Reportaje:Luces

Posibilidades dun Valente galego

Os estudos arredor da súa poética contrastan coa ausencia dunha biografía propia

A obra de José Ángel Valente (Ourense, 1929- Xenebra, 2000) nunca foi popular. Porén, da súa pegada nunha topografía poética española, aberta no que atinxe aos autores entalados na generación de los 50, aínda se recoñecen os conflitos inducidos, ás veces, pola súa célebre manía de opinar igual sobre vivos e mortos. Convertido -malia as feridas sen encoirar- nunha das últimas grandes voces da poesía europea, así se foron espallando as cousas da vida e da obra. Sábese máis das liortas extraliterarias do poeta, ou do seu diálogo con Cernuda, Agamben ou Lezama Lima, que da súa relación con Vicente Risco, ao que lle adica Sete Cántigas de alén.

Tras un primeiro volumen de poesía e prosa, a obra completa de Valente acabouse de fixar no fin de 2008, coa publicación dos Ensaios (Galaxia Gutenberg-Círculo de Lectores). O poeta e crítico lugués Claudio Rodríguez Fer, responsable do prólogo e da compilación dos textos na última edición de Andrés Sánchez Robayna, sintetiza a obra galega do ourensán. Trasladado á nosa literatura, o poeta estatal que máis bibliografía xera -a Cátedra Valente de Poesía e Estética que dirixe Rodríguez Fer reunirá en breve os ensaios de Juan Goytisolo- non é un caso Valle-Inclán, anque a súa linguaxe tamén se conserve moderna.

Pimentel mereceu un Día das Letras con menos obra en galego
"Se chega coincidir con Piñeiro igual tiñamos un poeta nacional"
Só o epistolario xa podería enxergar un volume de relacións con Galicia

Más información

En poesía, falamos do poema solto Finisterre (La Noche, 1947), as Sete cántigas de alén (Do Castro, 1981, ampliada tres veces ao longo da década) e da cantiga Na mar de Vigo (incluída no libro de artista Alén, con gravados de Leopoldo Nóvoa), amais dos cinco poemas de Hölderlin que traduciu para a revista Unión Libre. A prosa consta de sete pezas: o discurso de resposta do doutoramento honoris causa na Universidade de Santiago, a conferencia Figura de home en dous espellos e cinco textos máis. "É unha obra moito máis pequena cá que escribiu en castelán, pero máis abondosa que a doutros autores galegos aos que se lles adicou o Día das Letras", remarca Rodríguez Fer. "Entroutros Martín Códax, Meendiño, Xohán de Cangas, Pimentel ou Blanco Torres". "Galeguizar" ao autor de Material memoria, na medida do posible, pasaría "por unha biografía detallada con respecto a Galicia". Tamén por unha análise do seu peso na lírica galega contemporánea. Para o poeta e crítico lugués, con máis de 30 traballos sobre Valente, "influíu máis do que se di e moito máis do que se confesa, pero por razóns ideolóxicas non se tracexaron estudos comparativos desa caste".

Non opina exactamente igual Arcadio López Casanova, cuxa primeira poética adoita emparentarse co Valente social de A modo de esperanza, igual que ás veces espella a etapa de El fulgor na obra de Ana Romaní ou Lois Pereiro. "Na Compostela dos 60 limos os seus primeiros libros, e os de Claudio Rodríguez ou Brines, e mesmo sintonizamos con eles... Mais coido que non influíu nada, ou moi pouco, nos autores galegos, nin nos do realismo social nin na renovación, a partir de 1976. Quizais non houbo sintonía coa etapa da mal chamada poética do silencio". As Cántigas parécenlle "unha fonda aportación, nunha liña pouco desenvolvida entre nós". Aquí e (un pouco menos) alá. A liña encetada por María Zambrano, que despois o levaría a anoar, entre a arte e a filosofía, a anguria de Celan coa mística española, hebrea e sufí.

Fóra de Galicia en 1948, e de España en 1954, sistematizar os pasos perdidos de Valente en relación co país é a tarefa pendente. Por papeis non ha ser. Os materiais da Cátedra, na biblioteca da Facultade de Filoloxía compostelá, fornecen teses doutorais de Francia a Nova Celandia. Só o epistolario podería enxergar un libro galego. "Hai moitas cartas agarimosas de Antón Risco, Vicente -polo Premio Adonais-, Novoneyra -ao que coñeceu en Madrid-, Ferrín -que loubou as cántigas-, Xohana Torres, Blanco Amor, Luz Pozo, Dieste...", enumera Rodríguez Fer, "pero aínda as estamos transcribindo". A relación con Galaxia é nula a efectos documentais. Valente tamén estaba fóra.

Neste sentido, o complicado segue sendo fixar o seu lugar en Galicia, se concibimos este en termos de amor, odio ou compromiso. Por textos ou testemuños sabemos que volvía decote a Rosalía e que interpretaba a Castelao en clave federalista. Que herdou unha biblioteca republicana dun cura fuxido. Que podía falar de filosofía con Fraga Iribarne, ao que lle enviou unha carta persoal para impedir a execución de Grimau -o futuro embaixador en Londres intentaría despois, en balde, rescatarlle o pasaporte cando El uniforme del general motiva un consello de guerra-. Que a súa relación con Ourense, ás veces, fica presa na memoria en prosa de Intento de soborno. Un relato da humillación diaria do pai "calígrafo" -un exemplo de dignidade antes e despois da guerra-, apoderado na ferretería Villanueva y Zarauza, na antiga rúa General Franco.

"No fondo foi un exquisito que nunca se enzoufou, cando había xente do PCE á que estaban colgando dos testículos", espeta Xesús Alonso Montero, compañeiro de clase en Madrid. Valente colaborou no exterior co Frente de Liberación Popular, os felipes, no que se aliñaban desde cristianos de base ata situacionistas de primeira hora. "Como cidadán galego pouco exerceu", di Alonso Montero, prologuista e corrector -con Dieste, Novoneyra e César Antonio Molina- das primeiras Cántigas. Alén deses exercicios, fala dun poeta en galego "episódico pero importante", que non atopa voceiros "nin en Galicia nin en España". Ao fío da redención, o académico invoca a Ramón Piñeiro: "Por a penas un ano non coinciden en Galicia... Quizais agora estariamos falando dun poeta nacional".

* Este artículo apareció en la edición impresa del jueves, 12 de febrero de 2009.