_
_
_
_
NOTAS A RODAPÉ | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Como os arxentinos comezan a aprender o brasileiro

Viaxei por primeira vez á Arxentina hai cousa de dez anos, co gallo dun encontro académico en que interviñan sociolingüistas de diversas procedencias, pero fundamentalmente latinoamericanos, e algúns deles brasileiros. Un dos asuntos que suscitaba maior interese naquel congreso, e que pairaba nos relatorios, nos debates e nas conversas, era o do impacto que iría ter Mercosur (un proxecto que suscitaba grandes expectativas entre os presentes) no ámbito lingüístico. A maioría dos profesores americanos que asistían a aquel congreso agardaban que a comunidade económica impulsada por Brasil, Uruguai e Arxentina servise como catalizador dun proceso de integración similar ao da Unión Europea. Mercosur, instaurando unha dinámica de colaboración entre os estados e as sociedades de Suramérica, aparecía como marco ideal e instrumento eficaz para a tan arelada Unión Latinoamericana, que puxese fin á dependencia de poderes externos, á explotación neocolonial e ao subdesenvolvemento.

Quo vadis América? As linguas de Mercosur

Pero, vindo ao rego dos asuntos que nos ocupan nestas páxinas, os interrogantes verbo de Mercosur que se suscitaban naquel congreso de 1998 eran dun teor moi concreto: que efectos tería este proxecto sobre os coñecementos, usos e actitudes lingüísticos dos cidadáns e cidadás dos países involucrados? Ou aínda: que orientacións de política lingüística por parte dos gobernos envolvidos resultaban coherentes con tal proxecto? O consenso xeral era que o inglés de ningún xeito podía constituírse en lingua de comunicación nos organismos de Mercosur (como, por certo, está a acontecer na Unión Europea) nin nas relacións entre os gobernos, empresas e cidadáns dos distintos países que o integraban. Parecía lóxico que as dúas linguas principais que había que promover no espazo Mercosur eran o casteyano (como sempre lle chaman os porteños, que evitan coidadosamente o apelativo español) e o brasilero, denominación preferida a portugués, e pronunciada así polos propios brasileiros, e con eles tamén a maioría dos suramericanos. Tamén se falou do papel das linguas indíxenas, nomeadamente do guaraní, cooficial en Paraguay pero tamén falada en Brasil e Arxentina, e máis doutras, así mesmo faladas por comunidades transfonteirizas (como é o caso coñecido do quechua e do aymara).

A cuestión dos idiomas amerindios ten un grande interese, pero o que nos atinxe arestora ten que ver co español-casteyano e o portugués-brasileiro, chamados por razóns evidentes a ser os principais protagonistas do Mercosur. Acabamos de referirnos á necesidade de promover estas linguas, isto é fomentar o coñecemento e uso de cada unha delas entre os falantes da outra. Isto implica, como comprobamos no propio congreso, tamén modificar actitudes fortemente arraizadas. Na realidade, aínda que cada un deses idiomas é moi asequible para os falantes nativos do outro -comezando pola mutua comprensión, falada e escrita, e acabando no dominio produtivo- a maior parte dos castelán-falantes descoñece o portugués/ brasileiro, a maioría dos luso-parlantes ignora o castelán, e a xeneralidade duns e outros evita o menor esforzo por superar esa barreira. Fiando un pouco máis fino, na verdade a relación é disimétrica, pois a indiferenza dos castelán-falantes cara ao portugués é moito máis acusada cá dos lusófonos cara ao castelán. Por suposto, o que acabo de dicir énos moi coñecido aos peninsulares, pois o deleixo dos porteños cara ao brasileiro ten o seu reflexo exacto no desinterese dos castelán-falantes cara ao portugués, e a inversa é máis ou menos equivalente

O galego como ponte

Tendo en conta o devandito, no congreso de Buenos Aires do 1998 produciuse unha situación ben curiosa: practicamente o único participante bilingüe, que debatía e conversaba nas dúas linguas en función do idioma do interpelante ou do interlocutor, era quen escribe estas liñas. O que para un galego (especialmente un con certo coñecemento do portugués) resultaba unha actitude absolutamente normal, naquel contexto causou auténtica sensación. Os organizadores do evento, un grupo de profesores arxentinos que estaban sinceramente convencidos da necesidade de promover o bilingüismo castelán/brasileiro no espazo de Mercosur, pero que nunca o practicaran (e coido que tampouco nunca tentaran), quedaban pampos ao comprobar, como se dixesemos, ao vivo e en directo, en que consistía a cousa. Para min, a experiencia tamén resultaba en certo senso inédita (aínda que despois tamén a vivín en encontros académicos en España e Portugal), e unha demostración apalpable daquela vella idea do galeguismo sobre o papel de Galicia como ponte de unión entre os ámbitos hispanófono e lusófono. O que resultaba un tanto estraño (pero había un certo ar de xustiza poética no feito) era experimentar isto en Buenos Aires.

O portugués en Arxentina

Desde aquela miña primeira viaxe a Arxentina, tiven a oportunidade de regresar ao país en varias ocasións, e na miña estadía máis recente (en curso cando escribo estas liñas), atopeime cunha novidade que non podo menos de cualificar como sorprendente. Xa no primeiro día, ao revisar a carta do restaurante en que dispuña a xantar, a miña vista caeu na frase "Lombo de peixe ao ferro": automaticamente, lin a frase en galego, e ía comentar o meu asombro aos comensais, cando me decatei de que o menú estaba todo el redactado en versión bilingüe, isto é, castelán e portugués brasileiro (a dicir verdade, era trilingüe, pois estaba tamén en inglés). Comentei o asunto cos meus acompañantes, arxentinos de xinea galega, que me aseguraron que dun tempo para acó estaba a rotularse e etiquetarse en portugués unha manchea de cousas, desde produtos comerciais (que se supón que circulan no Mercosur) ata os folletos para os turistas. Nos días seguintes, tanto nas tendas e restaurantes canto no hotel, comprobei que isto é certo: no aseo do meu cuarto hai unha bolsiña que reza: "Gorro de baño / Shower Cap / Touca para Banho".

Secomasí, o que me causou auténtica estupefacción foi escoitar os recepcionistas do hotel atender os clientes brasileiros nun rudimentar portugués, pero bastante fluído. Madia leva! Comentei todo isto cos meus colegas lingüistas da Universidade de Buenos Aires e, efectivamente, confirmáronme que os fluxos de intercambio que facilitaba o Mercosur (económicos, pero tamén humanos), e especialmente o incremento do turismo brasileiro a Arxentina, estaban a operar o aparente miragre que tiña diante dos meus ollos e oídos. Xa me fixen pasar por brasileiro nalgúns locais (o que descubrín que era máis doado do que agardaba), e o experimento funcionou: en varias ocasións respondéronme en brasileiro... Deime así o estraño pracer de contemplar como un castelán-falante, no seu propio país, se esforzaba en acomodarse ao meu idioma, no canto de ter que facelo eu, como é o habitual nos pagos peninsulares. Paga a pena a experiencia, aínda que un teña para iso que cruzar o Atlántico de norte a sur. Lembreime tamén das informacións (mellor dito, propagandas) que adoito nos bombardean en España sobre a inminente conversión de Brasil ao castelán. Pois eu diría que as cousas poden ir por outro camiño.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_