_
_
_
_
Notas a Rodapé
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Olladas no futuro: Piñeiro e o galego

Fai xustamente 40 anos, o 25 de novembro de 1967, Ramón Piñeiro lía o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Culminaba así o proceso de integración nesta institución das figuras máis representativas da denominada Xeración Galaxia, o cal ao mesmo tempo significaba a apertura dunha caducante Academia ao sector culturalmente máis activo do galeguismo de posguerra. Antes de Piñeiro ingresaran, entre outros, Carballo Calero, Fernández del Riego, Fole, Cunqueiro e Xosé María Álvarez Blázquez (a quen precisamente se vai dedicar o Día das Letras Galegas de 2008). O discurso de ingreso do novo académico, titulado A linguaxe e as linguas, constitúe un dos ensaios máis significativos do autor e unha das súas achegas máis relevantes ao espertar da consciencia idiomática na Galicia asoballada pola ditadura franquista, pois nel realízase por primeira vez unha análise sistemática dos prexuízos lingüísticos que aferrollaban o idioma do país. Nunha exposición maxistral, Piñeiro realiza unha enérxica apoloxía do idioma galego e unha valente aposta polo seu futuro, o cal sitúao nas antípodas do clima de resignación e pesimismo a que apuxaba a política represiva contra o galego do franquismo. En definitiva, este texto representa un auténtico fito na historia lingüística e cultural da Galicia contemporánea.

Memoria democrática

e galeguista

O acceso á Academia de Piñeiro supuña o recoñecemento a un labor de defensa e promoción do idioma e a cultura galegos especialmente heroico nun dos períodos máis escuros da nosa historia recente. Ao lembrarmos a figura de Piñeiro, en primeiro lugar, aspiramos a pór o noso gran de area no combate contra o revisionismo histórico dos que escusan ou prefiren esquecer o carácter opresivo da ditadura franquista, e moi en particular á represión contra o galego. Pero ao mesmo tempo, constatando a fraxilidade da memoria histórica e o espreitar de relecturas do noso pasado desde actitudes tendenciosas cando non sectarias, pretendemos refrescar a lembranza dunha das figuras máis dignas, intelectual e moralmente, da Galicia contemporánea, recontando os seus servizos durante a longa noite de pedra.

O seu protagonismo, canda un grupiño de temerarios militantes, na loita política clandestina xa nos primeiros anos 40, custoulle a detención e dous anos longos de cadea en Alcalá de Henares (1946-48). Pouco despois, Piñeiro involúcrase na fundación da Editorial Galaxia (1950) e na colección Grial. Entretanto, traduce do alemán (en colaboración con Celestino Fernández de la Vega, tío da actual vicepresidenta do Goberno) unha conferencia do filósofo Martin Heidegger, Da esencia da verdade, que bate co veto dos censores para a súa publicación. É daquela cando se produce o episodio tristemente célebre en que o enérgumeno Juan Aparicio xoga o papel de antagonista, cando denuncia nun xornal capitalino: "En Galicia, algún pedantón traduce la filosofía alemana con ritmo de gaita (...) El escritor que escribe en la colección Grial de la Editorial Galaxia de Vigo es un escritor que tiene faltas de ortografía en su pluma y en su alma, avergonzándose de que se le vean tales vergüenzas al desnudo. Habría que someterles a una cura psicoanalista o traerles a Madrid por las buenas o por las malas, para que tonifiquen su sistema moral y su sistema nervioso(...)". Como premio a este chivatazo (que debera figurar con letras de molde no museo dos horrores do franquismo), o tal paxariño é nomeado director general de Prensa, e inmediatamente suspende a publicación de Grial. Arrepía pensar que na España de hoxe non faltan os aspirantes a émulos de Aparicio, na radio dos bispos e noutros medios de comunicación da mesmísima Vila e Corte.

Activismo en defensa do idioma

O grupo Galaxia acusou o golpe, pero o David galeguista teceu unha estratexia de resposta que tamén lle había de custar cara ao Goliath totalitario. A ocasión presentouse cando a celebración en Montevideo da VIII Asemblea xeral da Unesco (1954), que acababa de admitir no seu seo unha España franquista ansiosa de recoñecemento internacional. As Galicias resistentes do interior e do exilio (ás veces torpemente enfrontadas en lideiras absurdas que seica hai quen ten ganas de perpetuar aínda hoxe) puxéronse de acordo para elaborar unha denuncia da represión sobre o galego e espallala entre os delegados de medio mundo asistentes ao evento. A fazaña provocou grande alarma na delegación oficial española, especialmente no seu secretario, un mozo nos comezos dunha carreira política que xa se adiviñaba moi longa, e que respondía polo nome de Manuel Fraga Iribarne.

Non moito máis tarde, organizouse en Buenos Aires un grande Congreso da Emigración Galega (1956), para o cal Piñeiro elaborou un relatorio en que propón a creación dun Patronato da Lingua Galega que xuntase representantes da Galicia metropolitana e da Galicia emigrada por mor de recadar apoios para o estudo e difusión do idioma. A idea non callou, pero Galaxia conseguiu o financiamento dun grupo de emigrantes en Venezuela (a Casa de Galicia de Caracas) para dar ao prelo o máis importante contributo individual á lexicografía galega contemporánea, o xurdio Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez (1958-61). Piñeiro encabezou o esforzado grupo de entusiastas que arranxaron editorialmente aquel tesouro, un auténtico monumento da nosa lingua, que veu a lume, unha vez máis, grazas á suor dos nosos emigrantes.

Por fin, a comezos da década dos 60, ábrese unha fenda no furancho dictatorial que permite a saída da revista Grial (1963), co-dirixida por Piñeiro e Fernández del Riego, aínda que as autoridades impiden que a publicación se faga integramente en galego (a metade polo menos tiña que ir en castelán). Durante o que restou da década, a editorial Galaxia e a revista Grial ofreceron unha canle para a incorporación ás letras galegas das novas xeracións universitarias, que comezaban a erguer activamente a súa insubmisión contra o réxime.

Alento para o futuro

Cando en 1974 Piñeiro xuntou un feixe de artigos e ensaios que publicara ao longo das dúas últimas décadas, e nos que o idioma galego ocupa un lugar fulcral, escolleu un título moi significativo: Olladas no futuro. Na cuberta desa obra reprodúcese un compoñente dunha daquelas xigantescas computadoras que comezaban a abraiar as xentes e facer voar a súa imaxinación. En efecto, Piñeiro sempre falou da cultura e do idioma galegos en termos de modernidade, con perspectiva de futuro. A súa obra supón un esforzo constante por tornar racional o insondable optimismo da súa vontade, en lanzar unha mensaxe de esperanza no medio do auténtico escoural do franquismo. Sen dúbida, ese esforzo, xunta o doutros compañeiros de xeración, resultou indispensable para evitar o definitivo abafamento do galego baixo a presión da ditadura. No fondo, o que Piñeiro dicía, e aínda está a dicir é: galegos, o futuro non ten por que ser coma ata agora, algo que vos acontece; o porvir pode ser, se vós queredes, un proxecto que vós mesmos iredes construíndo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_