Idioma galego: feito e dereito
A cuestión lingüística en Galicia está de permanente actualidade: cando non se trata da fórmula de oficialidade axeitada para o galego na reforma do Estatuto de Autonomía, trátase, por exemplo, do seu uso como lingua vehicular no ensino non universitario, ou da presentación dunha campaña publicitaria por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Dunha banda, isto pode parecer preocupante, como síntoma do conflitiva que aínda segue a ser a situación do idioma galego. Doutra banda, tamén pode interpretarse en positivo, como mostra da viveza con que a sociedade sente estes problemas. En calquera caso, benvindos sexan os debates, se axudan a aventar ideas, peneirar prexuízos e a esclarecer posicións. A sociedade galega ten que ser plenamente consciente de que o futuro do galego está nas súas mans, e para decidir sobre este hai que informarse e deliberar sobre as opcións que se van abrindo.
OBRIGAR A COÑECER?
Da relevancia que a cuestión lingüística ten no noso país é boa proba o feito de que un dos asuntos clave na discusión da reforma estatutaria que se tentou (e de momento se fanou) foi precisamente o estatus do idioma: debe ou non debe a lei fundamental do noso autogoberno recoller o deber de coñecemento do galego? Alguén respondeu: ningunha norma legal pode obrigar aos cidadáns, con carácter xeral, a coñecer unha lingua en particular. Como posición de principio, concordo plenamente con esa idea, pero coido que nas circunstancias da España actual a resposta refuga o problema. O feito é que a Constitución impón aos españois o deber de coñecemento do castelán, e non se ten noticia de que estea na axenda pública a modificación do artigo correspondente.
Nese contexto, recoller no Estatuto de Galicia o principio de obrigatoriedade do coñecemento do galego parece unha cuestión de pura equidade. Tan difícil resulta de entender que as persoas que falamos habitualmente o galego somos igual de cidadás, e cos mesmos dereitos e deberes, cás que falan o castelán? Pois así o debeu de entender o Parlamento de Galicia, cando en 1983 (cando a forza maioritaria e gobernante era Alianza Popular, da que procede o PP) recolleu tal deber na Lei de Normalización Lingüística que daquela se aprobou por unanimidade: polos vistos, a AP de Fraga e Fernández Albor érache ben máis galeguista ca o PP de Rajoy e Núñez Feijoo. Estamos á espera de que os critican a 'imposición' do galego denuncien tamén a 'imposición' do castelán: isto será a proba da sinceridade de tal posición.
Falando de equidade. A Consellaría de Educación da Xunta anuncia que ten en estudo un decreto que sinalará que o emprego do galego como lingua vehicular da educación obrigatoria deberá atinxir a metade do horario lectivo. Pois xa hai quen se escandaliza e anuncia a súa oposición, e mesmo algúns dirixentes políticos torcen o bico. E logo tal cousas non estaba prevista no Plano Xeral de Normalización Lingüística que o anterior goberno autónomo presentou ao Parlamento de Galicia, onde foi aprobado por unanimidade en setembro de 2004?
As persoas que consideran que o uso do galego no ensino constitúe un atropelo para os estudantes castelán-falantes debían reparar nun par de cousas: a primeira, que son os galego-falantes os que de toda a vida se viron (e aínda se ven) agraviados pola discriminación do seu idioma en moitos ámbitos, comezando polo educativo; segunda, que se aspiramos a unha auténtica convivencia civil (e seica a tal cousa aspiramos) é imprescindible que tódolos galegos saibamos manexarnos polo menos un pouco nos dous idiomas falados en Galicia.
Outra cousa sería condenarnos a vivir en dous países paralelos e incomunicados, ou aínda peor, nun país onde unha parte (a máis numerosa, por acaso) ten menos dereitos cá outra. Pois ben, nas actuais condicións, a única maneira de garantir a aprendizaxe real do idioma galego por parte dos castelán-falantes é incrementando a súa presenza no ensino, como mínimo ata a metade do horario lectivo.
IMAXES E MIRAXES DO IDIOMA
Por certo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou unha campaña publicitaria (con anuncio televisivo incluído) de promoción do galego. Trátase dunha campaña moi ben concibida e xurdiamente deseñada, pero que para ser efectiva necesita ir acompañada dunha serie de accións ben visibles (ao menos, tanto coma a propia campaña) para a cidadanía. Un dos problemas que afectan negativamente a percepción pública do galego é o enorme desfase que as persoas correntes advirten entre a grandilocuencia retórica que os persoeiros adoitan para falar publicamente do idioma e a prosaica realidade do seu desapego cara a el na rotina diaria.
Hai quen denuncia un uso ritual, pero eu disto discrepo: entre outras cousas, o ritual requiriría un uso moito máis coidadoso coa lingua do que estamos afeitos a oír e ler. Da disonancia entre o discurso público e a praxe lingüística verificada, a maioría da poboación tira a lección correspondente: do galego tes que falar ben cando aquece, pero na vida real non hai que falalo (e non digamos falalo ben!). Campañas coma a que comentamos teñen ese risco: que a xente a interprete como pura propaganda.
A única maneira de canear o risco é dando millo: poñendo en marcha un conxunto de medidas que demostren nos feitos o compromiso de quen encarga a campaña (neste caso o goberno galego). Algunhas consellarías veñen dado mostras deste compromiso: xa falamos antes da de Educación, pero a Vice-Presidencia tamén se ten mostrado moi activa neste campo, coas famosas Galescolas e o Voluntariado Lingüístico, poñamos por caso. Curiosamente, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística a que aínda está lonxe de facer tanxible o alcance dese compromiso. Ata o momento, percíbese moito continuísmo rotineiro e pouca novidade, o diso só se pode agardar un pobre balance. A ver se esta campaña significa que, como agora se di, 'mudan o chip'.
Falando da Xunta, moitas veces esquecemos deixar constancia que a tarefa de recuperación do galego debe ser unha angueira partillada pola sociedade no seu conxunto. Así e todo, coma noutros aspectos da vida, algúns sectores sociais teñen unha responsabilidade maior. Entre estes atópanse, sen dúbida, os medios de comunicación de masas. E non falamos unicamente do uso efectivo da lingua, tamén do seu contributo a crear opinión pública, a mellorar a cultura lingüística do conxunto da poboación.
Neste aspecto, o papel que están a xogar desde hai moito tempo (incluso diriamos historicamente) algúns medios, tanto galegos coma españois, é verdadeiramente lamentable. No canto de serviren de tribuna aberta para debates minimamente ilustrados, en que diferentes opinións saian á luz e se confronten de forma libre e civilizada, algúns medios dedícanse a reavivar os preconceptos máis irracionais, a encirrar paixóns sectarias e a manter en carne viva as chagas de antigos agravios. Pois ben, a maioría das controversias idiomáticas (unhas con base en problemas reais, outras con fundamentos ficticios) poden alumarse cunha luz moi sinxela: a do principio de igualdade, entre persoas, entre grupos lingüísticos, entre idiomas. Si, pero xa se sabe: o sinxelo sempre é o máis complicado.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.