Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

O segredo Xohán Xesús González

Coinciden nas librarías dous libros arredor do marxista e galeguista fusilado

O rastro más coñecido sobre Xohán Xesús González atópase probabelmente no poema que abre Con pólvora e magnolias. "En Compostela soterraron a semente / chamada Xohán Xesús González, porta / dun futuro suntuoso e proletario", escribía Xosé Luís Méndez Ferrín no seu libro de 1976. Referíase ao home que, en 1933, armou a Unión Socialista Galega e anticipou a historia do nacionalismo político ao xuntar galeguismo e socialismo científico 30 anos antes da fundación da Unión do Povo Galego. "Intrésanos somentes precurar un vencello que nos xunga a todol-os socialistas galegos, que, sentindo fondamente a vida de Galicia, sentimos tamén as doutriñas marxistas e nos afanamos en interpretal-as e adaptalas â realidade galega", declaraba o manifesto fundacional da organización, recollido n'A Nosa Terra.

"Sentimos as doutriñas marxistas e nos afanamos en adptalas a Galicia"

A "insólita" Unión Socialista Galega foi partido nacionalista non interclasista

Pero Xohán (ou Xoán) Xesús González ficou na face escura da historia galega. Fusilado o 12 de setembro de 1936, logo de organizar a breve resistencia ao golpe fascista en Santiago de Compostela, González nacera na parroquia de Cequeril, concello de Cuntis, en novembro de 1895. A loita permanente de Xoán Xesús González, de Marcos Seixo Pastor e editado por A Nosa Terra, e Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego, de Héitor Picallo e na rúa da man de Edicións Laiovento, veñen de coincidir nas librarías. "Trátase dun personaxe importante na historia de Galiza", sinala Marcos Seixo, "implicado nas loitas estudantís e agrarias, e na pelexa polo galeguismo".

Antes de trazar o perfil político-cultural de González n' A loita permanente..., Seixo xa reeditara a noveliña A modelo de Paco Asorey, publicada orixinalmente na colección Lar, precedida dunha ampla biografía de González. "Agora entrei máis a fondo no seu pensamento", sinala Seixo, o dun sindicalista da UGT, posterior militante do PSOE e galeguista irredento: "Rompeu co PSOE porque consideraba que o socialismo debía ter base nacional". Seixo reivindica o "insólito" da Unión Socialista Galega, "un partido nacionalista e non interclasista", minúsculo pero no que mesmo se integrou o xornalista Raimundo García Domínguez, Borobó e no que o historiador detecta "ideas independentistas".

O home de "posicionamentos radicais", que facturou literatura en función da súa ideoloxía, tamén desenvolveu traxectoria xornalística. D'A Nosa Terra a El Pueblo Gallego, o volume de Héitor Picallo, prologado precisamente por Méndez Ferrín, repasa as actitudes do González escritor na prensa: a defensa dos dereitos da muller, a crítica de pintura ou a lingua. "Estoy de acuerdo con Felipe Fernández Armesto, en la designación de [Eugenio] Montes y [Ramón Otero] Pedrayo para representar al idioma gallego en la Academia de Lenguas Ibéricas, como en lo sucesivo se debe llamar a la Real Academia de la Lengua Española", matinaba, en El Pueblo Gallego, contra 1926.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 13 de junio de 2008