O músculo da cultura
A industria inaugura a súa feira empresarial sen medo á crise económica
"A arte irlandesa é o espello roto dunha criada", definiu entre o amor e o odio a produción creativa da súa incipiente nación James Joyce hai un século, no Ulises. O estado do espello da creación cultural galega pódese comprobar esta fin de semana no Cultur.gal. Inaugurada onte no Palexco da Coruña, a Feira Galega das Industrias Culturais serviría para poñerse ao día a calquera sedento de apurar en catro días o tipo de produtos que se crean aquí baseados na imaxinación. Máis de cen entidades e empresas con pavillón propio, concertos, presentacións, proxeccións, obradoiros e showcases. Non están todos os que son, pero si son todos os que están.
O Cultur.gal na Coruña sucede ao que se celebrou o ano pasado en Pontevedra, centrado exclusivamente no libro e organizado pola Asociación Galega de Editores. Nesta ocasión, a cita organizouse ao abeiro da Consellería de Cultura e ábrese a todas as artes creativas, da música ás empresas de servizos, "porque se entende que uns sectores tiran dos outros", asegura Nel Vidal, director do certame. Non é o único cambio. Mudou de Pontevedra á Coruña "por ser unha cidade máis grande e porque ten o maior índice de vendas de produtos culturais", asegura o seu responsable, quen tamén recoñece que as datas, entrado decembro, están escollidas a propósito para o efecto Nadal. Vidal non teme que a crise contrarreste ese efecto: "Á industria cultural é das que menos lle afecta, quizais porque vive en crise permanente e está afeita a sobrevivir nesas circunstancias, ou quizais porque nesta situación, a xente recorta gastos máis importantes e procura agasallos máis económicos".
"A industria cultural é das que menos lle afecta a crise, está en crise permanente"
A cultura achega un 2% ao PIB galego, a transformación do leite, o 0,26%
A implantación dunhas industrias culturais galegas e a existencia ou non dunha burguesía con sentido do país son os dous clásicos, ou as dúas caras dun mesmo tópico, dos debates de cafetaría. Un cálculo moi conservador estima que a achega da cultura ao PIB de Galicia é dun 2% (se parece pouco, a transformación do leite é o 0,26%). Aquí teñen a sede social case o 11% das empresas de edición, o 10% das audiovisuais e o algo máis do 1% das de gravación, aínda que soamente 38 desas empresas contan con máis de 50 traballadores. Con todo, o espello roto da criada mantén arredor de 25.000 postos de traballo.
Claro que non a todos os sectores lles vai igual. O do libro é o máis estable, con presenza propia en feiras internacionais, e empresas consolidadas, pero rexistra un certo estancamento e dous aspectos un tanto preocupantes: a metade da produción ten orixe ou destino escolar, e a Xunta segue a ser a meirande editora en número de títulos, dos que nin a metade están en galego.
O audiovisual vai vento en popa, dentro dos parámetros patrios. En 2007, a produción global de creacións foi de 273, cando en 2004 soamente se produciron 101. O ano pasado, por vez primeira, o número de curtametraxes subiu do cento. No primeiro semestre deste 2008 producíronse 13 longametraxes de ficción, oito delas en versión orixinal en galego, cando nos 16 anos anteriores fixéronse no noso idioma unicamente catro. Neses seis meses graváronse catro filmes de animación, 15 documentais e 60 curtas, e o 90% foron en galego.
"A música está nun momento difícil e nunha etapa de transición. Non se venden discos, a música galega é difícil de visibilizar, porque, por exemplo, nas grandes superficies póñennos no apartado de Músicas do mundo, pero hai empresas que se están consolidando, a Radio Galega está a facer un labor importante e a creación musical cada día vai a máis", analiza o seu sector Cristina Labandeira, xerente de Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), unha das entidades que organizan as II Xornadas da Industria Musical Galega dentro de Cultur.gal. Nel Vidal é mais optimista, polo menos no que se refire á música en vivo: "A música deu un salto tremendo en dous anos, houbo máis concertos que nos últimos dez".
Tamén, segundo os datos do que foi o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), houbo un salto nas artes escénicas. Na Rede Galega de Teatros e Auditorios, as 365 funcións que se deron ata xuño de 2007 ascenderon a 432 no primeiro semestre de 2008, e con elas o público (de 42.647 espectadores a 58.279), a porcentaxe de ocupación (do 29,71% ó 37,04%) e a facturación: de 127.500 euros, en números redondos, a 175.000. O teatro galego tamén demostrou, segundo o responsable da nova Axencia Galega de Industrias culturais (Agadic), Miguel Martín, que funciona fóra. De 70-80 representacións no exterior de Galicia, pasouse a 320.
"O papel da Administración é poñer máis recursos para axudar a que os diferentes sectores sexan menos dependentes e máis autónomos", explica Martín sobre o cambio de chip que tenta facer na Agadic e no campo da creación en xeral. "Sodes vós os que tedes que vender a vosa produción', dígolles aos que veñen con ideas de que lles coloquemos os seus produtos", asegura, antes de concretar: "Nós podemos dar subvencións para distribución, para ir a feiras pero non asumimos o papel de empresas". E tamén subliña un cambio de actitude: "Vemos a diferenza cultural, ter unha lingua propia, como un problema, cando en realidade é unha vantaxe competitiva e temos que aproveitala para comernos o mundo".
"As ideas son o valor máis potente dunha sociedade para desenvolverse por si mesma. O que hai que crear son as estruturas, resolver os problemas de instrumentalización, capacitación e financiación", di un dos referentes máis claros do que se conseguiu, Vitor Belho, da empresa Nordesía. "Hai ganas, ideas, ilusión. Precísase pulmón, músculos", sintetiza Belho. "A creación sen máis non vale de nada", sentencia Miguel Martín.
De todo e para todos
O orzamento do Cultur.gal son 400.000 euros, e case se recuperarían en entradas se a chea de actos que concentra non fosen públicos e gratuítos (algúns son específicos para profesionais dos espectáculos). Quizais pola situación de crise que din que atravesa o sector, os da música son dos máis activos. Argallaron desde showcases (demostracións) de grupos para mostrarlles as últimas novidades ós programadores, a mesas redondas. Montaron o Music.gal, un espectáculo multidisciplinar que combina música (actuarán Dios Ke Te Crew, Marful, O Sonoro Maxín, Projecto Mourente, The Homens, Proxecto Zocas) teatro, danza, poesía e artes plásticas. E editaron un cedé recompilatorio, A música que facemos, que repartirán de balde entre o público.
Neses catro días de feira faranse ademais arredor de 30 presentacións de libros. A corpo aberto, de Manuel Rivas; O natural é político, de Teresa Moure; O globo de Shakespeare, de Jaureguízar; os álbumes A serea do mundo e O país branco, de Encarna Otero e Elisa Gallego Picard; Os globos de andar, de Xavier López Rodríguez. Eles e outros asinarán libros e medio cento de autores participarán nun programa, Falemos de libros, que se poderá seguir por Internet. Haberá tamén obradoiros de dobraxe, de hip hop, de monicreques, de animación con plastilina... un non stop desde as dez da mañá a xa se verá pola noite.
"Ó final farase unha valoración, para analizar cousas como a itinerancia, mesmo se é interesante crear unha Fundación Cultur.gal na que estean representados todos os sectores para organizar as vindeiras edicións", sinala o director, Nel Vidal.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.