Cen anos de Laxeiro, pintor de Lalín e poeta do trazo
Amigos e artistas falan da personalidade do mestre do Deza, do que mañá se conmemora o centenario do seu nacemento
A biografía de Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, é en certa forma tamén a da arte galega do século XX. A súa figura, pouco recoñecida fóra da súa terra, sintetiza moitos dos rasgos cos que se identifica ao carácter galego en moitas partes.
"Hai un fatalismo pétreo na súa figura que é o que máis me fascina"
"Era ao mesmo tempo un artista local, rural e tamén universal"
O humor, a ironía e tamén a melancolía son parte inseparable da personalidade dun home que alén da indudable importancia da súa traxectoria artística deixou unha pegada moi fonda pola sua calidade humana. Ninguén dos que o coñeceron poden esquecer a un home que pasou boa parte da súa vida entre o estudio e as mesas dos cafés da cidades nas que viviu (Vigo, Buenos Aires, Madrid) onde acostumaba a celebrar longas tertulias nas que se falaba de todo e ás que asistían artistas e outras persoas de diversas procedencias, aínda que case sempre tiñan algún vencello co mundo da cultura.
A súa localidade natal, Lalín, rendíralle mañá homenaxe cunha serie de actos no que participarán autoridades, amigos, artistas e intelectuais. O ministro de Cultura, César Antonio Molina, encabezará a representación institucional. Ao longo deste ano a súa obra poderá verse en exposicións que se celebrarán en distintas localidades galegas. A maior delas abrírase simultaneamente nas sedes da Fundación Pedro Barrié de la Maza de Vigo e A Coruña o vindeiro mes de marzo. A finais de ano, a fundación que leva o nome do artista presentará o catálogo universal da súa obra.
Aínda que é coñecido coma un dos principais representantes do grupo dos renovadores da pintura galega xunto a figuras coma Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane, a obra de Laxeiro ten moitos matices xa que foi un pintor que reflectiu nos seus cadros influencias moi variadas e distintas que van dende Goya a Picasso, sen esquecer as vangardas europeas de principios do século XX. Pero, sen dúbida, o rasgo máis peculiar da súa traxectoria foi a construcción dunha estética do granito, que tomou como referente as figuras románicas do Pórtico da Gloria. Coma explica o pintor Antón Patiño, que tiña o seu taller no mesmo edificio no que traballaba Laxeiro en Vigo na década dos 80, o artista de Lalín foi quen de fundir na súa obra a escultura románica coa mitificación do mundo da aldea. "Hai un fatalismo pétreo na súa figura que é o que máis me fascina. Nas súas pinturas aparece un universo coral no que a individualidade carece de importancia", sinala Patiño, quen participou na organización da gran exposición sobre a obra de Laxeiro que se celebrou en Vigo en 1981.
"Curiosamente ese mesmo día que se inauguraba a súa mostra en Vigo, eu e outros artistas estabamos en Madrid porque abriase tamén a primera exposición de Atlántica na capital. Como non podiamos ir á inauguración enviámoslle un telegrama que decía: "Laxeiro, non podemos estar alí porque temos que estar eiquí", explica Patiño, quen lembra ao pintor nas tertulias que realizaba en bares de Vigo coma o Elixio e o Goya. "Laxeiro era dunha xeración de artistas aos que lle gostaban as tertulias, coma tamén o eran Colmeiro e Lugrís. Era un mundo máis humanizado co que temos agora", engade Patiño.
Laxeiro, que foi sempre un home moi permeable a recibir influencias, tamén acabou incorporando na súas últimas obras a explosión cromática que supuxo a aparición de Atlántica no panorama da arte galega. Coma indica Patiño, a figura de Laxeiro serviu de nexo entre dúas e incluso tres xeracións de artistas e intelectuais galegos, xa que antes da Guerra Civil xa participaba nas tertulias de Madrid con xente coma Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Alonso Ríos ou os irmáns Dieste. Na súa etapa en Buenos Aires, nas décadas dos 50 e dos 60, mantiña contacto
Pasa á páxina seguinte
habitual con Díaz Pardo, Seoane, Blanco Amor e outros artistas exiliados. Por último, cando regresa a España ten relación cos novos artistas galegos coma o propio Patiño, Menchu Lamas e Antón Lamazares, co que mantivo unha relación de amizade e mesmo lle abriu os ollos ao mundo da pintura.
O carácter aberto de Laxeiro levábao a relacionarse con moita xente e todos os que falan del coinciden en describilo coma un home bo e alegre, aínda que tamén tiña os seus enfados e momentos de tristeza. Antonio Costas Lonxe, que levou ao pintor no seu vehículo por toda España durante moitos anos. "Teño moitas anécdotas con el. Unha da que me lembro agora foi un día que íamos os dous disfrazados a unha festa en Lalín. El iba de pirata enriba dun burro e eu disfraceime de indio e levaba un cabalo. No medio do camiño Laxeiro caeu do burro e tivemos que dar a volta. Con el sempre pasaban cousas divertidas", sinala Costas.
