Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Entrevista:EMILIO JOSÉ | Autor de 'Chorando apréndese'

"Na discográfica dixeron '¿en gallego?, ¿qué es, un disco folk?"

En Emilio José confluían os vórtices de Apeiron, a gran promesa do indie peninsular en 2002. O único disco que rexistraron, Todo sigue intacto, valeulles parabéns de crítica e público. Antes do prometido retorno da banda, Emilio José aparece con Chorando apréndese, dobre elepé de sinfonismo lo-fi e dadaísmo de combate, cantado en galego e editado por Foehn. Un manifesto en defensa da "causa ourensanista" onde entran Ismael Rego, Prokofiev e os Love de Forever Changes: "Música de aldea".

Pregunta. Autodefina Chorando apréndese.

Resposta. É coller o que me gusta da música antiga, Beach Boys, Lesley Gore, e facer cancións sen complicarme a vida. Logo doulles as voltas: ninguén pode xa soportar un retrouso repetido moitas veces.

Eu asinaría agora por Baltar nunha caste de Principado de Mónaco

P. E unha etiqueta?

R. Rock&roll en sentido amplo.

P. Que cara puxeron na discográfica barcelonesa cando entregou a gravación?

R. 'Pero cómo, ¿en gallego?, ¿qué es, un disco de folk?'. Mesmo me insinuaron que fixese unha versión en castelán. Iso e o da política non o tomaron moi ben, porque en Foehn son de esquerdas, claro, pero apolíticos... Ao final, aceptárono.

P. Canto hai de ironía nesa política do disco?

R. Fago música dende unha aldea de Ourense e alí os catro anos do bipartito non se notaron. E desenvolvín a teoría da independencia ourensá, na que xa acreditaba antes. Eu asinaría agora por Baltar nunha caste de Principado de Mónaco [ri]...

P. Fala de marxinación.

R. Si, tamén na música. Se Ataque Escampe fosen de Barcelona... Ou se Joe Crepúsculo fose de Salvaterra, quedábase aí toda a vida.

P. O segundo cedé céntrase no íntimo.

R. Esas cancións, que non son da causa ourensanista, non ían entrar. Empeñáronse os da discográfica. As letras son esa cousa blandengue [sorrí] que non abunda en galego, non tiña referencias... Pero sempre escribo cancións de amor.

P. Que vantaxes ten a autoprodución?

R. Facer o que queiras, mesmo no deseño, que é unha homenaxe aos cedés de música clásica dos 90. E cos medios actuais podes facer un son espectacular na casa. Mérito foi o de Phil Spector ou de Marvin Gaye, non hai máis que copialos. Eu quixen desvestirme do pouco que sei e soar como quero.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 19 de junio de 2009