_
_
_
_
Luces

Entre o senso e o son

Gonzalo Navaza e Suso Pensado traducen obras cumes da literatura francesa

Se o lugar común fose certo (traduttore, tradittore), Galicia sería arestora un país pouco recomendable para vivir, pois o número de "traidores" desta caste medrou escandalosamente na última década. E por partida dobre: a culpa de tantas traizóns non é só dos perpetradores senón tamén das vellas e novas editoriais que están a loamiñalos: Galaxia, Laiovento, Xerais, Positivas, Sotelo Branco, Rinoceronte, Urco, Kalandraka. Secasí, o tópico é só iso: un simple xogo de palabras, dabondo conseguido pero falso. Traducir non é traizoar. A tradución é un transvase de beleza que, abofé, endexamais se dá a feito pero que moitas veces inunda de abraios. E mesmo hai palabras, versos, frases... milagres nos que o produto final é mellor có inicial. Sobre todo cando o tradutor ou a tradutora exerce asemade a escrita.

Traducir non é traizoar. A tradución é un trasvase de beleza

Así acontece con Gonzalo Navaza e Suso Pensado, poetas, narradores, ensaístas e tradutores. Creadores a catro bandas. Pois traducir é outro xeito de re/crear un universo no noso. Abonda con se asomar a estas augas fondeadas (Navaza, As flores do mal, de Charles Baudelaire, en Galaxia, e Pensado, Os alimentos terrestres, de André Gide, en Laiovento) para achar relanzos tan fermosos ou máis cós franceses. Pero por que Baudelaire? Por que Gide?

"Coa poesía de Baudelaire teño trato dende a adolescencia", explica Navaza, "xa que sempre fun moi afrancesado, e algúns dos poemas traducíraos hai máis de 20 anos, en versións que agora retoquei e corrixín. O caso é que en 2006, coincidindo co 150º aniversario d'As flores do mal, ocorréuseme sumarme ás celebracións cunha escolma en galego para a Grial. Pero a Carlos Lema, director editorial de Galaxia, gustoulle tanto que acabou convencéndome para facer toda a obra".

Para Pensado, "a primeira razón" que o levou "a traducir Os alimentos terrestres foi a de ser un elo fundamental da literatura do século XX, inspiradora de toda unha xeración de poetas". "Cando a lin por vez primeira tiven a rara impresión de non comprender practicamente nada do que quería dicirme. Esa incomprensión fascinoume. Decidín penetrar nas distintas capas do texto, relelo do mellor xeito que coñezo: traducíndoo, ata case intuír os mecanismos compositivos de Gide".

Recoñecido e "rehabilitado", a partir da vindicación dos superrealistas, como un dos alicerces da poesía moderna, As flores do mal gozaron e sufriron, neste século e medio, as máis variadas operacións. Se no século XIX o canónico era respectar a forma por riba do fondo, a maioría dos tradutores do século XX defenderon a fidelidade, quer en verso libre, quer en verso branco e mesmo en prosa (como segue a acontecer con clásicos grecorromanos). Navaza, admirador de auténticos mestres na materia coma Lois Tobío ou Darío Xohán Cabana, optou por manter rima e medida, aínda que "fuxindo de imitar as músicas do orixinal". A explicación da súa opción aparece claramente detallada no epílogo ó seu traballo, un dos mellores que se realizou na Península. "Anos atrás non era partidario das traducións rimadas, tiña certa prevención contra elas", di, malia a que agora defende "traducir respectando as cuestións formais está máis que xustificado. Poñer As flores do mal en verso libre ou en verso branco sería distanciarse demasiado do seu celme, renunciar a unha parte esencial dos poemas. Con respecto a Baudelaire podemos subscribir a Paul Valéry, consonte o cal un poema é unha 'hésitation prolongée entre le son et le sens'. N'As flores do mal, o son ten unha importancia enorme. Tanta coma o sens. O propio Baudelaire fala dos elementos formais coma mecanismos que provocan o desenvolvemento autónomo do poema, segundo as teorías do seu admirado Poe. As flores do mal foi un libro terriblemente revolucionario no senso sen deixar de vestir roupas convencionais no son".

No caso do libro de Gide había dificultade engadida: a súa "indefinición xenérica", ata o punto de que tradutor e editor non sabían en qué colección inserilo. Os alimentos terrestres, consonte Pensado, "é un mosaico, unha composición moi sutil e complexa, malia a que o propio autor afirme o contrario, para que 'non teñamos que elixir' entre un rexistro ou outro". Unha sorte de estrutura multicelular que se resiste á ollada clasificadora do microscopio. "Aí radica a confusión inicial que provoca a obra", engade Pensado, "mais tamén a fascinación".

A dificultade a maiores de Navaza era doutra índole: "Eu coñecía de cor moitos dos textos de Baudelaire e tiña que facer serios esforzos para non sentir a súa versión en galego como vulgar parodia. Dos poucos poemas que finalmente deixei con rima asonante fixen tamén outras versións con rima consonante, pero non me acabaron de convencer, cada desvío da literalidade me parecía un sacrilexio. A edición é bilingüe; amosa impudicamente os seus erros e os seus desvíos. O meu único obxectivo, a miña única esperanza era que o lector galego puidese ler na nosa lingua a Baudelaire. Como aseverou Umberto Eco, traducir é 'dire quasi la stessa cosa'. Case".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_