_
_
_
_
Reportaje:Luces

O 'indie' despois do 'indie'

Músicos e promotores analizan o estado da música alternativa e o raquitismo da escena. "Falta mercado", din. "Unha cousa é ser independente e outra ter sempre os mesmos medios"

"Somos poucos e non nos queremos demasiado", di Martin Wu, o cantante de The Homens, crítico co estabulamento da industria, mais tamén de moito público. "No que atinxe ao pop en galego, eu creo que a etiqueta, de habela, ponse en función do estilo, non por cantar ou non en galego. Sobran prexuízos, si, pero tamén faltan cancións".

Como signo de normalización, Noel Feáns publicita A Regueifa Discos, que editou en cedé o canto galego de Projecto Mourente, Ataque Escampe e Fanny& Alexander. Despois do verán sairán os traballos de Colectivo Oruga e Noise Project. O camiño aínda non é gravar coa Orquesta Sinfónica de Bratislava, como fixeron os cataláns Antònia Font, senón "darlle saída a ese indie en galego" e acabar de corrixir o retrouso mental que vencellaba o idioma "a algo non moderno dabondo para o pop".

Canda Julián Hernández e Nonito Pereira, Feáns forma o xurado do I Concurso 100 Pipers de "música alternativa galega". Este procedemento aínda é usual, pero os novos patrocinios larfan desde hai tempo os rituais promocionais da industria (presentación, single, videoclip). O selo discográfico de Movistar, por exemplo, decidiu apostar polos nigraneses Rag Dog, que participarán a finais de xuño no Festival Rock in Río de Madrid.

Ese aínda non é o xeito habitual de gañar visibilidade fóra. Combo Dinamo (ex-Mistakens), 6PM -que hai un ano presentaban no Primavera Sound o seu celebrado Far from perfect- ou Jugoplastika puxéronse en mans de Junk Records, con sede en Madrid. Nas tendas galegas é difícil atopar os seus traballos. Malia o traballo soterráneo de selos independentes como Lixo Urbano, nucleado arredor de Samesugas (presentes no tributo internacional a Turbonegro), El Beasto ou Lejos Discos, a penas hai canles de especialización en Galiza fóra do mundo folk.

"O rock segue gustando, pero non hai onde escoitalo", resumen os membros de The Royalties, postos no práctico. A banda compostelá fala da Rede Galega de Música: "O IGAEM dálle cartos ao local e á banda, pero o local xa cobra o mínimo, así que non se esforza na promoción. O que se necesita son máis salas, pero de verdade". Quizais porque unha banda independente que quere acadar visibilidade, na era do myspace, aínda ten que tocar moito para intentar vender nos concertos.

"Si hai unha escena indie galega: estes son os locais e estes son os promotores", ironiza o coruñés Miguel Prado, ex guitarrista de Triángulo de Amor Bizarro e fundador, con Raúl García e Rafael e Roberto Mallo, do selo Taumaturxia, que se engade a colectivos como Arkestra, Alg-a ou Escoitar.org: manifestacións culturais refractarias á industria. Ata o de agora editaron en CD-R o disco de Volontè e Sonrisas vendo, o concerto que dera na Fundación Luís Seoane Josetxo Grieta, última reencarnación do falecido vocalista de Cancer Moon. "Gustaríame que a industria non fose quen de rendibilizar o noso traballo; pero se alguén quere enriquecerse con el, boa sorte".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O suposto indie galego coñecido retrátao Marco Maril, o inventor de Apenino. Maril, ex Fulsomes e Dar ful ful, vén de sacar Un rayo de sol (Jabalina), coa enxeñería de Arturo Vaquero e os deseños de Javier Aramburu. "Hoxe indie non significa nada. Deluxe non deixa de ser mainstream, e CatPeople aproveitouse do rollo Interpol. Como algo visible queda Triángulo de Amor Bizarro...". Maril non apreza paralaxe con respecto á escena en España: "A promoción é outra cousa, pero hoxe calquera fai un disco na casa. O das salas de concertos é un problema á parte".

Apenino comparte selo con Nadadora. Os grovenses acaban de sacar, en reviravolta electrónica, La química que nos une. "Quizais hai un certo complexo entre o que é indie e o que non. Faltan medios e percorrido de mercado", di a vocalista Sara Atán. "As multinacionais apostaron polo indie e non lles saíu ben, pero en Cataluña, por exemplo, Manos de Topo saen nun selo [Strange Ones] da cooperativa musical Sones". "Unha cousa é ser indie", matiza, "e outra ter sempre os mesmos recursos".

Dacabalo entre os 90 e o novo século é o vigués Eladio Santos, guitarra e voz de Elodio y los Seres Queridos. Santos xungue unha vida de independencia cun feixe de anécdotas en multinacionais (Warner) da súa época con Medusa. "A promoción podíamola facer en avión, e despois tocabas nun festival con La Oreja de Van Gogh e acababas pasando fame". Agora é distinto. "Se algo é bo e ten un directo aplastante, é máis doado que triunfe sen apoios. O malo é que xa non se pode vivir tan ben".

"Un Benicàssim non é posible"

"Eu nin sequera falaría de escena galega, aquí cadaquén vai abrindo paso a machadazos", di Joaquín Martínez, un dos propietarios de La Fábrica de Chocolate. Os responsables da sala de concertos viguesa, con selo e management (Deluxe, The Gift, Le Punk ou Josele Santiago), foron reducindo o traballo de merchandising e venda de discos para potenciar o directo.

Agora, coa axuda de Fankani Produccións e de Heineken na promoción, naceu Galicia Escoita, coa idea de acubillar na mesma marca os festivais Cultura Quente (Caldas), Fax (Ourense), Mar de Fondo (Noia), Vibrasons (Pontevedra), SoneArte (Viveiro), Vibrasons (Pontevedra), Reperkusión (Allariz) e o Día da Música en Santiago, a celebrar o vindeiro 21 de xuño. Martínez aclara: "En Galiza non é posible facer un Benicàssim. O verán aquí é moi particular, hai unha cantidade incrible de eventos gastronómicos... Pero queremos facer as cousas con criterio. Así poderemos mellorar a difusión e a calidade destes festivais, e igual en dous anos estamos en Fitur".

O único festival que programa exclusivamente música independente galega é o ArteNativa, a celebrar en Valga durante o 8 e o 9 de agosto. Óscar Cereijo, de Noise Project, está na organización. "Se hai diñeiro para organizar unha festa con dúas orquestras a 10.000 euros cada unha, debería habelo para outras cousas", sintetiza. O espírito está claro: "Non aspiramos a ser mainstream porque non vivimos disto, chéganos con facer o que nos gusta". Este ano hano facer con 18.000 euros.

De "impulsos individuais" fala tamén Xulio Gómez, do colectivo vigués Sinsal Audio. Sinsal leva xa seis anos programando música non comercial, de Explosions in the Sky a Bonnie Prince Billy ou o vigués Magú Castromil (O Fillo Pausado), en moitos casos adiantándose ás seccións tendencia das grandes citas estivais.

"A capacidade de procesar toda a información que se xera segue sendo moi limitada", remarca Gómez, que demanda medios especializados. "Como lle imos pedir calidade á escena se o que realmente chega son as fórmulas xeneralistas?". Ata hai un ano, dous terzos do que custa o Festival Sinsal arriscábano eles.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_