_
_
_
_
LUCES | ROLDA DE LETRAS

De memoria e memorias

Xerais retoma a súa colección de poesía e continúa a preferencia pola literatura do eu

Un Auster que non o é? Velaí unha das opinións posibles que suscita o Diario de inverno. Nada de azares inverosímiles, nada de tramas enfiadas sutilmente como encaixe de Camariñas, nada de personaxes esquizoides, nada de trucos de prestidixitador. Ou si? Para empezar, Auster véndenos como diario unhas memorias: aí comeza o xogo de espellos, no que participamos da man dun narrador que nos convida a un feixe de lembranzas e unha viaxe no tempo. A maxia pona a sensibilidade da ollada e a proximidade da voz, que acaba por convencernos da nosa condición de seres escolleitos, convidados a asistir á revelación dese segredo eterno que fai única cada vida. Un Auster diferente, ou non, pero convincente.

Tamén De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde de Fernández Ferreiro son unas memorias, disimuladas baixo a aparencia de crónica xeracional. Mágoa que proliferen as anécdotas insubstanciais (como cando o protagonista levou un lacón cas Eugenio Montes) e as hipóteses infundadas, baseadas en teño oído, segundo parece… Falta pulo histórico e convicción nestas soi-disants memorias, e sóbralles rexoubeo. Se cadra, tampouco están tan mal, e poden ser lidas como metáfora da historia do noso país na segunda metade do século XX.

Mario Regueira ensaia en Outono aquí ese xénero escorregadío que é a novela curta. Mais tanto ten neste caso: a densidade da escrita tece moitos vimbios nun cesto de aparencia enganosamente modesta mais de contido ricaz. Temas aparentemente abstractos como a memoria ou a loita por atopar a propia identidade vertébranse de xeito fluído cunha trama ben enxebre, que mestura herdanzas, liortas veciñais e violencia; no trasfondo, a alienación por mor da desvertebración das formas tradicionais de vida, rurais ou urbanas. Personaxes anódinos, que pelexan por seren eles mesmos e que atopan, sobrevivindo no cotián, a súa grandeza. O comezo da novela, fortemente climático, sementa a inquedanza e permite xa intuír a potencia narrativa que o texto agocha.

» De volta. Retornan, da man de Xerais, voces poéticas convincentes, desas que sempre se botan en falla porque son o humus que garante a nosa continuidade como comunidade. Volta Xabier Cordal en transmuta e volta Xoán Abeleira con Pan de ánimas, poemario amplo e polo mesmo desigual, catálogo de contrastes, no que conflúen e colisionan materia e antimateria, vida e norte, luz e escuridade. Mais, tras a lectura, tras a intuición do peche dun ciclo vital e creativo, imponse certo vitalismo. De volta a casa, o poeta apaña versos do seu pasado coma quen fai balance: autotradúcese, autocorríxese e autocítase, e se cadra tamén por iso ese ton conciliatorio ou oferente, esa sensación de rencontro que nos deixa.

Regresa tamén Olga Novo con Cráter, en Toxosoutos. Poucas poetas teñen esa capacidade para ser sempre ela mesma e, ao tempo, ser outra ou outras. O libro articula materiais diversos baixo o paraugas da simboloxía volcánica que en ningún momento condiciona nin limita a lectura. Así pasa da lembranza das orixes, emotivas na súa domesticidade, ao estoupido cósmico do derradeiro poema, e ese tránsito faise por medio dun diálogo visionario cunha Deusa campesiña, cuxa voz podía ser a da Sibila cando profetiza: “Sucumbirá o poder ó peso da levedade”. E o verso acompáñanos, como un mantra, na nosa xorda resistencia.

