A vela ou a pan de millo
Muros acolle o noveno encontro de embarcacións tradicionais de Galicia
Ghamelas -ghuardesa ou curuxeira-, buceta ostreira, lancha de xeito, dorna meca, dorna polbeira ou dorna de tope, o galeón, botes, catraia miñota portuguesa, traiñeiras, barca de dornas ou carocho -barco anguleiro propio do tramo final do Miño. Detrás, ou debaixo, destas palabras agóchanse gran parte dos artefactos que os galegos inventaron nos últimos séculos para se desprazar sobre as augas. Todas impulsadas a vela ou a pan de millo (a remo), as naus forman o patrimonio marítimo e fluvial que, dende onte e deica o domingo, celebra en Muros o seu cumio bianual. "Estes encontros son a torre de reivindicación da cultura marítima", sintetiza Víctor Fernández, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF).
"O patrimonio do mar tamén son contos, toponimia, arquitectura, lendas"
"Loitabamos contra o prexuízo 'todo o que é vela é un atraso"
Os 1.195 kilómetros de costa de Galicia forneceron das condicións precisas para o xurdimento dunha cosmovisión marítima singular. "Os galegos que vivimos na beira do mar creamos un patrimonio propio", relata Fernández, e enumera: "Topinimia, arquitectura, contos, lendas, os faros, léxico... non só as embarcacións". De sistematizar o seu coñecemento, divulgalo e, como labor sobranceiro, reconstruír barcos e barcas, ocúpanse as máis de 40 asociacións que reúne a federación. "Recuperar certos barcos que estaban en desuso foi, se cadra, a tarefa máis vistosa das asociacións", recoñece Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia Galega e ex vicepresidente da FGCMF, "pero agora vai moito máis alá".
A organización arrincou en 1994. O seu primeiro presidente, o historiador Dionisio Pereira, púxose á fronte da alianza do Colectivo Etnográfico Mascato de Cambados, a Dorna Meca do Grove e a Cofradía da Dorna de Ribeira. Na altura de hoxe, e oito encontros despois -o de Muros fai o noveno-, conta catro decenas de agrupacións: do Colexio de Enxeñeiros Navais de Galicia a confrarías, sociedades culturais ou deportivas, grupos etnográficos ou de restauradores e mesmo especialistas nas barcas de río reunidos en Lanchas do Sil e Barcas do Miño. "O que menos hai case son mariñeiros", afirma divertido Fernández Rei.
Víctor Fernández, que tamén milita na viguesa Mariñeiros de Bouzas, cifra o obxectivo principal da federación en "presionar para que as autoridades tomen isto en serio e realicen un inventario de patrimonio". Trátase da única maneira de evitar o desastre. O presidente da entente exemplifica no territorio que lle é máis próximo: "No barrio de Santa Ana de Bouzas, en Vigo, derrubaron casas de 1730, as máis antigas do lugar, botaron cemento por riba dun vello peirao ou recobreron unha fábrica de salgado; malia que o denunciamos, ao non estaren nunha listaxe de patrimonio non se pode facer nada".
O adaxio poñer en valor reaparece ao tratar sobre os usos e os costumes mariños. Segundo Fernández, "a xente debe valorar o que ten". Francisco Fernández Rei lembra a historia que desembocou na reconstrución da lancha de xeito (o xeito é unha arte de pesca da sardiña que emprega o amarre e non o cerco, máis común). "A comezos do século, había miles de lanchas de xeito", relata, "pero os motores acabaron con elas". Na década de 60, descubriron unha soterrada en Caldebarcos, Carnota. "A partir dela, recuperáronse; agora hai tres", apón, "e persoas que se enorgullecen delas". "Loitabamos contra o prexuízo 'todo o que é vela é un atraso", resume.
Refacer embarcacións implica un mesto traballo de campo. "O noso labor remóntase no tempo todo o que podemos", explica o presidente da federación, "e de momento son unhas traiñeiras [antiga embarcación de pesca coa técnica da traíña e a remos] as máis vellas, chegadas a Galicia a finais do século XVIII e reconstruídas na Escola Obradoiro de Vigo". As asociacións encargadas de elaborar réplicas baséanse na memoria oral, "nalgúns planos que se poden atopar en talleres" ou en barcos desafiuzados, agochados en galpóns. "Non só se volve fabricar a embarcación", asegura Fernández, "senón que os máis de mil voluntarios que andan na restauración e na recuperación do patrimonio marítimo teñen en conta o contexto orixinal".
Francisco Fernández Rei salienta, antes de máis, a dimensión humanística do que denomina "movemento". "Xunta a xentes moi diversas e cunha xenrosidade enorme", di, "porque o que se trata, ao cabo, é de facer país". O epítome atópase nos homes de Dorna: ás seis da mañá faenando e ás catro da tarde transmitindo o seu coñecemento do desenleo (habilidade para desenredar o aparello de pesca). O académico lembra a primeira asemblea da federación á que asistiu, hai nove anos e no seu Cambados natal. "Ademais, para min, como lingüista e estudoso do galego oral, aquilo era impresionante, todo o idioma e a súa potencia expresiva alí despregado", rememora.
Naqueles anos, os membros da FGCMF aínda viaxaban á Bretaña para aprender dos seus compañeiros na fisterra do hexágono. Na actualidade, os bretóns "abráianse" da federación. "Pola Europa adiante a restauración fanna as grandes institucións e en grandes barcos", expón Víctor Fernández, "o noso modelo resulta oposto, de base". Á Bretaña acudiron, en 2008, dúas ducias de embarcacións tradicionais galegas. A Festa Marítima de Brest convidara a Galicia e a federación, daquela comandada por Fernando Piñeiro, compareceu cunha delegación de 150 persoas. A case 20 anos da publicación d'As embarcacións tradicionais de Galicia de Staffan Mörling -"a biblia do patrimonio marítimo"-, o movemento acadaba o seu cimo, "vivo e dispar; iso é o bonito".
Esta fin de semana, o estado da cuestión mídese en Muros. Alén das horas de navegación nas embarcacións tradicionais, de mañá e de tarde e nas que pode participar o público, o encontro de asociacións ofrece obradoiros de toda especie: carpintería de ribeira, palilleiras, sancosmeiros (chapeu feminino tradicional da zona) ou do proceso de cascallo. Concertos, recitais, exposicións de fotografía e divulgación patrimonial e mesmo un ciclo de cinema ad hoc completan as xornadas do IX certame da FGCMF.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.