Os 1.100 nomes da vaca
Unha tese recompila as palabras relacionadas coa raíña do campo galego
"Tiña claro que quería facer un estudo dun campo léxico rico en posibilidades", di Xosé Afonso Álvarez, "e algo que non estivese estudado". Na fenda entre recompilación e estudo do patrimonio lingüístico sitúase a súa tese O léxico da vaca: nomes baseados no físico, dirixida polo profesor Manuel González, presentada recentemente na Facultade de Filoloxía de Santiago. O traballo, resultado de catro anos de investigación, analiza 16 subcampos semánticos vencellados coa anatomía externa da vaca. Desde os nomes que se lle dan ao animal adulto e ás crías ata os cornos. Álvarez extraeu as denominacións dunha rede de 381 puntos de enquisa, que abrangue as que realizaron en 1969 os alumnos de Constantino García e -sobre todo- o material do Atlas Lingüístico Galego recollido entre 1974 e 1977, con traballo de campo de Francisco Fernández Rei, Rosario Álvarez e o propio Manuel González.
Co material xa recollido, e valéndose das bases de datos do Instituto da Lingua Galega e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ademais de referencias clásicas coma o Diccionario de diccionarios de Antón Santamarina, Álvarez analizou a distribución xeográfica das respostas, clasificándoas segundo a motivación do falante, e representounas cartograficamente en 209 mapas. As 1.100 formas atopadas inclúen estudo etimolóxico, morfológico, lexicográfico e literario.
"A batalla lingüística entre terneiro e tenreiro ten case mil anos", bromea o autor da tese. "A raíz latina é teneru , un adxectivo que logo se substantivizou. Se imos aos documentos latinos, atopamos tenreiro no tombo do mosteiro de Caaveiro, nun documento de 1.150; pero doce anos máis tarde atopamos referencias a unha vaca ternaria no mosteiro de Sobrado". Esa é unha palabra clara. A creación de cuxo ou xato, sen embargo, tanto podería responder á voz de chamada para guiar o gando como a outra caste de creación expresiva, a partir da reprodución onomatopeica dun becerro chuchando leite.
Analizadas polo miúdo, as motivacións dos falantes aínda alimentan a literatura. Naquela economía de subsistencia, a xente poñíalle nomes a un proceso produtivo que coñecían ben. "Para a forma dos cornos é evidente que hai moita relación coas ferramentas do campo. Picaña, gadaña, forca, forquita... O falante acode ao que ten a man".
Só por este concepto contabilízanse ata 250 construcións, 86 delas relativas á vaca que ten os cornos separados. Vaca trompeta alude ao animal cos cornos botados cara arriba. "Pero tamén se atopou vaca comunista para aludir ao animal que tiña os cornos cara abaixo... Aquí hai que ver o contexto no que o paisano identifica que é desviado".
Porén, hai determinados campos semánticos que precisan dun nome consensuado. "No mercado do Carballiño, por exemplo, interesa distinguir a palabra ubres á primeira". Aos ubres pódeselle chamar cochos, -vencellado a agocho-, cochorros, remollo entre A Fonsagrada e Asturias ou aleixo no galego de León. Pero son opcións minoritarias, e non hai máis.
Ese sentido práctico ofrece abondosas metáforas funcionais. Boa parte dos termos relacionados co xarrete teñen que ver coa articulación, igual que para a vulva da vaca se prefiren os derivados de natura ou nacencia.
O traballo, de case 1.000 páxinas, remite á realidade de hai trinta anos. De cando o léxico da vaca, un dos elos do totemismo individual galego, era tan grande como a sociedade rural. De revisalo, Álvarez considera que moitas palabras "resistirían, pero habería unha nivelación cara ao estándar. Non é que os esquimós teñan ducias de formas de dicir neve, senón que a precisión da lingua inuit para distinguir tipos de neve é grande porque nunca deixaron de tela diante".
O autor d' O léxico da vaca anima aos investigadores a anchear o seu traballo. "Formas como cachazo (pescozo) dinse moito preto de Portugal. Eu non seguín porque non remataría nunca, pero estaría ben saber que sucede abaixo e á dereita".
Álvarez, de 28 anos, xa participa en proxectos cunha metodoloxía semellante, coma o Atlas Lingüístico Románico. Todo ese traballo convive cun contrato de proxecto na USC e co labor na comisión xurídica da Federación de Jóvenes Investigadores Precarios.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.