Implicadas contra a pobreza
A escritora María Reimóndez actúa coa súa ONG en India e Etiopía
Non é a primeira vez que confunden a María Reimóndez cunha india nun aeroporto europeo e lle tentan impedir o acceso a través dos postos de control para cidadáns comunitarios. Vestida cun sari, a metamorfose desta galega nacida en Lugo en 1975 é asombrosa. Ela é a presidenta da ONG galega Implicadas/os no Desenvolvemento (IND), que o vindeiro 2008 cumprirá dez anos de vida. A súa voz entra nas nosas casas unha tarde á semana a través da Radio Galega, a onde acode puntualmente para falar dos compromisos da solidariedade, cun discurso sempre firme e convincente.
O corazón de María vive partido entre a India e Galicia. Alí acudiu por primeira vez en 1994. Desde os 16 anos, era socia dunha ONG internacional, e fixo algo pouco frecuente: escribiulle á organización para dicir que desexaba visitar os proxectos que xestionaba na India. A ONG non mantiña programa de visitas pero facilitáronlle a súa.Cando en setembro de 1996 realizou a súa segunda viaxe á India, Reimóndez regresou dándolle voltas na cabeza, xa no avión, á idea de montar unha ONG galega, que non tivese dependencias absurdas nin carácter centralista, e que superase as estúpidas barreiras que lle poñían na organización coa que estaba a colaborar naquel momento.
IND naceu en 1998 dun pequeno grupo de persoas que desexaban colaborar na configuración dun mundo mellor, máis xusto e máis humano. Seguramente, acreditaron nesa frase de Eduardo Galeano que di que "a pobreza non está escrita nos astros nin a miseria é froito dun escuro designio de Deus". E na decisión de montar esta ONG debeu pesar coma unha lousa a escandalosa paisaxe dun planeta no que 850 millóns de persoas son vítimas da fame e da desnutrición e máis de 1.200 millóns viven con menos dun euro ao día. Xa que logo, puxéronse mans á obra creando e impulsando unha ONG galega. Desde o principio, tiveron claro que tería que levar a cabo proxectos de desenvolvemento integral, cun enfoque de xénero, que era algo totalmente novidoso.
Vítimas
Tratábase de asumir que a muller é sempre unha vítima entre as vítimas. De feito, unha das liñas básicas é a concesión de microcréditos a mulleres. En Addis Abeba, por exemplo, a capital de Etiopía, manteñen un programa de axuda e integración para nenas da rúa. E e todas as persoas que xestionan as responsabilidades de IND son mulleres: desde María, a presidenta; a María José Meilán, a vicepresidenta; desde Ana Luna, a secretaria, a Dolores Lamas, tesoureira, ou Blanca Rodríguez, que é vogal.
Comezaron coa humilde limitación de saber que só eran un gran de area na inmensidade da pobreza, pero tamén desde a confianza e a ilusión de traballar para cambiar un mundo que nunca quixeron recoñecer como propio. Por iso o seu é un traballo voluntario, que nunca se retribúe.
"Na rúa un leproso pide sen man. Ao lado da vía do tren, as choupanas entran por rúas de lama. Sei ben quen vive dentro. Ese é o meu Tiruchi". Esa é unha das frases que María Reimóndez escribiu nas súas Crónicas desde a India, redactadas case coma un diario e publicadas en Vieiros. A través desas crónicas pódese seguir o día a día desta activista da solidariedade. E é que María, ademais, é escritora. Precisamente un dos seus libros, Usha, relata a través dos ollos dunha nena a estadía dunha activista nunha vila do estado de Karnata, na India. A presidenta de IND recoñece que alí aprendeu moitísimo, porque o país é unha xigantesca escola. E Reimóndez non deixa de viaxar a ese país ningún ano, cando menos por un mes, aínda que chegou a residir alí durante seis meses seguidos. Tamén Blanca Rodríguez, outra activista, recoñece que a India ensina moito: "A primeira vez que fun alí decateime de que, malia os anos que levaba traballando , estaba a aprender moitísimas cousas que descoñecía". Para ela, viaxar á India supuxo un grande estímulo, pois nas organizacións locais atopou entusiasmo e ilusión.
O modelo de cooperación non é o das familias que "apadriñan un neno e ao que se cadra algún día visitan nunha viaxe turística á India". Pola contra, IND aposta polos proxectos integrais, buscando solucións á pobreza desde a premisa de que hai que capacitar a poboación, implicar a toda a comunidade na organización da vida e revalorizar o papel das mulleres. IND mantén dous proxectos na India e dous en Etiopía. A súa fórmula é a da colaboración con organizacións locais. Para Reimóndez, a experiencia de Etiopía é moito máis dura. O pasado ano, ademais, sufriu alí un cólico nefrítico do que se recuperou ao regreso.
IND mantén o Centro Crisol, un local de encontro e de comercio xusto en Vigo, que cofinancia e comparte con outra ONG galega, Amarante e no que hai espazo para exposicións, conferencias e actividades culturais, Tanto a recente publicación do libro-DVD O son das buguinas, centrado no tsunami asiático, como a celebración anual do festival Implícate, sinalan que o perfil de moitas das compoñentes de IND é próximo ao campo da cultura.
A de IND é a pequena pero decidida historia dun grupo de voluntarias que desexan combater esa infamia chamada pobreza e se negan a ser cómplices nun mundo onde o 80% dos recursos naturais son consumidos polos máis ricos.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.