Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
PSICOFONÍAS

De onde son os filmes?

Asisto en Verines (Asturies) aos tradicionais encontros de escritores que organiza o Ministerio de Cultura, dedicados este ano ao tema de Cinema e literatura e á memoria de Rafael Azcona. No encontro, tres ponentes asumen a presentacion do inventario e valoración dos filmes producidos en Cataluña, Euskadi e Galicia. Os tres, en determinado momento, manifestan a súa dúbida en se os fimes producidos nos seus territorios deben ser considerados filmes vascos, galegos ou cataláns.

Evidentemente a lingua orixinal desas producións está na base dese desconcerto. Seguro que para definir as literaturas deses países a lingua respectiva sería un criterio suficiente. Establecer a nacionalidade dos filmes, máis alá da titularidade das producións ou da orixe dos seus autores, é complicado nunha industria bastante apátrida que comercialmente pouco máis distingue que cinematografía americana, latinoamericana, europea e, se cadra, india. En Europa, ademais, súmase a cuestión dos diferentes hábitos de consumo de cinema dobrado ou da utilización da lingua propia como lingua de rodaxe en ámbitos culturais nacionais normalizados.

Os encontros cérranse coa boa noticia para o cinema e a liteartura de que a adaptación de Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez, a cargo de José Luis Cuerda e con guión de Rafael Azcona, está seleccionada para representar a España nos óscars. Creo que é unha boa noticia tamén para celebrar este ano do audiovisual galego (como no seu día o foi Mar adentro, con actores, localizacións e unha boa parte de lingua de Galicia na súa versión orixinal) porque internacionalmente se difundirá a nosa industria e o talento propio.

Pero, sobre todo, e tamén, porque neste mesmo ano unha produción cinematográfica con versión orixinal galega, Pradolongo, de Ignacio Vilar, se distribuiu masivamente en Galicia e comeza a selo razoablemnte no exterior. A diversidade é tamén unha forza da nosa industria cultural. Concentrémonos en facer películas universais e propias e seguiremos avanzando.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 3 de octubre de 2008