Tono, o amador inxenuo
O artista coruñés amosa as súa últimas obras escúltóricas
Un dos tópicos que, aínda hoxe, continuamos a sentir en calquera mostra de arte contemporánea, novel ou consagrada, é ese marabilloso de que: "Boh! Isto tamén o fai o meu fillo!". Marabilloso, abofé, pois, baixo o seu ton pretendidamente desprezativo, encerra unha gran verdade: a de que só os creadores iluminados son quen de preservar o seu neno interior. Isto é: a capacidade de abraio, de enlevo perante os misterios do universo.
O avó de Tono (Santiago, 1967) foi "debuxante con Castelao", e o pai "debuxante de andar por casa". Por iso, por tradición familiar, a súa nai pasaba o día acirrándoo: "Tono, debuxa!". E o rapaz fíxolle caso. Tanto que, ós sete anos, instalado xa na Coruña, conseguiu ver impresas varias das súas primeiras obras no xornal La Voz de Galicia. Dende entón, malia ter pasado por varias escolas de Galicia e Cataluña; malia ter aprendido dos mestres antigos e modernos, Tono segue a ser un neno. Un neno que pinta e esculpe.
Ao tempo que se declara ateo, afirma: "Para min, crear é rezar arreo"
"Sempre digo que eu estudei pintura para me facer escultor"
Cando lle preguntas polo que está a procurar nesa Cova de Hefesto que é o seu obradoiro, responde axiña: "A inxenuidade". Palabra que, consonte el, "entraña os sensos de cortesía, de respecto, e sobre todo de Amor". "Por iso eu defendo a inxenuidade coma modo e método de vida", engade. Por iso, ben cabe aplicarlle a este venerador de todo o venerable o verbo que San Juan de la Cruz inventou no Cántico espitual: "Adamar: amar dobremente".
El mesmo tentou explicar a súa sinxela filosofía: "Da vida e da arte, que para min son inseparables, xa que a arte me aferra á vida e, asemade, me mergulla nun mundo paralelo e irreal". No seu manifesto bulen aforismos coma estes: "A realidade é mentira". "O ser humano é o tema máis vizoso e apaixonante que existe". "As formas non imitan a Natureza: acompáñana". "O encontro da forma e da cor é froito do azar". "Os erros son pasos cara a adiante". Tono, xaora, dubida de todo o que ve porque coida que "a certeza é o principio da fin". Mais se hai algo que ten ben claro é que "a arte, esoutra maneira que ten a vida de se manifestar, é tan sagrada coma esta". E, malia ser un ateo confeso (ou máis ben "un seguidor do Tao", desa enerxía cósmica indefinible pero transmisible, e presente en tódolos seres e en tódalas cousas), asegura "vivir e traballar coma un monxe". "Pois para min crear é rezar, rezar arreo", remata.
Tono recoñécese "ante todo pintor". "Aínda que eu sempre digo que estudei pintura para me facer escultor!". Le Forgeron de Arthur Rimbaud. O forxador de soños. O ferreiro do superreal. Non en van, o eixo do seu obradoiro é ise chintófano máxico que en galego posúe, curiosamente, unha chea de sinónimos: bigornia, engra, incre, zafra, craveira. O ferro e o lume. Dous dos símbolos de poder (construtor ou destrutor) máis enraizados no noso inconsciente colectivo.
Hai uns meses, Tono sufriu "unha epicondinite moi grave. Coidei que endexamais volvería forxar". Ende ben, conseguiu curarse, e, agradecido, "coma unha sorte de ofrenda ou de exvoto", artellou unha escultura estrañísima, fermosísima, titulada O brazo do escultor. Un acto que revela perfectamente o seu xeito de "estar no mundo": o mesmo cós dos xamáns de Lascaux ou das cavernas de Altamira; o mesmo cós dos videntes precolombianos ou africanos. Agora, con azos renovados, non para de tallar, arroxar, brunir, repuxar..., coma un neno. De apañar todo o que o azar obxectivo lle guinda ó seu paso para, como di el, re/crealo..., coma un neno. E alí, no cimo do barrio coruñés de Montealto, vén de preparar a súa primeira mostra integramente de esculturas. Fetiches e tótems con nomes tan engaiolantes coma Retrato do Sol ou O inventor de bágoas que agora poden verse na Galería MoretArt.
É certo que en todos eles, igual que nos seus cadros, ladra a influencia de Max Ernst, Paul Klee, Joan Miró ou Alberto Giacometti. E, moi por riba desta, a da chamada "arte primitiva", que cada vez ten máis presenza no seu labor. Pero, como aseverou Octavio Paz referíndose a René Char, Tono "non mente". El, coma os seus propios pais, ten "pais putativos: quen non?". Pero el, coma eles, como fixeron tódolos membros desa antiquísima liñaxe de seu, está a acrisolar a súa herdanza para conformar algo distinto. Proba diso son xa algunhas pezas inclasificables coma Nai natureza ou Polifemo. Ídolos que nos atraen co mesmo magnetismo, co mesmo halo sacro que esoutros perante os cales Tono se axeonlla con auténtico fervor.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.