_
_
_
_
Reportaje:Luces

Os que abriron o camiño

Milladoiro, pioneiro na renovación da música tradicional, fai 30 anos nos escenarios

Foi en 1977, nun cine de Padrón. Actuaba un cantautor que, nun momento dado, anunciou ó público: "Chegou a hora do descanso. Mentres, déixovos cuns gaiteiros". Dous dos asistentes foran alí precisamente para ver ós ninguneados gaiteiros, un trío chamado Faíscas do Xiabre. Os admiradores, Antón Seoane e Rodrigo Romaní, tamén músicos, aproveitaron para falar con eles e facerlles unha proposta. "Como se nos foramos declarar", recordaban anos despois. Os gaiteiros, Xosé Ferreirós, Moncho García Rei e Nando Casal, dixeron que si. O 15 de maio de 1979, aquel matrimonio musical entre un trío de música tradicional e dous intérpretes cunha traxectoria entre o folclore suramericano e o pop e unha inquedanza polos sons medievais, daba nos Salesianos da Coruña o seu primeiro concerto. Desde entón, Milladoiro pisou arredor de mil escenarios en todo o mundo, gravaron 23 discos e fixéronse o referente internacional da música galega. Agora cumpren, aínda que non teñen moi claro como o celebrarán, os seus 30 anos de existencia.

"Non sabemos como o celebraremos, pero gustaríanos facer algo extraordinario"

Milladoiro foi a primeira experiencia consolidada da reivindicación da música tradicional, nun contexto no que o pouco que quedaba dela eran os vellos gaiteiros. "Pasará á historia como unha formación quintaesencial, como o gran grupo galego e, por extensión, un dos máis grandes en todo o Estado, no rexurdir do folk tras a ditadura. O asombroso é que soubesen cimentar uns principios estéticos que, tres décadas despois, seguen vivos e vixentes. Non eran só uns rapaces voluntariosos que se sacudían as rémoras do franquismo, senón uns estudosos que se tomaron sempre moi en serio o seu traballo", achega o crítico de EL PAÍS Fernando Neira.

Con esa bagaxe de temas e aires que se perdían, interpretados con instrumentos populares e medievais, o grupo creou un estilo persoal que difundiu en escenarios de todo o mundo, de Xapón a Amsterdam, labrándose un circuíto propio, fóra dos centros da emigración ou das programacións ministeriais. O ano pasado foron un dos convidados a celebrar o centenario do Palau de la Música de Barcelona, e xuntaron a 2.000 persoas con entradas de 40 euros, apunta o crítico de folk Óscar Losada. "Son a elegancia suprema, tiveron e teñen un nivel de calidade do que nos temos que sentir orgullosos", considera Losada, que recoñece que se especializou nese tipo de música baixo a influencia da banda.

Non é frecuente dar primeiro e dar de cheo, como deron co seu primeiro disco, tamén do 79, A Galicia de Maeloc. Quizais por iso, posiblemente a maior contribución do grupo foi a de abrir a billa que deu saída a outros grupos de música folk ou tradicional, seguiran o seu estilo ou optaran por outro distinto. "Milladoiro é o folk. Foi unha iniciación persoal para min e tamén unha colectiva. Quitáronnos os complexos, e foi como o agromar da música nunha cidade asolagada", di coa súa característica paixón o músico e escritor Xurxo Souto, outro adolescente alcanzado pola onda expansiva daquel primeiro disco. "Voluntaria ou involuntariamente, influíron a toda a xeración que apostou por un son estritamente acústico. Algúns confesarano de mellor grao ca outros, pero é evidente que o seu influxo se estende polas xeracións posteriores. O caso de Luar na Lubre é o máis claro, pero desde Carlos Núñez a Berrogüetto ou Fía na Roca, criáronse con Galicia no país das marabillas, aínda que logo desenvolveran outras propostas", sinala Fernando Neira.

