O outro cinema
Novos cineastas procuran camiños afastados da convención industrial e estética
Nas marxes da imaxe producida industrialmente opera un outro cinema. Aquel que non entende de convencións nin cede ao previsíbel. Aquel que na tecnoloxía dixital atopou a ferramenta perfecta para non ter que dar explicacións a nada nin a ninguén. Ese cinema que, segundo explica o director da Axencia Audiovisual Galega, Manuel González, "presenta un discurso máis contemporáneo que o industrial". O premio do festival Play-Doc a Paris #1, a fita de Óliver Laxe, constitúe o último recoñecemento a un monllo de novos realizadores que se afastan dos xeitos hexemónicos de facturar filmes.
"Cada vez existe máis liberdade no audiovisual", expón Alberte Pagán (O Carballiño, 1965). O cineasta adscribe a ampliación do campo de batalla cinematográfico ao abaratamento técnico. "Noutros tempos, nun marco industrial, moita xente non podería facer este tipo de cinema", considera. Pagán, de estrita formación na imaxe experimental, non dubidou en asumir o vídeo como modo de traballo: "O primeiro que gravei foi en 16 milímetros, celuloide, e aí están as bobinas, é moi difícil traballar con elas". Tampouco en violentar os xéneros. "Procedo do experimentalismo duro", confesa, "pero sempre remato en festivais de documental, e paréceme ben".
"Cine experimental en Galicia hóuboo sempre", asegura Manuel González
A piques de estrear as tres horas en pantalla dobre de Tanyaradzwa, rodada en Zimbaue, o cinema en dixital do carballiñés é obxecto prezado fóra do país. Bs. As. (2007) aborda as distancias da emigración estruturada en díptico e levou o premio Román Gubern de cine ensaio. De Pó de estrelas, mediometraxe que escapa do estatismo de cámara para indagar na aliaxe entre horror e banalidade da civilización publicitaria, saben na redacción española de Cahiers du cinema: escollérona entre as mellores da colleita de 2008.
Na selección da revista de orixe francesa, a de Pagán non resultou a única fita galega. Susana Rey contribuía con Cousas do Kulechov, unha ollada lúdica ás propiedades da montaxe cinematográfica segundo o soviético Lev Kulechov. Rey xoga a recontextualizar fotogramas de arquivo para recrear unha hipotética invasión de Galicia. "Gústame entrar en camiños escuros, arriscar", explícase, e traza unha analoxía coa ciencia: "Como un científico no seu laboratorio". Pero o traxecto da cineasta pontevedresa, que case ten rematada a peza Contrafilmes, non cadra co habitual na quinta do outro cinema. Traballadora do equipo de arte en Fisterra (Xavier Villaverde, 1997) ou n'Os luns ao sol (Fernando León, 2002), non rexeita o cinema industrial e declárase seguidora de David Lynch ou "dos filmes cheos de vida de Kusturica".
Susana Rey non esquece mencionar a dixitalización da imaxe como factor decisivo. "O cinema vira máis asequíbel", apunta, "non máis doado, malia a que o dixital permite a experimentación". A directora prepara o seu debut en longametraxe, un híbrido entre falso documental, cinema poético e ensaio, de título A maxia do cinema, coproducido en Cuba. "Trata sobre o cinema como utopía e como trampa", argúe, antes de manifestar o seu interese por compañeiros de promoción "non tan inclinados cara ao experimental", Olalla Sendón ou Rubén Coca, e lembrar a vocación non convencional da xeración dos 70: o propio Villaverde, Xurxo Estévez ou o primeiro Antón Reixa.
"Cinema experimental en Galicia hóuboo sempre", apón Manuel González. Antes de Villaverde e Reixa, filmaron Díaz-Noriega, Lorenzo Velallos -"que facía un cinema estilo Jonas Mekas en Vigo e nos 60"- ou o Equipo Lupa de Euloxio Ruibal. "Nós decidimos que ese cinema tiña o mesmo dereito a existir que o industrial", afirma o responsábel da Axencia Audiovisual. As bolsas de creación, nas que o beneficiario só debe entregar copia do filme e do guión, foron unha das principais novidades introducidas polo organismo de Cultura. Susana Rey glosa "a importancia de que as axudas institucionais vaian directamente ao creador e non haxa que montar unha empresa". O historiador José Manuel Sande conecta o agromar desta "vangarda" co sistema de axudas "dos últimos catro anos e rachou coa convención da duración".
O cazador baséase nun relato de Anton Chekhov, transcorre en tres actos e o cineasta, Ángel Santos (Marín, 1976), procura efectos de distanciamento tal o Jean-Luc Godard de mediados dos 60. "Godard é unha referencia inexcusábel", apunta, "igual que toda a Nova Vaga francesa". Aínda que as tres curtametraxes de Santos, amais d'O cazador, A. (2002) e Septiembre (2004), encádranse na ficción, "o coñecemento da historia do cinema provoca que non te conformes coa maneira usual de contar; O cazador propiciaba esa busca".
"Arestora comezo a descubrir afinidades". Ángel Santos menciona a Óliver Laxe, -"a quen coñecía, basicamente, de coincidir nas salas de cine en Barcelona"- e constata proximidades á hora de abordar un filme, de responder á pregunta de por que se fai cinema. "O traballo dende unha ollada máis persoal". Laxe, fillo da emigración en París, reside en Tánxer, onde constrúe o filme que sucederá aos aclamados 28 minutos, a medio camiño entre a antropoloxía poética e o esteticismo de certo ensaio en imaxes, de Paris #1. Este días procuraba localizacións para o proxecto en Larache, no interior marroquí.
Para Sande, tamén programador no Centro Galego das Artes da Imaxe, un dos espazos abertos á recente fornada alternativa, existen "escritas fílmicas moi diferentes entre si". No entanto, na segunda edición do Dicionario do cinema en Galicia, presentada este ano, os redactores ampliaron a entrada sobre "cinema afeccionado e alternativo". Amais de a Pagán -"autoxestionario, clandestino, que vai cara a un cinema abstracto"- Sande enumera máis propostas: Borja Mucientes, autor de Túnel; Lara Bacelos, centrada no documental subxectivista; a animación de Juan Pablo Echeverri ou Peque Varela.
Manuel González abandonará a Axencia coa entrada do Goberno da dereita. "Deixamos o testo aboado e con sol, coa planta medrada; a ver que acontece". Polo de pronto, non ve a esta peculiar e nada homoxénea xeración cometendo os erros dos seus maiores. "Os dos 80 remataron fagocitados pola televisión e acabouse, pero estes poden resisitir; Pagán demostra que se pode facer, Óliver Laxe demostra que se pode facer".
As páxinas de Luces non se publicarán a semana que vén.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.