_
_
_
_
Entrevista:BASILIO LOSADA | Tradutor e catedrático de Filoloxía Galega en Barcelona | Luces

"Piñeiro converteu o meu amor a Galicia en compromiso coa terra"

Basilio Losada Castro (Láncara, 1930) é grande embaixador das letras galegas e portuguesas en Cataluña. Adicou case toda unha vida á docencia na Universitat de Barcelona e fixo do departamento de Filoloxía Galega e Portuguesa un dos de máis tradición. O seu inxente labor na tradución verteu ao castelán plumas de sona: Jorge Amado, Pere Gimferrer ou a do Nobel portugués José Saramago. Sempre renunciou á condición de escritor porque "non se pode vivir, amar e escribir a un tempo". Galaxia publica agora a correspondencia íntegra que durante case 20 anos mantivo a Losada unido con Ramón Piñeiro, o protagonista do Día das Letras 2009.

Pregunta. Como recibe o público español as literaturas galega e portuguesa?

"Levo moitos anos dicindo que a brasileira é a mellor literatura do mundo"
"En Galicia escríbese máis narrativa da que o país pode absorber"
"Ramón Piñeiro era un home de escasa flexibilidade ideolóxica"

Resposta. A portuguesa dende logo non ten unha boa recepción. A galega quizais un pouco máis, pero fundamentalmente dentro de Cataluña. Aquí houbo sempre unha minoría que tiña gran curiosidade polo que se facía en Galicia en dous terreos, o da literatura e o da política. Loitei moito tamén por dar a coñecer a literatura brasileira e portuguesa. Pero a industria do libro funciona por circuítos e hoxe en día publícanse cousas do francés ou do inglés que non se sosteñen nin teñen o menor interese pero son os que acaban nas librarías. É posible que hoxe no mundo haxa un escritor de Lituania que sexa extraordinario, pero está fóra dos circuítos.

P. Quizais a literatura brasileira sexa a gran descoñecida.

R. Levo moitos anos dicindo que a literatura do Brasil é hoxe a mellor do mundo, a máis interesante, a máis variada. É o único país do mundo onde en 100 kilómetros se pasa do Neolítico á tecnoloxía punteira. Despois é un país de razas mesturadas e esa diversidade crea situacións extraordinarias para narrar.

P. Por que o seu inxente labor como tradutor?

R. Ao principio fundamentalmente por razóns económicas. Comecei cando aínda era estudante e para min era unha boa forma de gañar cartos. A día de hoxe, como unha maneira de ler mellor. Agora, os libros que traduzo son libros que eu lería.

P. Como descubriu a José Saramago?

R. Descubrín, indo cara a Lisboa, o seu libro Memorial do Convento, que me pareceu unha inmensa marabilla. Cando llo levei aos meus amigos editores negáronse a editalo porque pensaban que o portugués non se vendía. Entón afondei na súa obra e dei con outro libro sobre a figura de Ricardo Reis [O ano da morte de Ricardo Reis] e aí un compañeiro editor interesouse porque sabía que Fernando Pessoa se estaba vendendo moi ben. Aquel libro foi un éxito.

P. Vostede só publicou, hai uns anos, unha pequena novela ambientada na Idade Media, La Peregrina.

R. Aquela novela escribina en quince días e fíxeno por necesidade. Aconteceu que eu tiña unha débeda con Facenda por uns cursos que dera en Bélxica e uns amigos editores ofrecéronse a pagarme a multa se escribía un libro. Pero foi a miña única experiencia na creación.

P. Que o afasta da condición de escritor?

R. Para min ser escritor non é só un oficio, é unha maneira de vivir. E a min non me gusta esa maneira de vivir. O meu sistema de vida elixino eu, ser feliz. E ser feliz é ser lector, coller un libro entre as mans. Non se pode vivir, amar e escribir a un tempo. Hai que elixir.

P. Como ve a poesía galega?

R. Sempre houbo en Galicia excelentes poetas. A lírica galega está hoxe ao nivel da mellor do mundo. Temos poetas extraordinarios como Manolo Rivas, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Méndez Ferrín. Eu coñezo moi ben a poesía alemana e penso que hai libros de Ferrín que están á altura do mellor que se está a facer hoxe no mundo.

P. Vívese unha época de esplendor das letras?

R. Na poesía, si. Na novela tamén, pero non tanto. Posiblemente hoxe hai un exceso de narrativa en galego en relación coa que o país pode absorber. Pero temos tamén excelentes narradores como Suso de Toro e Manolo Rivas en todas as librarías de Europa.

P. Que lle atraeu de Ramón Piñeiro?

R. A súa tenacidade fría, a constancia e a fe nun proxecto cultural. Era un home que vivía pobremente e que non tiña vaidade, nin de cartos nin de ascenso social. A súa teima era ir falando de Galicia a todos aqueles que el pensaba podían facer algo polo país. Houbo xente que pasou da mesa camiña de Piñeiro ao marxismo, pero todos eles non serían marxistas se non existise Piñeiro para abrirlles os ollos. Por exemplo, Ferrín.

P. Que se atopará o lector da súa corresponden con Piñeiro?

R. Son os anos decisivos da miña vida, cando eu rematei a universidade e encontrei en Piñeiro un mestre xeneroso. Ás veces fálase del dicindo que o seu é un maxisterio socrático. É verdade. Piñeiro soamente falaba, escribía pouco. As cartas, ao longo de 20 anos, tamén van permitir coñecer cal foi o seu verdadeiro labor por Galicia.

P. Cal era o eixe principal do proxecto galeguista de Piñeiro?

R. Piñeiro era un home con escasa flexibilidade ideolóxica e cun concepto de Galicia moi sólido. O cerne do seu ideario era a necesidade de galeguizar Galicia. E para iso, o primeiro que había que facer era prestixiar a lingua, o principal obxectivo de Galaxia. Lembro que cando lle reprochaban que Galaxia non editaba textos para o burgo, para os obreiros, el sempre dicía que xa chegaría o tempo.

P. Piñeiro viaxaba permanentemente a Cataluña.

R. Piñeiro viña moito a Barcelona por razóns políticas e culturais. Eu acompañábao sempre. Coñecía todo o staff político de Cataluña e buscaba pontes entre Galicia e Cataluña. É dicir, tiñamos aquela idea de que o futurible da terra precisaba gañar apoio e colaboración dos cataláns. Falabamos fundamentalmente de restauración cultural e da necesidade de establecer contactos coa oposición en Madrid para explicar os nosos proxectos.

P. Que resta daquel momento político?

R. Moi pouco. No canto de avanzarmos, máis ben retrocedemos. Naqueles tempos a comunidade política á marxe do franquismo creaba relacións persoais. Despois da disolución do Réxime, aquela colaboración quebrou case por completo. Pero aínda queda algo. Por exemplo, Carod Rovira foi alumno meu, aínda fala galego e coñece ben a nosa literatura.

P. Que significou Piñeiro para vostede?

R. Ramón Piñeiro foi máis importante para min que todas as carreiras que estudei. Falábame das cousas que verdadeiramente me importaban, quén fora Castelao ou a Xeración Nós. Dinme que esas cartas que agora se van publicar amosan unha relación case paterno-filial. Eu tiña un forte sentimento de amor cara a Galicia que me viña por ter nacido alí. Piñeiro converteu ese sentimento en compromiso coa terra.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_