Malia a indudable modernidade da súa pintura, sempre tivo dificultades para que o seu traballo fora aprezado coma merecía polos coleccionistas e críticos. O pintor arxentino Carlos Alonso, que tivo a oportunidade de coñecer a Laxeiro na década do 60 durante a súa estadía en Buenos Aires, lembra que xa naqueles tempos os coleccionistas do mercado porteño resistíanse a adquirir os seus cadros. "A súa obra foi un pouco a contrapé dun mercado moi limitado. Era unha pintura demasiado forte, con moita garra e os pintores apreciábano por iso. A súa pintura era sabrosa para os paladares dos pintores pero non para os dos coleccionistas", explica Alonso, que algúns anos despois volvería a atopar a Laxeiro, que entón vivía en Madrid, cidade á que o artista arxentino tivo que exiliarse fuxindo da dictadura no seu pais.
Pese a que viviu nuns tempos no que viaxar non era tan doado coma agora, a vida de Laxeiro foi errante dende os seus inicios. Aos 13 anos emigrou a Cuba cos seus pais. Permaneceu na illa caribeña durante catro anos nos que traballaba polas noites tomaba as súas primeiras clases de debuxo. Alí impresionáronlle as exposicións de artistas coma Xesús Corredoira e Ignacio Zuloaga. Cando voltou a Lalín exerceu de barbeiro de ferias e era coñecido coma o barbeiro-pintor. Nos comezos dos anos 30 desprazouse a Madrid ao obter unha bolsa de 3.000 pesetas do Concello de Lalín para estudiar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.
O escritor Xosé Neira Vilas, que tamén mantivo unha longa relación co pintor de Lalín, considera a Laxeiro coma un dos grandes renovadores da arte galega do século XX e destaca á amabilidade e a excentricidade coma rasgos definitorios do seu carácter. "Tiña a cualidade de ser ao mesmo tempo un artista local, rural e universal. Era un home de aldea e sempre se amosou coma un devoto do seu pobo, Lalín. Sen embargo, ao mesmo tempo, sempre lembraba os tempos da súa adolescencia en Cuba", apunta Neira Vilas.
O tamén escritor Carlos Reigosa, que traballa na organización do homenaxe que se celebra mañá, destaca a determinación de pintar que sempre tivo Laxeiro. "El mesmo preguntába me non tiña algo de heroico o feito de que saira da parroquia de Botos e se lanzase a percorrer o mundo pero sempre sendo fiel á pintura", indica Reigosa, quen non esquece citar a Lala, a compañeira sentimental do pintor durante moito tempo, coma unha persoa que resultou fundamental para a súa traxectoria. "Lala conseguiu convertelo nun pintor que non tiña xa que preocuparse polos aspectos comerciais. Quizais ela tamén contribuiu a instalar a Laxeiro nun determinado xeito de pintar. Nun certo sentido ela lle organizou a vida e organizoulla coma pintor", Reigosa reivindica a importancia de Laxeiro no contexto español da segunda metade do século XX. "Que tería ocorrido se Laxeiro se tivera instalado en París en lugar de viaxar a Buenos Aires? Por desgraza nunca o sabremos", conclúe o escritor.
Malia que Laxeiro era, en palabras de Antón Patiño, "un home que estaba alí onde estaba a festa", tamén había unha parte melancólica do seu caracter que so coñecían os máis achegados: "As veces proxectábase moito cara ao exterior o aspecto folclórico do seu carácter, pero a min interesabame máis cando comezaba a contar uns contos no que se inventaba unha parte e ninguén sabia o que era verdade e o que era falso. Eran coma as coplas de cego. Vivía nun mundo sen tempo, nunha especie de permanente Idade Media".
A cara máis amarga do seu carácter queda reflectido nun dos seus escritos persoais datado no ano 1989, pouco despois da morte de Lala, a que foi a súa compañeira durante moitos anos: "Hoy domingo, me encuentro solo y reumático como hace bastantes años, pero voy tirando por el esqueleto, cargado como siempre con un sinfín de cosas; ellas son las que me hacen vivir y pensar, pero hoy después de quedarme unos instantes filosofando en mi vida vivida, llegué a la conclusión de que siempre me encuentro solo en los momentos en que necesitoa alguien a mi lado que me quiera sin ninguna clase de egoísmos, y no hay; cierro los ojos y peor, palpo y nada me encuentro que me sostenga, sólo me queda el arte, la pintura, ésta es mi única verdad, todo lo demás es mentira estéril".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.