Cultura en serie
Pontevedra abre a primeira feira das fábricas galegas de obxectos culturais
"Existiu, durante anos, unha visión do sector do libro como enfrontado aos outros sectores culturais", opina Roberto Pérez Pardo, "e con esta primeira edición de Cultur.gal quixemos rematar con esta certa inimizade entre elementos diferentes da industria cultural".
"Queremos que se considere a cultura un sector estratéxico da nosa economía"
O obxectivo declarado desta I Feira do Libro e da Industria Cultural, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, promovida pola Asociación Galega de Editores e patrocinada por diversos departamentos da Xunta, consiste en poñer en contacto diferentes proxectos que funcionan na cultura do país, sobre todo en tres ámbitos, o libro, o disco e o audiovisual. "Resulta difícil, complexo definir o concepto de cultura, e máis aínda o de industria cultural", sinala o director, "pero, logo de traballar na organización de Cultur.gal, esgotadora, descobres partes da cultura menos visíbeis ca o libro". Pérez Pardo menciona o audiovisual, o "a vizosa blogosfera" e o "florecemento" da música. "Na actualidade hai máis de 300 grupos que cantan en galego", afirma, "e amais de todos os estilos".
Da dirección do evento agardan unha asistencia de 20.000 persoas. "A colaboración da Consellería de Educación permitirá visitas dos colexios" explica Pérez Pardo. Un acordo coa Vicepresidencia da Xunta tamén levará aos beneficiarios dos centros de maiores a coñecer a industria cultural galega. "Os maiores saberán así da existencia das factorías culturais galegas", di.
GalegoZ, a reconversión electrónica d'A Matraka Perversa, presentan o seu disco Revolution Dance, "música marxista-electricista", durante a feira. Quempallou, con Polo aire!!, Cristina Pato e Mutenrohi, con Misturados, e a gravación de Xosé Lois Romero para o novo espectáculo de Nova Galega de Danza, Engado, son outros dos artistas que amosarán as súas propostas musicais a un encontro con raíces nas feiras do libro que organizaba a Asociación Galega de Editores. A agrupación viguesa Sinsal monta os seus obradoiros ao Cultur.gal. "A escola Sinsal pensa a música sen límites, sen estilos e contando unha Historia", asegura a súa declaración de intencións. Sinsal estivo detrás das actuacións na Galiza de músicos do nivel de Bonnie Prince Billy e, para a feira da industria cultural imparte unha serie de aulas para cativos centrados nas técnicas do picadiscos.
Nos 48 postos de exposición que estruturan o Cultur.gal e que, segundo datos da organización, ocupan o 85 % do espazo dispoñíbel, comparecen empresas, institucións e os actos paralelos. No que o director da mostra define como "mercado da cultura, un lugar onde coñecer, ver e mercar obxectos culturais" tamén hai lugar para a exhibición audiovisual. "No expositor do Cluster Audiovisual", relata Pérez Pardo, "realizarán unha experiencia de dobraxe nova no Estado español".
Pola novidade da formulación da feira, que mudou dun certame de editores noutro que implica a toda a industria cultural, ou polas escasas posibilidades mediáticas dun libro, o certo é que dende a organización e os promotores do evento téimase en salientar sobre todo os tempos e os espazos dedicados ao disco e ao produto audiovisual. E, con todo, a literatura, en forma de presentacións, recitais ou táboas redondas, cobre boa parte dos actos programados.
A novelista Teresa Moure presentará mañá, logo dos múltiples recoñecementos obtidos por Herba moura, a súa terceira novela, Benquerida catástrofe. O mesmo día, Xurxo Borrazás dará luz pública ao seu ensaio Arte e parte. Borrazás, que leva dende a novela Ser ou non (2004) fóra de circulación editorial, analiza en Arte e parte as circunstancias que envolven o oficio de escritor na Galiza. Tamén o lugués Miguel Anxo Murado volve á actualidade nas xornadas de Pontevedra co libro de relatos O soño da febre. Home sen nome, de Suso de Toro, O club da calceta, de María Reimóndez, ou o relato infantil de Marilar Aleixandre, Herbalúa, pasan estes días polo denominado Café das Letras.
O director da feira coincide coa análise habitual nos medios culturais. "En Galiza hai moita creatividade, pero unha industria manifestamente feble", afirma. Logo, fala do carácter de "plataforma de visibilización" desa industria cultural que posúe Cultur.gal. Pérez Pardo refírese á "necesidade de elevar a autoestima" dos galegos e amosar "a enorme cantidade de xente creativa no campo cultural" "Ao cabo", oufánase, "conseguimos involucrar a xentes e institucións alén do estritamente cultural. Queremos que se considere a cultura un sector estratéxico da nosa economía".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.