_
_
_
_
Reportaje:POTENCIA CREADORA | LUCES

O mercado da arte medra sen pausa

Institucións privadas e novos coleccionistas animan un sector de curta historia en Galicia

Aínda que non existen estatísticas sobre o particular, resulta evidente que nos últimos anos o sector da arte está a experimentar un crecemento económico moi importante. A proliferación de galerías e coleccionistas é o indicativo máis confiable sobre o pulo que está a rexistrar o mercado da arte en Galicia, unha actividade que non xeraba grandes movementos de diñeiro ata que as cousas comezaron a mudar na década dos 90, cando se abriron novos espazos de arte nas cidades galegas que foron o primeiro paso para que a arte galega avanzase cara a súa normalización.

Nestes momentos en Galicia existen preto de 20 galerías de arte que constitúen un dos motores principais desta actividade. No mundo da arte non existen fronteiras e a maioría destas galerías contan con artistas de fóra de Galicia no seu catálogo. O mesmo sucede cos creadores galegos, xa que moitos deles venden as súas obras a través de galerías doutras partes de España e tamén do estranxeiro.

Adolfo Sobrino, responsable da galería compostelana SCQ, sinala que os seus tres principais clientes son o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e as entidades financeiras Caixanova e Caixa Galicia, que contan coas súas propias coleccións. Nos once anos de vida da galería, o número de clientes particulares tense incrementado, tanto dentro coma fóra de Galicia, xa que SCQ conta cunha nómina importante de compradores procedentes de Portugal e vende e expón obras de artistas contemporáneos do país veciño.

A directora da galería compostelá Trinta, Asunta Rodríguez, resalta que os seus clientes son de procedencia moi diversa e nos últimos anos se incorporou moita xente nova "que está a iniciar unha colección e ten que apostar por investir pequenas cantidades en obra gráfica ou en artistas mozos". Outro dos fenómenos que se están rexistrando ultimamente é a entrada nas galerías de xente que acude para comprar unha obra de arte coa fin de facer un agasallo de boda, coma sinala a responsable da galería Ad Hoc de Vigo, Inés Ramiro.

A maioria dos clientes desta galería viguesa son coleccionistas particulares e de fóra de Galicia. Ad Hoc está a poñer en marcha iniciativas coma a posibilidade de comprar obras de arte pagando unha pequena cantidade de diñeiro mensual. "Persoas que non teñen un elevado nivel adquisitivo poden mercar obras de arte que ás veces non requiren un desembolso maior do que supón sair a cear unha noite e tomar unhas copas", apunta Ramiro.

Un dos grandes investidores en arte galega nos últimos dez anos foi a Fundación Caixa Galicia, que conta cunha colección composta por máis de 1.300 obras cunha presenza moi importante dos creadores galegos. Teresa Porto, directora da fundación, explica que á hora de facer compras dan prioridade ás galerías galegas aínda que tamén acoden a outros mercados se non atopan nelas a peza ou o artista que procuran. A amplitude da colección Caixa Galicia permite organizar varias exposicións ao ano para amosar os seus contidos. Porto salienta a importancia destas mostras xa que moitas delas teñen lugar fóra de Galicia e permiten dar a coñecer a obra dos creadores galegos noutras comunidades autónomas.

Un exemplo dos novos coleccionistas que están a aparecer polo país é o arquitecto Carlos Rosón, que comezou a mercar pezas de arte a principios da década dos 90 cando estudaba en Madrid. A súa colección inclúe artistas españois e internacionais, tamén con presenza galega. Para realizar as súas compras recurre sobre todo a feiras e galerías de fóra de Galicia. "Nós non facemos a colección con criterios de rendibilidade senón porque nos gustan as pezas que mercamos, pero o certo é que nos últimos anos a cotización de certos artistas medrou moito. Ademais, nas feiras hai cada vez máis xente de países asiáticos e de Europa do Leste con moitos cartos para gastar", sinala Rosón.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_