_
_
_
_
Entrevista:CARME NOGUEIRA | Artista | Luces

"A arte contemporánea pode cuestionar a orde existente"

Nogueira vai completar o proxecto de China tomando como referencia Vigo, a cidade na que vive e traballa. Os vídeos, as instalacións e as fotografías recollen accións de rúa en Pequín e en Vigo sobre o significado do espazo urbano e a súa influencia sobre as persoas, dous dos asuntos recorrentes na traxetoria profesional desta artista e investigadora que defende a capacidade analítica da mirada creadora.

Pregunta. Convidárona a participar na programación do Cervantes en Pequín e vostede montoulles un mercadiño ás portas da sala de exposicións.

Resposta. O Cervantes solicitou a colaboración de varios museos para as celebracións na sede de Pequín en setembro pasado e o Marco foi un deles. No canto de enviar pezas ou fondos, ao director, Iñaki Martínez Antelo, ocorréuselle producir algo específico para a ocasión. Pensei que me gustaría experimentar co propio lugar centrándome nas características particulares do seu crecemento económico e urbano, un asunto estensible a moitos outros enclaves.

"Fun a China para experimentar o seu crecemento económico e urbano"
"Fixen unha pintada no traseiro do Marco como unha contramanifestación"
"Unha exposición é unha instalación en si mesma alén dun conxunto de pezas"

P. E fixouse entón nun bazar chinés de Vigo.

R. Próspera, un dos do centro. É un nome moi frecuente neste tipo de establecementos e chamoume a atención o logotipo, por estética e por simboloxía, que estampei na casa nunhas camisetas. Por fóra, próspera estaba escrito en chinés e por dentro en caracteres latinos que se transparentaban e superpoñían sobre os orientais. Para redondear a miña intención, a de facer unha intervención site specific sobre a idea que temos nós dos chineses que se instalan aquí e a que poden ter eles de nós, empreguei unhas camisetas brancas, buscando unha imitación mercantil do que fan eles a través dos produtos dunha empresa galega que fabrica en China.

P. Non tivo problemas coas autoridades?

R. É unha actividade ilegal, na China está prohibido vender na rúa pero todo ao meu redor estaba cheo de postos de venda ambulante de toda caste de obxectos. Avisei ao Cervantes que, con certo grao de preocupación, aceptou e púxenme unha mañá, por sorpresa. En canto coloquei a primeira bolsa no chan, achegóuseme unha persoa a axudarme a montar o posto, era toda amabilidade malia a que non había comunicación verbal posible. Axiña as repartín! O do mercado foi só unha parte do meu traballo, pasei unha semana en Pequín gravando outras accións de rúa e montando a instalación.

P. Que conclusións tirou do experimento?

R. O nivel de aceptación do público é diferente. A actitude da xente foi o primeiro contraste, xa que os transeúntes se paraban, curiosos. Cando falei cos propietarios do bazar en Vigo a penas me concederon permiso para sacar unhas fotos do exterior e non me deron opción a máis. Nós temos unha visión deles como colectivo disciplinado moi pechado en si mesmo. Na rúa eu era unha máis. O espazo público na súa cultura emprégase dun xeito case doméstico. Ao lado do Cervantes hai un hospital e, en pleno centro da cidade, podías ver aos enfermos baixar á rúa en pixama a tomar o sol.

P. Ese resultado é un dos elementos que integran a mostra que vai inaugurar no Marco.

R. Recollo todo o traballo feito en China e outras accións realizadas en Vigo.

P. Algunha mesmo de dubidosa legalidade, por segunda vez...

R. Esta vez tiña permiso!

P. Entón o grafiti da parede traseira do museo non é unha falcatruada.

R. Mellor dito, non só é iso! Encargueille un deseño con contido político á artista Azucena Vieites. O Espazo Anexo está situado na traseira do Marco nunha praza moi bonita que case non ten vida. Xa traballara con este lugar para o museo na miña contribución á mostra Urbanitas, hai uns anos. A rúa Londres, que desemboca alí, a penas é transitada, nada fai que pases por ela, nada te atrae a ese lugar. Eu quería reivindicar ese espazo en contraposición ao uso que ten a fachada principal do edificio, convertida nun lugar institucionalizado para as manifestacións. Penso que esas concentracións teñen xa unha formalización tan convencional que son mesmo rituais nos que o contido perde forza. Fixemos a acción da pintada coa última luz do día, case na escuridade, para reforzar a simboloxía de uso á marxe do establecido e de antimanifestación na parte traseira.

P. Na mostra converxen fotografía, arquitectura e instalacións.

R. Os audiovisuais que documentan as accións de rúa en Pequín e en Vigo preséntanse enfrontados para marcar os contrastes entre o día e a noite, o espazo comunitario e o conflitivo que non modifiquei, senón que son as realidades que atopei a carón dos dous museos. É un diálogo de complementarios, non de opostos. Incluín tamén unha instalación fotográfica baseada nun hutong, un vecindario tradicional de pequenas casas compartidas que amosa a importancia da vida comunitaria nesa sociedade. Tento traducir visualmente a miña sensación espacial dentro dese laberinto habitado.

P. Que a leva a interesarse tanto polo espazo? Xa foi o motivo doutras exposicións.

R. O que ten de definitorio para nós como individuos. O espazo non é neutro, tanto se é onde nós queremos estar como se se trata dun lugar ao que non se nos permite acceder. As ideoloxías que os constrúen semellan invisibles e non é así en absoluto. Unha muller soa en determinados lugares e circunstancias ou nun grupo, pode chegar a parecer unha presenza ameazante segundo en que contextos sen selo en realidade. Comecei traballando os estereotipos e, na miña produción artística, a formalización e o espazo teñen moita importancia. Unha exposición non é só un conxunto de pezas, senón tamén unha instalación en si mesma.

P. Co proxecto A trama rururbana canaliza unha intensa actividade investigadora desde a arte que non é moi frecuente aquí.

R. Hai xente nas universidades que está facendo cousas nesa dirección, o que acontece é que non se coñecen. N' A trama rururbana, que nuns meses sairá publicado, colaboro coa politóloga María Lois e a urbanista Cristina Anllo nunha investigación multidisciplinar sobre a xeografía social e sentimental dos lugares dacabalo entre o rural e o urbano para facer mapas que reflicten os cambios ao longo do tempo. É o que fixemos nos terreos de Álvarez, por exemplo, onde comprobamos como se pechará o círculo cando a nova urbanización supoña a compensación económica dos obreiros da fábrica desmantelada, posiblemente os netos dos primeiros propietarios dunha terra dedicada a usos agrícolas á beira do Lagares. Eu como artista podo cuestionar a orde existente desde un contexto de investigación propio que cómpre reivindicar. Podo traballar con outras posibilidades que non se axustan á funcionalidade para criticar o establecido.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_