Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Tribuna:Luces

L'art pour... quoi?

Certo. Os escritores e escritoras nunca temos a razón. Falo por min, que ninguén se ofenda. Somos egoistas, resentidos, perrenchudos, vaidosos e desagradecidos coa man que nos dá de comer. É por iso, intúo, que os lectores veñen a nós.

A arte sacode as persoas e as sociedades, éncheas de furia e forza; o que as amansa é o rito, a vontade feita roda nun eixo inmóbil. Mais o rito aprendeu a lexitimarse cos recursos da arte: a representación dramática, o suspense, a ambigüidade, o sacrificio, a catarse... O rito sabe que sen recorrer ao desexo fracasa. Porén, seu obxectivo é sempre naturalizar un dogma, facer prevalecer os intereses dun grupo sobre os intereses doutro grupo. O rito é sempre propaganda.

A arte, pola contra, a que nos presta, ten como meta a desestabilización do rito, esfórzase por amosar a convencionalidade de calquera dogma e por evitar que o triunfo da ideoloxía se convirta en victoria, que se confunda coa verdade. Disto é do que falamos cando proclamamos a liberdade do artista e, atrévome a dicir, o compromiso do intelectual.

É desde aí desde onde compre ler as afirmacións que problematizan o edificio da literatura galega cando nela se advirten signos de ritualización: o entrenzamento co poder político, a asimilación dos creadores coma funcionarios a desempeñar un servizo público (saúdo ao Caribe, bon voyage!), o papel das novas institucións culturais, o modelo de xestión planificada e empresarial, a tendencia enfermiza a reunirse con outros escritores, o omnipresente Gaiás...

Un observa que se está a elaborar unha nova cartografía, unha ordenación do territorio apoiada en presupostos que favorecen un tipo de creación que non coincide coa propia. E así andamos, todos á procura da nosa bandeira azul.

Literatura galega? Por suposto. Eu non teño nin quero outra, pero o labrego preocúpase da terra, das sementes, da auga, do sol; non da denominación de orixe nin do carimbo do seu consello regulador. Tradición? Faltaría máis! Un é parte dela e enorgullécese. Por iso sabe tamén en que consiste iso que chamamos Tradición, nas visións mestizas e contradictorias de autores e autoras; persoas, non santos, que logo son valoradas polo mesmo consello regulador e transformadas en rito lexitimador. De aí que un fale de tradicións diversas e reivindique aos autores, a uns si e a outros non, nunca a Tradición en bloque. Á fin, a Tradición artística emprégase para establecer a norma, mentres que a arte avanza coa excepción, nunca coa norma. Neste sentido, para un creador, a arte é case o oposto da Tradición, e o único úso válido da Tradición é o que a cuestiona, o resto son as gaitas das inauguracións.

Por outra banda, cada autor, aquí e en Finlandia, vaise facendo acompañar da súa propia tradición (non somos árbores) con autores de aquí e de acolá. Este proceso é semellante ao da adquisición das amizades, ou das relacións voluntarias; non ao da familia, que nos vén dada e, por moito que arrenegásemos dela, levámola inscrita nos xens e determina o noso aspecto e o noso comportamento, defendela afervoadamente pode ser síntoma de paixón... pero tamén de neurose.

Igual que non estou obrigado a sentirme máis preto dos poetas contemporáneos que de Manuel Antonio, tampouco vexo por que tería que sentirme máis próximo de Filgueira Valverde ou de Otero Pedrayo que de Nikolai Gogol ou de Angela Carter. Quen di mesmo que as miñas referencias á hora de escribir teñan que ser primordialmente literarias? Se isto conleva excomunión, mans á obra, pero advirto que hei opoñer resistencia.

Os escritores, repito, nunca temos a razón. A razón esixe distancia e equilibrio, e un artista dotado destas virtudes, un artista do que se valore a intelixencia, ou está pouco valorado ou carece de valor. Sen esquecer que o soño da razón produce academias, mecenas, Gaiás.

Todo artista debe ter dereito a errar, nos dous sentidos do termo. O que invalida a un artista é a acomodación, a renuncia a ir máis alá. As voces que, elaborando a súa análise a golpe de titular de prensa, reclaman suxección a un programa, respecto a un sistema literario, o que reclaman sen sabelo é recato. Recoñécenlle o dereito a errar a calquera artista de fóra; non só iso, aos artistas de fóra prémianlles a extravagancia e a indisciplina; o que implica que a nós nos outorgan unha consideración diferente. Nós, cando escribimos unha novela, temos a obriga de aternos a outras responsabilidades, temos que filiar o texto no rexistro civil, mesturar o noso sangue co do pote comunitario e relevarnos para manter aceso o facho da tribo.

Esa, non o discuto, é unha opción, como reter aos fillos na casa cando medran, tutelalos, protexelos, e esperar que así no futuro nos queiran máis.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 30 de noviembre de 2007