Unha teoría sentimental da alma galega
Ramón Piñeiro pescudou no ser común de Galicia e Portugal na 'Filosofía da Saudade'
Como unha sorte de Sócrates moderno, Ramón Piñeiro foi sobre todo un pensador oral. A súa herdanza á cultura galega provén máis dos milleiros de conversas mantidas arredor da famosa mesa camilla que dos seus escasísimos escritos, reunidos en só dous libros. Un deles, sen embargo, é unha obra case lexendaria: Filosofía da saudade, o intento máis ambicioso por chegar ó cerne do ser galego a través dos presupostos existencialistas. A última edición da obra, publicada por Galaxia, recolle conferencias e escritos que abranguen dende 1951 ata 1975. O que segue é unha pequena escolma deses textos, chaves para entender o esvaradío concepto da saudade.
O PAÍS DA LÍRICA
A lírica é a que dá a nota da autencidade galego-portuguesa no conxunto cultural europeo, a que lle incorpora a nosa aportación máis orixinal e máis alta, mesmo porque zuga o seu celme das nosas raíces máis fondas. Se esculcamos con lecer na lírica chegaremos a dexergar a nosa intimidade esencial, pois ó facermos a esculca axiña apreciaremos que unha das súas cualidades é a da expresar poéticamente unha vivencia anímica que nós chamamos Saudade e que é, entras as vivencias espontáneas da natureza humana, a que mellor recolle o peculiar matiz de sentimentalidade que caracteriza ó espírito galaico-portugués (...)".
"(...) Na comunidade espiritual galego-portuguesa a dimensión predominante é o sentimento (...). Música e poesía lírica deben de ser notas distintivas da espiritualidade galiciana, feito que se comproba polas manifestacións culturais que xorden espontáneamente da comunidade espiritual, como ocorre co folklore popular ou coa lingua, pois a gran musicalidade e singularísimas calidades líricas da lingua galega son froito dese predominio sentimental común".
O MISTERIO DA SAUDADE
"Poucas veces se fala da saudade sen aludir á súa 'inefabilidade', e chegou a converterse no gran misterio galaico-portugués diante da curiosidade dos alleos. Entre nós ténselle dado máis dunha volta coa teima de lle achar unha explicación, case que sempre polo camiño doado de reducila a outros sentimentos ben coñecidos: nostalxia, melancolía, etc .; tamén se lle sinalaron causas; o arredamento da paisaxe nativa, por exemplo. Con todo, a saudade segue conservando ese certo carácter de misterio (...)"
"Aínda temos que aclarar que a saudade e a morriña non son a mesma cousa, pois decote se confunden unha coa outra. A morriña é o equivalente galego da melancolía, un sentimento de tristura e, polo mesmo, expresivo dun esmorecemento vital. A saudade é sentimento, pero non sentimento de tristura (...). É a vivencia espontánea da pura intimidade do ser humano, vivencia fonda, escuraa e pasiva, porque se produce con independencian e con anterioridade á actividade do intelecto e da vontade (...)".
"A saudade non é un sinxelo estado sicolóxico, como é a morriña, por exemplo, senón unha vivencia orixinaria, de plena significación ontolóxica, pois na saudade o home queda afundido dentro de si mesmo, illado de todo contacto exterior, espido de toda contaminación mundana (...) ¿Que descubre o home no seu eido interior, cando chega a el polo camiño da saudade? Descóbrese a si mesmo, pero neste oscuro sentirse a si mesmo como singularidade percibe a sua soidade ontolóxica. Sentir esta soidade ontolóxica é sentir saudade".
"(...) Agora xa vemos que toda interpretación filosófica que responda á autenticidade da configuración espiritual galego-portuguesa ha de arrincar da vivencia da Saudade, da consideración da soidade orixinal do ser humano (...)".
DOUS POBOS FRATERNOS
"Se na etapa medieval podemos falar de cultura galego-portuguesa, na etapa moderna temos que falar de cultura galega e cultura portuguesa, e de lingua galega e de lingua portuguesa. Pero tamén cómpre sinalar que esa diferenciación real imposta pola historia diverxente dos dous países non é tan profunda que borre a comunidade esencial que nace da comunidade de orixe. Seguimos tendo moito en común. Seguimos sendo dúas culturas fraternas".
"(...) No século XIX, o galego recobra o cultivo literario e con el prodúcese de contado a reaparición da saudade nos textos escritos, como é natural a través das varias voces utilizadas pola lingua oral para designala: soedade, soidade, suidade, saudade ou saudades, señardade, morriña. Todas elas foron utilizadas polos nosos escritores, como eran utilizadas polo pobo, para expresaren o sentimento de saudade. Por utra banda, a imaxe sicolóxica do home galego para os non galegos era a der ser un personaxe 'morriñoso', 'saudoso'. Quérese dicir que o sentimento da saudade seguía tan vivo en Galicia coma en Portugal, por máis que, polos motivos históricos xa sinalados, non existise nos tempos modernos comunicación cultural entre ambos países".
"(...) Se a experiencia intimista é un feito natural e constante na vida do home galego, a miúdo aconchegado na súa soidade individual, a predisposición ó sentimento da saudade non semella extraña. E, sobre esta experiencia básica e permanente que poderiamos chamar 'natural', tamén habería que considerar a intensificación dos seus efectos pola marxinación histórica do noso pobo, xa que, ao anular a vontade colectiva que nace da unidade interna, prodúcese, inevitablemente, unha progresiva desintegración que empuxa máis e máis o repregue defensivo na individualidade e no seu mundo inmediato".
ROSALÍA E A SAUDADE
"A forza da adhesión con que Rosalía se entregou ó seu pobo correspóndese coa forza da adhesión que Galicia sente por Rosalía. Nin unha nin outra adhesión se quedan no reino da estética pura: a bonitura da paisaxe ou o encanto dos costumes, no primeiro caso; a fermosura dos versos ou a gracia do idioma, no segundo caso. É algo moito máis fondo, decisivo, máis duradeiro. Rosalía foi a primeira gran personalidade galega dos tempos modernos que soubo descubrir e que os amou ilimitadamente con toda a plenitude do seu ser, os máis puros e auténticos valores morais que o seu pobo acocha e os máis puros e enxeis valores sentimentais que acocha a súa terra".
"(...) A maneira de sentir de Rosalía ben definida: é unha maneira dorida de sentir. O seu sentimento característico é o sentimento da dor (...)
Pero esquécese que esa Galicia ... é un unha Galicia rosaliana, a imaxe rosaliana de Galicia. E por ser Rosalía, como é, a voz máis universal que ten saído do noso mundo galego, esta súa imaxe espiritual de Galicia é a que tivo, deica hoxe, máis fortuna
(...) Seguiuse de todo isto unha das grandes confusións que se repiten e se repite de contino: a de falar indistintamente de sentimento e de dor cando se quere caracterizar a alma galega. A alma galega é sentimental, mais non é dorida. Non ama nin busca a dor, que sería aberración o facelo, nin na dor se recoñece, se atopa a si mesma, tampouco. Busca sempre o sentimento, a vivencia sentimental, o intimismo subxectivo, se se quere. Mais esta maneira de sentir, que é peculiar da alma galega, non hai que a confundir co sentimento da dor, que é a peculiar de Rosalía. Iso sería procurar a comprensión da alma dun pobo polo camiño morboso da doenza colectiva. Camiño perdido".
"(...) Rosalía, grande e profundo espírito, viviu e expresou a súa soidade ontolóxica, a súa saudade. Poeta que tal fixer pertence para sempre ó reino da lírica pura".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.