A lenda alongada de Urbano Lugrís
Unha novela afonda nos misterios da obra e da vida excesiva do pintor surrealista
A lenda sobre o pintor, poeta e bohemio Urbano Lugrís (1908-1973) vai camiño de ser tan alongada coma a súa figura, de metro oitenta e pico de estatura. Nada se sabe daquelas memorias que o artista, nunha entrevista en 1961, anunciaba que ía escribir baixo o titulo de Viaxe arredor do meu mundo. Tan só apareceu un esbozo desa hipotética portada que debuxou -sempre escribía os seus cadros antes de pintalos- no reverso dun recibo de aluguer de maio 1973, sete meses antes de morrer na indixencia en Vigo, na véspera da Noiteboa.
E este enigma da autobiografía nunca atopada foi o que deu pé ao escritor e xornalista Luís Rei Núñez a armar, sobre a base de testemuños de vivos e mortos, textos inéditos ou non, e recordos ou anécdotas máis ou menos certos, unha novela sobre a azarosa existencia de Lugrís. É un xogo entre a realidade e a imaxinación que se non foi así, debeu ser moi semellante a como transcorreu.
O artista chegoulle a dicir a Franco que el era de "El Ferrol de Su Excelencia"
O señor Lugrís e a negra sombra, editado simultaneamente en galego por Edicións Xerais e en castelán por Ediciones del Viento, relata unha viaxe non só arredor dos últimos 20 anos do naufraxio pousado que foi a vida do artista con gran retranca, amante das tascas e do viño, xenial pintor surrealista e poeta aínda escasamente recoñecido. A novela, verosímil pese a ser "unha troula", como dirían nas barras que visitaba a diario Lugrís, tamén retrata a Coruña da ditadura franquista, coa súa fauna de intelectuais e artistas posibilistas que escolleron escapar da represión optando pola bohemia nas rúas, bares de alterne e cafeterías. Era unha cidade -Percalinópolis como a chamaba o pintor, que sempre engadía unha áncora a súa sinatura- na que a vida era case unha traxicomedia. Arredor de Lugrís, aparecen as historias dos seus amigos, o mozo Avilés de Taramancos, o poeta "con cara de mazá reineta" polo que o artista -que tamén se facía chamar Ulyses Fingal- sentía devoción; o pintor Alejandro González Pascual; o bibliotecario González Garcés ou o tamén poeta Álvarez Torneiro.
Aí están tamén ambientadas aventuras literarias apaixonantes como a da revista Atlántida, nacida cos parabéns do réxime, que perdería moi rapidamente até ser pechada, as visitas periódicas de Cunqueiro ou o fito que supuxo convencer aos censores para estrear no Teatro Colón en 1959 o particular Don Hamlet, en galego, do escritor daquela desterrado en Mondoñedo. Arredor de Lugrís e os misterios da súa existencia tamén xiran personaxes como os deuses da época, o futbolista Luís Suárez, o cantante Pucho Boedo, o callista e compositor de himnos Maestro Rey ou a prostituta Amparito, que ofrecía "limpeza e ritmo na cama".
O humor e a retranca son pezas principais deste fresco literario. "Abonda mencionar a Lugrís para que a xente sorría", conta Luís Rei, quen espera que o seu libro sirva, en parte, para rachar tópicos sobre o máis novelesco dos personaxes daquela Coruña dos anos 50 e 60. O pintor, inmensamente xeneroso malia non ter un peso, que cumprimentaba ás mulleres chamándoas "cunquiña do meu leite" ou que lle asegurou a Franco que era "de El Ferrol de Su Excelencia", queda retratado nesta novela con todas as súas grandezas e miserias. Un home que arrastra sentimentos encontrados coas mulleres, a relixión, a loita contra a ditadura e mesmo o galego, que este fillo de Manuel Lugrís, o fundador e presidente da Real Academia Galega, ama e práctica aínda que sen militancia. "Gustaríame que a xente diga 'iso é unha lugrisiana', unha figura do imaxinario colectivo, igual que se dí 'isto é kafkiano", confesa Rei Núñez.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.