As contradicións da 'xeración Songoku'
Os menores de 30 anos aprezan o galego máis ca nunca, ao tempo que deixan de falalo
Naceron en democracia, son coetáneos do Estatuto de Autonomía, creceron coa TVG e tiveron galego na escola. Porén, son os que menos galego falan. O documental Linguas cruzadas, estreado o Día das Letras Galegas na televisión autonómica e agora dispoñible en Internet, retrata a esta xeración nacida nos 80 que alguén xa bautizou como xeración Songoku. Para moitos a única referencia mediática en galego foron os famosos debuxos animados da galega. Case todos teñen carné do Xabarín. Pero tamén hai moitas circunstancias que os separan e que condicionan a súa diferente relación coa lingua.
María, que naceu en 1989, teno claro: "O castelán é para a clase de lingua". Estuda segundo de Bacharelato no instituto da Terra Cha, un caso particular de monolingüísmo onde se contan cos dedos dunha man os alumnos que falan castelán e ademais non son moi ben vistos polo resto dos rapaces. "Eu creo que é por darse a máis", di María, "será por darse un aire pijo, porque se non non se entende".Tampouco se explican a actitude de seus pais, os que lles trasmitiron a súa lingua, que teñen máis vergonza de falar galego. "Por exemplo cando van a unha tenda a Lugo axiña cambian de idioma, non sei, pensan que non os van entender", din con ton de burla, porque eles xa nunca cambian de idioma "a menos que teña que ir fóra de Galicia, claro, pero aínda así cústame máis expresarme en castelán". Son conscientes da súa excepcionalidade a respecto a outros mozos da súa quinta. "Dende aquí non coñecemos ben o que están pasando moitos sitios. Nós pensamos que vai moi ben, pero claro, despois vaste a Lugo ou A Coruña e non oes mais que castelán".
"Meus pais cando van a Lugo cambian de idioma, pensan que non os van entender"
E así é. Na Coruña atopar alguén de menos de 20 anos que fale galego non é que sexa raro, é que xa se dá por feito que non é coruñés. Polo menos iso lles pasa aos amigos de Roli, estudante de Turismo nacido no 86, que só o falan cos avós, ou nin sequera. Estudaron galego na escola e a maioría afirma ter un coñecemento total do idioma, pero a "falta de costume" impídelles atreverse a utilizalo.
Algúns amosan certo pesar por non usar a lingua de seus pais, que sendo galegofalantes decidiron educalos en castelán para que non o pasasen mal na escola. Porque se ben agora non, recoñecen certa crueldade cando eran rapaces. "Venía uno en mi clase que hablaba gallego y sí que se le quemaba un poco", admite Roli. "Pero por garrulo, no porque hablara en gallego". "También hay mucho garrulo que habla castellano", engaden os colegas.
Moitos din que lles gustaría falar máis en galego pero cren que xa é demasiado tarde, e depositan as culpas nos seus pais, nos políticos, na moda... "A pouca xente que coñecemos que fala galego cambia para falar con nós, entón nós que imos facer", din Ana e Raquel con resignación. Nótanse as clases de galego, e vese que non lle suporía moito esforzo falalo. Se tivesen con quen.
Outros casos demostran que esa contradición interna pódese superar, con esforzo e vontade, aínda que se cadra hai que desintoxicarse un pouco do ambiente de orixe para atreverse a dar o paso. Así nacen os neofalantes, un neoloxismo alcuñado entre a mocidade universitaria santiaguesa no que se recoñecen centos de mozos que decidiron empezar -ou volver- a falar galego ao chegaren ao campus. É o caso de Fer, estudante de Física de 22 anos que de criarse na Coruña sen ningún contacto co galego pasou a falalo con todo o mundo... agás cos seus pais, cos que aínda lle é difícil cambiar de idioma, aínda que ten o propósito de facelo.
Fer nega o tópico de que os neofalantes sexan todos nacionalistas, aínda que admite que na maioría dos casos priman as razóns políticas, mesturadas coas razóns de inmersión social, mesmo sentimental. Desta última dá boa conta Eva, a súa moza, que empezou a falar galego dende que sae con el. O galego como ETS (enfermidade de transmisión sexual) é un chiste privado cun gran fondo de verdade que circula moito entre os neofalantes composteláns.
Á fenda xeracional na transmisión do galego únese a fenda socioxeográfica, que ten un dos seus puntos máis críticos nas vilas. O documental achégase ata Bueu, onde, a través dos xogadores dun equipo de balonmán, constatamos a hexemonía total do castelán entre os rapaces. "Os nosos pais falannos galego pero nós falamos castelán por levar a contraria", confesan entre risas Andrés e Mauro, dous irmáns de 16 e 18 anos. Andrés conta como cando era pequeno falaba en galego con todo o mundo, ata que chegou á escola e viu que todos os profesores lle falaban castelán. Os seus pais non o tomaron moi ben aínda que xa están resignados, e albiscan a esperanza de que algún día volvan falar galego. Pero aínda ten que pasar moito para iso. A Andrés de momento dálle vergonza falar en galego cos seus pais.
"Botamos de menos todo en galego". Niso concordan falantes de galego e castelán, monolingües ou a tempo parcial. A televisión, os cómics, Internet, a prensa ... O pouco que hai en galego asóciano á escola, aínda que todos mencionan a Harry Potter e a Shin Chan como referentes nesta lingua. O que máis estrañan é a música. "É que todo o que hai son cancións moi vellas ou gaitas", din na Terra Cha.
Cando se lles comenta que algo de música moderna en galego existe, non o acaban de crer. O ámbito cultural no que se prodigan esas cousas élles completamente alleo. E xa o di Fer, o noso físico: "Estase enfocando a normalización cara ás letras, as artes, as Humanidades, pero non hai ciencia en galego". E Tania, que é unha das primeiras da súa clase na Terra Cha, fala con sinceridade: "Os concursos literarios están moi ben para a xente que escribe, pero á outra ¿como a incentivas para que use o galego?".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.