As voces cabreadas berran desde Ordes
Dios Ke Te Crew ou os composteláns Malandrómeda constrúen os alicerces do rap galego
Chuck D, o mestre de cerimonias da que probabelmente foi a banda de rap máis importante da historia, Public Enemy, definía esa música como "voces negras cabreadas". En Xénese, o primeiro disco de rap integramente cantado en galego, tamén hai cabreo. Composto, gravado, producido, deseñado, editado e distribuído polos Dios Ke Te Crew, o seu disco Xénese contén lírica que ataca a monarquía, a Garda Civil, a televisión, o bilingüismo harmónico ... "Á hora de comezar co grupo, e en cuestións como a lingua, tamén pesaron razóns ideolóxicas", afirma Mou, voz e letras da banda de Ordes.
Dios Ke Te Crew (DKTC) herdan a cultura hip hop en toda a súa extensión. Baile, pintura e música, que equivalen a break, graffiti e rap, fan parte da crew, da tropa de Ordes. "A nosa idea inicial, cando da unión de 5Talegos e Ghamberros xurdiu DTKC, en 2003, era moi grande", apunta García, tamén vocalista, "mesmo queriamos un local onde levar a cabo obradoiros de rimas e outras ideas". "Despois, fixemos o que puidemos, que tamén é moi grande", conclúe. Nun concerto de Dios Ke Te Crew desprégase ao mesmo tempo a pintura en aerosol, as acrobacias dos break dancers, as rimas insolentes dos mc's e os seus movementos milimetrados nas táboas.
Reixa declarou hai vinte anos que cantaba rap para dicir máis cousas en menos tempo
Un sinal de identidade que DKTC comparte coa maioría dos novos grupos galegos reside na militancia autoxestionaria. "Nós autoxestionámonos, en primeiro lugar, porque non tivemos outra opción", explica Jamas, outra das voces. A eiva histórica da música galega, a ausencia de estruturas industriais, inflúe nesta toma de posición. Pero García apunta: "Logo collimos conciencia de que, se queres ter liberdade, o único remedio está na autoxestión total".
Dios Ke Te Crew levan vendidos arredor de 2.000 exemplares de Xénese. "Vendemos sobre todo nos concertos, e temos un trato aberto cunha distribuidora catalá para chegar a certas superficies comerciais", conta Jamas. "Na actualidade hai un bum do rap, tamén en Galicia", asegura Mou, "aínda que se cante en castelán". Para DJ Murdock, o home que se agocha tras os pratos de DKTC, "o problema é que os rapaces falan en castelán, e por iso riman en castelán".
Os de Ordes percorreron un camiño inverso ao da meirande parte de bandas de rap. "Comezamos tocando moito en directo e despois de tempo abondo, metímonos a gravar", lembra Jamas. Dios Ke Te Crew veñen de entrar na rede de concertos que o IGAEM, organismo da Consellería de Cultura, pon en marcha este ano. "Pechamos 18 datas e, grazas a este apoio", relata García, "imos tocar por primeira vez en Ordes, onde nacimos e ensaiamos os DKTC, porque até o de agora nunca nos chamaron".
Vai xa para vinte anos que o vocalista d'Os Resentidos, Antón Reixa, declarara que cantaba rap "para poder dicir máis cousas en menos tempo". Pero entre a inspiración hip hop dos autores de Sector naval e o rap vangardista e case existencial dos composteláns Malandrómeda aconteceron outras cousas. A primeira canción estritamente rap gravada en galego realizouna o cantante lucense Charlie J. "Era rap comercial, con coros femininos e así, apenas con máis valor ca o histórico", explica Mou, de DKTC.
Unha das células máis activas do rap galego e en galego habita en Santiago de Compostela. Liderados polo Hevi, o trío Non Residentz afástase da liña explicitamente política das letras de DKTC e facturan preguntas como "Quen anda detrás do Kevin Costner?". A praxe do Hevi, que procede dos pioneiros Fundación Cru, esténdese a Malandrómeda, proxecto en realidade unipersoal que facilita o primeiro disco web da música galega, Os estraños sempre traen malas novas. Recentemente editou un vinilo de dez polegadas con licencia creative commons, Chegan tarde ep. Fodai & Barbaconna, autodefinidos "o dúo de rap máis expeludo do planeta", saen asemade da factoría secreta do Hevi en Compostela e espállanse a través de Internet. Todos empregan o galego para rimar.
Lonxe do eixe Ordes-Compostela atópanse Os Trasnos do Moscoso, de Vigo. Ainda atoutiñantes, a súa proposta de "rap do país" ficou no terceiro lugar do certame GZcrea.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.