_
_
_
_
Reportaje:LUCES

Retranca, Zara e outras visións de Galiza alén do Padornelo

Seis personaxes representativos dunha España plural explican a súa perspectiva sobre a imaxe dos galegos na Península

"Viven como as rás, case enchoupados. E cando queren secar os ósos -condición para que o galego faga carreira no mundo- ou soben a secalos á meseta castelá, ou cruzan o mar na procura de fortuna a América. Nun caso adoita chegar a ministro e cacique máximo, noutro a millonario".

Esta descrición de Unamuno en Andanzas y visiones españolas (1922), como as de Azorín ou Ortega, non figura entre as peores sentenzas sobre galegos. O xornalista belga Prosper H. Devos preguntábase en 1913 por que en Madrid se adoitaba dicir he sido tratado como si fuera gallego, en sentido homologable a turcos ou mouros no seu país. Este diario consultou a seis personaxes representativos de diferentes áreas da cultura e a intervención social sobre a imaxe dos galegos en España. Son Julián Casanova (historiador), Kirmen Uribe (poeta), Ignacio Martínez de Pisón (novelista), María Rosa Rodríguez Magda (teórica e docente), Manolo Martínez (cantante de Astrud) e Enrique González Duro (psiquiatra).

"Quizais é que os andaluces cho contan todo, aínda que sexan tonterías", ironiza González Duro (Jaén, 1939), autor de biografías psicolóxicas de Franco, Juan Ramón Jiménez ou Felipe González. "Pero a un labrego galego que chega a pé feito á miña consulta de Madrid podes preguntarlle qué tal, e el responderche xa sabe". Moitos deses pacientes, xeralmente de extracción rural, oscilan entre a paranoia, "que se podería vencellar á estrutura da propiedade", e a depresión. A "dificultade enorme" na comunicación sería para Duro un "feito diferencial".

A Duro, un dos promotores da asistencia pública en España a finais dos 70, chámanlle a atención en Galiza "os cemiterios na entrada das igrexas pequenas", que poden inducir unha "tristura grandísima". En Madrid, a pervivencia de galegos "coa mentalidade do indiano, que aforran moitísimo, como se a xubilación fose algo glorioso". Este trazo xenérico de parte da emigración galega histórica non aparella, segundo Duro, supostos de mansedume: "Non é que os galegos desvencellen a acción política do ben común, outra cousa é que a experiencia histórica lles faga non esperar nada do poder".

Nas universidades de Harvard ou Notre Dame, onde o Prestige foi paradigma docente dun "desastre estatal", Galiza é o exemplo que lles pon aos norteamericanos o historiador aragonés Julián Casanova, unha das principais referencias estatais no estudio da época contemporánea. Así explica "a pluralidade dun país que non é o Estado nacional típico que eles conciben". "Un sitio cun idioma lindeiro co portugués, vítima da emigración, cuxos habitantes soportan tópicos de introversión e do que saíron Franco, Fraga e Rajoy... Os puntos de contraste desfán tópicos". "É unha inxustiza absoluta que Galiza encarne a imaxe do PP cun Parlamento moito máis complexo có de Madrid, Andalucía ou as Castelas", remarca. Lembra que aquí tamén naceron Pablo Iglesias, Casares Quiroga ou os anarquistas Ricardo Mella e José Villaverde. E que a sumisión non cadra coas revoltas labregas da Idade Moderna e dos comezos do agrarismo contemporáneo. "Estudar as peculiaridades da división da terra non foi unha prioridade estatal no seu día", sinala. A disposición radial do ferrocarril en España engadiu outros "agravios históricos" que non difiren nese caso dos que poidan sentir en Teruel.

Para explicar a supervivencia dos chistes de galegos habería que acudir ao proceso de aculturación da sociedade rural -o 60% dos galegos vivían do campo en 1970-. "Conviría analizar a relación entre o discurso das elites e a cultura popular", apunta.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O poeta vasco Kirmen Uribe (Ondárroa, 1970) fala tamén do ferrocarril: "Un hispanista de Hartford díxome unha vez que a cultura española se parece ao ferrocarril. Todo pasa por Madrid". "Pero agora", segue, "os autores xa non viaxamos tanto en tren, e as novas redes sociais permiten tamén o trato entre periferias". Uribe, dispoñible en castelán (Mientras tanto dame la mano, 2003), francés e inglés, fai arquivo das súas primeiras referencias galegas: Os Resentidos, o "mundo tenebroso e máxico" de Ferrín, Cunqueiro e a visión atlántica de Rivas. "Para min o galego é unha música da nenez", relata, "o idioma que falaban os compañeiros que marchaban co meu pai cara ao Gran Sol". Con esa xente "nada servil" construíu unha primeira imaxe de galegos "festeiros e un pouco dados á melancolía".

O primeiro contacto con galegos en Barcelona do escritor aragonés Ignacio Martínez de Pisón foi en 1982: "A imaxe primeira foi que todos se adicaban á hostelería e ningún perdía o acento. Trabuqueime no primeiro". A Cunqueiro e Dieste chegou despois, grazas ao profesor lugués Basilio Losada. De Pisón, nos catálogos de Gallimard ou Einaudi (Enterrar a los muertos, Nuevo plano de la ciudad secreta), semella canso de imaxinarios nacionais, e ancora os tópicos nun pasado "digamos rural". "Os meus amigos galegos non cren nas meigas", di.

María Rosa Rodríguez Magda (Valencia, 1957), divulgadora da teoría feminista en España, di "admirar" o xeito galego de proxectarse no mundo, "agochado" por Cataluña e Euscadi no panorama reivindicativo das nacionalidades históricas. "Máis vale o misterio cá mística do sangue", sinala Magda, que lembra algúns estereotipos contaxiados social e xeograficamente. "Suavizar as cousas e a dozura na linguaxe á hora de fiar posturas taxativas, son trazos que percibo nos meus amigos galegos", di.

O catalán Manolo Martínez, profesor de Filosofía Analítica e cantante de Astrud, unha das mellores bandas do pop español, cadra o imaxinario galego no exterior cun herdo romántico "algo peneirado". "Se vas a Delfos, é doado entender que aquilo fose o centro do mundo", di Martínez. "Os tópicos arraizados na paisaxe, como a choiva e o verde brumoso galegos, son máis produtivos na construción de sentido que outras paisaxes que poderían invitar máis á lucidez, coma os campos casteláns queimados polo sol". Canto á retranca, teno claro: "É cousa de pobres", di. "Non é estrano que estea presente, en diferentes versións, en Galiza ou Andalucía, e que en Cataluña ou Euscadi vaian de serios pola vida".

Non diferencia "vitimismo galego e peninsular", e fala da imaxe política dos galegos antes e despois do Prestige: "A moita xente os resultados daquelas eleccións

parecéronnos decepcionantes, pero aquilo foi un pouco hipócrita. A nugalla mental do votante medio non interfire na conta de resultados da empresa privada". En rexime de tendencias, considera que unha imaxe da Galiza actual podería ser Zara "e esa mestura de poderío económico coa cousa de raíz".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_