A literatura importada
As traducións de autores estranxeiros acadan un pulo descoñecido e ata novelistas de éxito como Julian Barnes ou Martin Amis aparecen antes en galego ca en castelán
Hai vinte anos, a emisión na TVG da serie Dallas foi unha auténtica conmoción, incluídos espectadores indignados porque puxeran a J.R. a falar galego. Hoxe, pese ó que poidan pensar algúns e difunden outros, o que se está a editar no noso idioma non son unicamente libros de texto e obras dun círculo máis pechado que aberto de escritores. Alguén pode mercar Brooklyin Follies, o último de Paul Auster, e descubrir na casa que está en galego. Quizais porque o mundo da edición é moito máis discreto co televisivo está a pasar desapercibido o feito de que cada día se incorporan ós andeis das librerías (¿á sección de literatura galega?) nomes consagrados da narrativa contemporánea universal. E en moitos casos, antes ca en castelán.
A última novela de Amis sae en galego un mes despois de editarse no Reino Unido
A casa dos encontros, a última novela de Martin Amis, chega aos lectores galegos -ou mellor ós lectores en galego- un mes despois da súa publicación no Reino Unido, dentro da colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea da Editorial Galaxia. É a primeira traducción que se fai desta obra, que narra o triángulo amoroso dunha rapaza xudea con dous irmáns recluídos nun gulag preto do Círculo Polar Ártico. Na mesma colección -e á vez que en castelán- veñen de aparecer A maldición do mundo, de Daniel Kelhmann, un dos máis novos e puxantes autores alemáns; e A pensión de Eva, do tamén prestixioso -pero moito máis veterano- escritor siciliano Andrea Camilleri.
A outra editorial de referencia, Xerais, publicará en marzo, coincidindo coas versións española e catalana, Terrorist, a última novela de John Updike, acompañada de Ancho mar de argazo, de Jean Rys e Que pasou con Nora cando deixou ao seu home, da premio Nobel Elfried Jelinek. O seu catálogo de traducións inclúe desde valores sólidos como J.D. Salinger, ItaloCalvino ou J.R. Tolkien, a opcións máis arriscadas como Slavenka Drakulic ou Agotya Kristof, pero non está a facer unha aposta tan decidida pola traducción como Galaxia, quizais porque na pasada década tivo que pechar a colección na que pretendía recoller ós clásicos do século, de Jean Paul Sartre a James Joyce.
A outra cara pona Rinoceronte Editora, "o parque natural da tradución ó galego", tal e como se define un proxecto que soamente edita versións doutros idiomas. "Un ámbito lingüístico non pode considerarse normalizado se só ofrece productos editoriais escritos orixinalmente na lingua propia. A tradución dignifica unha lingua e faina universal", é a militante declaración de principios da editorial, impulsada por un grupo de tradutores, encabezados por Moisés Barcia (que verteu ó galego O señor dos aneis) e Penélope Pedreira. Rinoceronte ten no seu catálogo A posibilidade dunha illa, de Michel Houellebecq e Arthur e George, un Julian Barnes aínda inédito noutra lingua peninsular, pero tamén cabezas de serie de sistemas literarios menos coñecidos, como o finlandés Arto Paasilinna (O bosque dos raposos aforcados) ou o israelí Etgar Keret (O condutor de autobús que quería ser Deus).
"O risco non é editar traducións, Houellebecq ou Paasilinna son autores de éxito nos seus ámbitos, senón en ocasións atopar quen as faga", considera Barcia. Tomás Rodríguez Aloha, tradutor de O bosque? é un fillo de finlandesa que vive en San Adrián de Cobres (Vilaboa). Da versión de Herbario (que non está nin traducido ó inglés) do húngaro Sándor Márai, encargouse Fernando de Castro, que viviu anos no país maxiar. Para os responsables de Rinoceronte tampouco hai risco en deixar descargar por completo e de balde as súas obras en Internet, como de feito deixan. "Pode haber alguén que só colle o que lle dan gratis, pero a inmensa maioría o que fai é probar, e se lle gusta, comprar. O mesmo que follear un libro nunha librería", argumenta o editor.
Tampouco son doadas as negociacións, aínda que neste asunto, os editores son menos explícitos. "Ó comezo, afeitos ó mundo anglosaxón, pedían cifras astronómicas. Agora os axentes saben que en España poden vender varias veces o mesmo libro", asegura un, mentres outro apunta directamente ós colegas: "Hai empresas que espremen o producto ata a derradeira pinga antes de soltalo a linguas veciñas, caso de Harry Potter"? critica outro. Con todo, as traducións constitúen case o 20% do editado en galego, de Agatha Christie a Aristófanes, de Beckett a Marx. A lingua de procedencia maioritaria é o castelán.
"É unha incongruencia que non responde a necesidade ningunha", sinala Manuel Bragado, director de Xerais. "Eu sempre defendín o non traducir do castelán ou do portugués, pero foi Jorge Amado quen me argumentou que a el adaptábano cando o editaban en Portugal, e Nélida Piñón teimou en publicar en galego A república dos sonhos, que xa vai pola terceira edición", comenta Víctor Freixanes, director de Galaxia, que vén de editar outra obra da escritora brasileira de orixe galega, A casa da paixón.
"Hai un campo virxe para as traducións", encarna Moisés Barcia a visión optimista. "Hai que conseguir que os lectores e os libreiros poñan as versións ó galego en pé de igualdade", aporta pragmatismo Víctor Freixanes. "Creo que as traducións de obras de ficción terán mellor acollida na medida que sexamos capaces de ampliar significativamente a nosa base de lectores habituais", apúntase á esperanza moderada Manuel Bragado. Ó cabo, ata os televidentes indignados acabaron repetindo aquilo de "¿estás bébeda Sue Ellen?" ,
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.