_
_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O milagre da poesía e o nepotismo iletrado

Manuel Rivas

A poesía é o gran milagre do mundo! Hai días en que esa verdade que Luís Pimentel repite como salmodia salvadora en Sombra do aire na herba, vén e nos visita como esa noitarega que nesgou o bosque e abaneou a noite. Abanador da noite!, di o poeta do poema que acada esa condición de milagre do mundo. Ese si que é un mester, o da abanar a noite. E aínda máis di Pimentel nese libro que de seu termaría dunha cultura: "Non te decatas de que se moveu o silencio?".

Abaneou a noite. Moveuse o silencio.

Iso ocorreu o mércores no Teatro Rosalía Castro. Unha convocatoria orixinal, Poesía + Ciencia, que case enche o local universal, malia ser clandestina, silenciada na maioría dos medios. A este paso as listas negras da cultura no macartismo coruñés van ter o grosor da guía telefónica. E sería pola presenza dos perigosos Einstein e Darwin! Alí estaban tamén Alfredo Ferreiro (a quen envexo o alcume xa célebre d'O levantador de minas), Marica Docampo, Enma Couceiro, Xavier Seoane, Estibaliz Espinosa... Entre poema zen e poema científico, a atmosfera foi dunha Galicia cósmica. Mais o Rosalía Castro acadou a definitiva condición aerostática cando Xabier Díaz e Guadi Galego, con Guillerme Fernández á guitarra, interpretaron o Astronauta lírico, a composición do brasileiro Vitor Ramil, esa que comeza do mellor xeito posíbel: "Vou viajar contigo essa noite...".

A Deputación de Pontevedra aplicoulle a eutanasia á colección de poesía Tambo

Dicía o Álvaro de Campos, un dos heterónimos de Pessoa: "Todas as cartas de amor são ridículas".

-Pois não, senhor. Problema dele!

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Hai cartas e declaracións de amor que forman parte do milagre do mundo. E velaí o Astronauta lírico, mais aínda se é na voz de Xabier e Guadi: "Quero perder o medo da poesia / Encontrar a métrica e a lágrima / Onde os caminhos se bifurcam / Flanando na miragem de um jardim / Quero sentir o vento das esquinas / Circulando a calma / do meu íntimo / Entre a poeira das palavras / Subir na tua voz em espiral / Eu, astronauta lírico em terra / Indo a teu lado, leve, pensativo...".

"Quero perder o medo da poesía", di a letra de Vitor Ramil. Quen pode ter medo hoxe da poesía e por que?

A Deputación de Pontevedra, que preside Rafael Louzán, vén de pór fin á vida nun dos mellores ecosistemas poéticos que funcionaban en Galicia. A colección que levaba o nome da illa pontevedresa de Tambo. Dende que se abriu no ano 2000, saíron á luz trinta e seis libros, a maioría dunha colleita excelente. Aí temos obras como Parábola do incrédulo e Epicentro, de Manuel Álvarez Torneiro, que foi finalista do premio nacional de Poesía; A rocha dos proscritos, de Ramiro Fonte; Zen invernos, de Román Raña; ou a marabilla laboriosa do libro de sonetos de Xavier Seoane, Vagar de amor e sombra. No microclima de Tambo viu a luz Océano e silencio, o primero libro de poemas de Antón Patiño! Aí agromaron especies novas de Baixeras, Manuel Romón, Estíbaliz Espinosa e Elvira Rivero. Levan o selo de Tambo dúas obras que esgotaron edicións e abanearon os muros da crítica literaria hispana: En el norte hay un mar que es más alto que el cielo, de Carlos Oroza, e El viento del desierto, de Cecilio Múñoz. Estes libros non ficaban amoreados nos sotos para apodrecer, como adoita pasar en moitos organismos onde se publica por orde analfabética. Non, os libros de Tambo eran distribuidos por Galaxia e andaban vivos polas librerías.

Estamos a falar, pois, da colección poética máis prestixiosa feita por unha institución pública en Galicia. Dirixida por un dos mellores maxíns do país, Luís Rei Núñez, quen facía todo o seu traballo por amor á arte. E por amor a arte entregaban as súas obras os poetas. E por amor á arte ilustraban as portadas os artistas, xentes da calidade de Antón Llamazares, Menchu Lamas, Moldes, Xosé Freixanes, Marta Armada, Berta Cáccamo... O de amor ao arte hai que entendelo sen eufemismos: no ecosistema de Tambo, como en tantos outros que osixenan este país, ninguén cobraba un peso. E aínda hai mentecatos que emporcan a prensa coa leria dunha cultura de esmolantes ao estilo dos que petaban por migas de pan na porta pacega en Romance de lobos? Aquí, o que si hai é lobos, os mellorados que andan a arrepañar no pazo.

O caso é que vén de decretarse a morte de Tambo, mesmo coa aplicación dunha eutanasia forzada a seis obras que xa estaban listas para a publicación. Se sumamos indicios, é evidente que non estamos ante unha decisión técnica, senón ante outro operativo de nepotismo iletrado (saudade do "nepotismo ilustrado" que acuñou un antecesor de Louzán!).

Sexa por nepotismo iletrado ou por aplicación do macartismo á galega que se está a espallar como un virus desmemoriado, a dereita que dirixe a Deputación de Pontevedra decidiu tamén suspender a compra de libros galegos que tiñan como principal destinatarias as bibliotecas da provincia. Falamos de 40.000 euros. Esta demouca non só prexudica a unha industria galega, como é a da edición, cos seus postos de traballo, senón que atenta contra a liberdade dos lectores que acoden aos centros públicos.

Falando de lectura, a historia que protagoniza o ex conserxe de Ribadumia e actual presidente da Deputación está xa moi ben reflectida no ensaio, na literatura e na poesía. Fronte ao descaugo que estas barbaries causan, talvez unhas palabras de Walter Benjamin, da súa Teses sobre o concepto de Historia, poden ofrecer unha sorte de compensación: "A nosa imaxe de felicidade está indisolubelmente ligada coa do rescate". O rescate, esa tarefa da "memoria laboriosa". Cómpre rescatar Tambo, as illas e insuas onde medran os libros.

Unha desas insuas felizmente preservadas é a da colección Arte de Trobar, que mantén o Pen Clube Galicia co apoio de Caixanova. Un dos grandes paradoxos da Galicia de arestora é comprobar que moitas institucións da Administración pública están ocupadas por política de facción, mentres outras entidades, privadas ou semipúblicas, seguen un rumbo moito menos prexuizoso, menos sectario e máis respectuoso coa cultura galega.

A última entrega de Arte de Trobar é o poemario A caída, de Luís Valle (Lugo, 1977), premio Caixanova 2008. Despois de ler esta obra, hai unha razón máis, mesmo unha razón apaixonada, para comungar con Luís Pimentel: A poesía, si, é o gran milagre do mundo! Unha obra que abanea a noite e move o silencio. A poesía é a boca do "máis estraño", da soedade, mais tamén é un xeito de refregar o gran coa pedra de muiño da historia. O que quere dicir que un poeta, un gran poeta, como é o caso deste mozo autor, amasa a súa fariña, e o seu sangue, con moitas outras pescudas que comparten o agora. Mais A caída, ese arfar xeográfico, esa paisaxe homeopática, ese habitar con naturalidade un paraíso infernal, esa grafía de unllas de sílex, ese erotismo que se arrisca alén do linde carnal da linguaxe, contén as outras poéticas, a historia da mellor historia, e leveda en algo novo.

Un bicarelo xenial. Un milagre.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_