, Candida Höfer. É unha instantánea de grandes dimensións da bóveda principal do mosteiro de Alcobaça, no espazo da galería madrileña Fúcares, valorada en 50.000 euros. Por algo máis desa cantidade pódese adquirir cada unha das pezas dunha instalación de Tobias Rehberger, artista galardoado na Bienal de Venecia, presente no pavillón do lisboeta Pedro Cera. "As escollas nesta feira son menos arriscadas no senso de que se procuraron pezas de máis fácil consumo e de transporte máis cómodo, precisamente para estimular a compra e que os coleccionistas as vexan asequíbeis nestes tempos de crise, porque tamén hai obras a partir de 400 euros", observa o crítico de arte brasileiro Paulo Reis, director do centro cultural Carpe Diem de Lisboa. O comentario faise tanxíbel nas intencións manifestas de Alberto de Juan, director da galería madrileña Max Estrella: "A selección feita en edicións anteriores desta feira non encaixaba co noso proxecto ata este ano, no que nos atrae singularmente a presenza portuguesa e a relación cos coleccionistas, polo que procuramos aportar artistas que se relacionen con este tipo de público e que non teñen aínda unha cotización elevadísima, o que aumenta as posibilidades de venda nestes intres".
Outros aires se respiran nos lugares reservados aos Projects, onde se dá cabida ás apostas concretas da feira por determinados artistas a título individual, como Patricia Geraldes, Vítor Mejuto e Kike Ortega, ou respaldados por galerías. O brasileiro José Bechara creou unha peza exclusiva para Espacio Atlántico, Gelosia, no emprazamento da sala mallorquina Xavier Friol e fíxoo nos días previos á inauguración. "Este tipo de feiras son moi importantes e os galeristas poden traballar nun mercado concreto moito mellor ca noutras máis grandes. A miña primeira exposición individual en Europa foi en Galicia en 2005. Hai uns meses, o Centro Pompidou de París mercoume dúas obras e teño ofertas para realizar exposicións en prestigiosos museos europeos, algo que vencello directamente con esa primeira presenza en Galicia. Teño claro que o mercado non existe, xérase a si mesmo con iniciativas arriscadas coma esta", explica Bechara.
Ao parecer de Reis, o predominio da pintura e da fotografía e a escasa presenza de vídeo e de escultura en Espacio Atlántico está en sintonía coa actualidade da recesión económica. "A ausencia de nomes históricos é a tónica, o carácter desta feira é absolutamente contemporáneo, polo que está tamén orientado a abrir fronteiras e a fomentar o coleccionismo xove; coido que este é un lugar axeitado para comezar a adquirir arte". Precisamente, a edición 2010 suporá o nacemento da Colección Espacio Atlántico, con obras internacionais que será depositada no Marco de Vigo. "É outro xeito de potenciar o coleccionismo e de estreitar vencellos coa cidade que nos acolle o feito de que a colección poida ser gozada nun futuro no principal museo de Vigo", revela a directora xeral da feira, a galerista madrileña Marta Scarpellini.
Homenaxe a Nóvoa
- O presidente da Xunta salientou no acto de apertura "a ambición de transcendencia internacional da feira". Alberto Núñez Feijóo referiuse a Espacio Atlántico como "unha celebración da vitalidade das nosas industrias culturais e da arte que se fai hoxe no noso país".
- Como é costume, Espacio Atlántico reserva un lugar destacado para a homenaxe dun artista galego, neste caso Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919), cunha exposición propia.
- A feira conta cun espazo VIP patrocinado pola deseñadora Purificación García, que amosa parte da súa importante colección de fotografía.
- Espacio Atlántico colabora coa Fundación IgualArte de Vigo, que promove o desenvolvemento das persoas con minusvalías a través das expresións artísticas. A institución benéfica recibirá o 15% da recadación.
- En 2009, a terceira edición de Puro Arte, a anterior identidade da feira viguesa, foi visitada por 20.000 persoas e fixéronse negocios por valor dun millón de euros.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.