A gaiteira Susana Seivane confésao de bo grado. "Son unha institución, tanto popular como musical. O mesmo que The Chieftains poden ser en Irlanda", asegura, e recorda que foi coa familia toda, cando aínda non cumprira os tres anos, a un concerto do grupo no Palau de Barcelona. "Mentres vivimos en Cataluña, viámolos sempre que tocaban alí, e nas viaxes en coche ata Ribeira de Piquín, eu ía atrás coa súa musica nos cascos. Eu penso que todos os gaiteiros de agora tiñamos a Milladoiro nos reprodutores musicais, e a min foron os que me animaron a emprender a carreira de solista", comenta Seivane desde Madrid, mentres mestura os temas do seu novo disco, no que inclúe algunha peza do repertorio da banda.

Un outro referente, Xosé Manuel Budiño, está de acordo. "Son os culpables de que me dedique a isto. Fun a un concerto deles en Pontevedra cando tiña uns 10 anos, e de repente vin a color que faltaba, rompéronme os esquemas porque pintaban a música tradicional, cada instrumento era unha paleta. A partir de aí fun un rapaz que lles daba a lata despois dos concertos, preguntándolles que frautas utilizaban, que micrófonos...". Bieito Romero, o líder de Luar na Lubre, foi dos que asistiron a aquel concerto dos Salesianos. "Abríronnos os ollos a todos os que gustabamos da música galega, e mesmo ós que non lles gustaba recoñecían que facían un traballo impecable. Foron os primeiros que abriron as fronteiras e tiveron moito recoñecemento popular. Quizais agora non é unha banda tan sorprendente, pero marcaron un antes e un despois", sinala. "Foron sempre coherentes a un son, e é certo que a súa evolución sempre foi moi pudorosa. Non podemos pedir a todos os grupos que se reinventen en cada álbum. Tampouco o fai Dylan", analiza Neira.

Hai dous aspectos que fan de Milladoiro unha banda un tanto atípica. O primeiro, a súa estabilidade. Quitado Rodrigo Romaní, que escolleu voar en solitario en 2000, mantense o núcleo fundador, ó que Xosé A. Méndez se sumou en 1984. Polo posto de violinista pasaron Laura Quintillán, Michel Canada e agora Harry c. A saída de Romaní trouxo a Roi Casal (que acaba de emprender a súa carreira como solista) e Manú Conde. Poucos cambios para tres décadas, nunha formación de oito. "Seguimos sendo amigos e pasándoo ben cando nos xuntamos porque non temos relacións extramusicais, non quedamos para xantar ou para saír", asegura Moncho Rei. A segunda rareza é que non teñen axente, nin mánager, nin optaron nunca por vivir exclusivamente da música. "Podiamos vivir dela, e quizais así acadariamos máis esplendor e máis proxección, pero tamén teriamos menos control do que facemos, menos liberdade para decidir se nos apetece algo ou non. Todo ten as súas consecuencias", reflexiona Rei.

Aquel camiño que abriron é hoxe unha autoestrada, conclúen os membros da banda cando botan unha ollada ó traxecto de 30 anos. "Agora hai un circuíto onde tocar que antes era inexistente, e a música tradicional está normalizada, ten o futuro ou polo menos o presente asegurado", di Pepe Ferreirós. Tamén o deles. "O fundamental é que disfrutes. Se te repites ou non o pasas ben, mellor que quedes na casa. Eu sígoo pasando ben nos concertos, sígome emocionando. Se non o fas, estás enganando a quen te escoita", asegura o primeiro dos Faíscas que colaborou con Seoane e Romaní naquel disco antecesor que lle deu o nome á banda.

O certo é que despois de toda unha vida, a Milladoiro aínda lle seguen pasando cousas. Na súa xira polos Países Baixos o ano pasado, en Eindhoven achegóuselles unha muller holandesa que tiña toda a súa discografía e que quería presentarllos ó seu marido, que non os coñecía a pesar de ser galego. En Amsterdam, outra fan pediulles unha foto dedicada para depositala no cadaleito do seu compañeiro. Milladoiro está agora en plena presentación de A quinta das lágrimas, o novo traballo que publicaron no pasado Nadal, e pensan celebrar o 30 aniversario dalgún xeito. "Non sabemos moi ben. O que si nos gustaría é poder facer algo extraordinario... aínda está pendente a edición integral da noso discografía, temos moito material en vídeo que queremos editar. Por ter, temos material ata para facer unha exposición. Depende de se hai apoio, porque se non hai propostas, ó mellor é que non se ve necesario facer nada", comenta Moncho Rei.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_