Volta Rexina Vega, demostrando aos escépticos que quere ser algo máis ca unha escritora ocasional. En Dark butterfly aposta por un rexistro ben distinto, aínda que seguimos a identificar a mesma vontade literaria, parello afán de atopar voz propia e singular no actual concerto narrativo. Vega asómase agora ao mundo da esquizofrenia, ensaia a escritura como terapia, como áncora de salvación, como botella ao mar. Optando polo collage de modelos discursivos como fórmula semiotizadora para a alienación da protagonista, Vega convídanos a unha viaxe cuxa fin podemos adiviñar mais non por iso menos impactante. Descenso aos infernos pautado por alustres de esperanza, con algunha concesión ao tópico (a absenta, o ambiente da escola de Artes e Oficios), o conxunto resulta desoladamente convincente.

Tampouco é Xerardo Quintiá un escritor que se prodigue. En Hotel Cidade Sur arma un coherente feixe de relatos de sólida estrutura que pairan arredor do sentido da vida, do papel da norte, e de como a arte en xeral pode axudarnos na tarefa de sobrevivir. Coa cidade de Lugo como difuso pano de fondo, pois o ton nunca chega a ser localista, algunhas destas narracións poden (ou non) conectarse como capítulos posibles dunha historia vital. A ollada tenra que o narrador deita sobre os personaxes vese contrapuntisticamente matizada por lostregadas de humor, como a que pecha o relato Un prado cheo de galiñas, na que ecoa a voz de Castelao. É,a amais, unha narración metaliteraria, que reforza o sigificado do conxunto, e na que Quintiá imaxina Raymond Carver a pasear por Lugo: aí xurdiría o seu famoso derradeiro poema, aquel no que o escritor confesa ter conseguido o que quería na vida e que non era máis ca sentirse amado. Xogando a mesturar realidade e ficción, Quintiá anoa o significado global desta máis que notable colección.

Do resto, os andeis das librerías permiten intuír xa o que vai ser o ano, polo que a efemérides se refire: o escaso entusiasmo que no lector común esperta a figura de Paz Andrade verase compensado polo xogo que dá a obra de Celso Emilio Ferreiro, de novo de actualidade neste centenario, mentres imos quentando motores para o 2013 rosaliano que está aí xa ao asexo. E para celebrar a herdanza que Casares deixou, neste seu décimo cabodano Galaxia aposta polo alento conmemorativo e pon en marcha iniciativas dixitais que de certo serían do agrado de quen foi director da editorial e que sempre amosou querenza polas novas tecnoloxías; a sinalar, a edición dixital das súas obras e o blog de Carlos Casares, que pretende relanzar o diálogo arredor da súa obra.

» Pan negro. Foi unha satisfacción atopar, en fermosa edición, Pan negro de Emili Teixidor, versión galega da novela catalá na que se baseou o galardoado filme. Máis satisfacción aínda foi atopar no interior o DVD coa película en versión orixinal subtitulada en galego. Feliz iniciativa, xurdida do pulo cosmopolita da Fundación Vicente Risco, que teima en poñer en diálogo a nosa cultura con outras do noso entorno sen ter que pasar pola aparentemente obrigada mediación do castelán. É boa cousa iso de que as nosas fundacións centren os seus esforzos en obxectivos concretos, máis aló do puramente conmemorativo e haxiográfico, e que atopen un espazo de seu no que intervir: só así poderemos aproveitar o inmenso capital intelectual e humano que se vertebra arredor delas, tan a miúdo desaproveitado polo erratismo ou a invisibilidade. Pero hai máis: a tradución e subtitulado de Pan negro foi adiante grazas ao apoio económico dalgúns amigos e patróns da Fundación, que cofinanciaron o traballo dos seus petos. Velaí un exemplo do futuro que nos agarda: dar un paso á fronte e apostar por aquilo no que cremos e por aquelo que queremos, sen agardar a que nolo poñan en bandexa. Ese é un dos camiños que temos que percorrer para sermos unha sociedade madura, que se respecte porque cre en si mesma e que, polo mesmo, se faga respectar. Mágoa que apostas coma esta corran o risco de ser unha pinga nun océano: só con continuidade e periodicidade na oferta, e con espazos específicos para cada tipo de produto, conseguiremos facelos visibles e fidelizar o consumo do público. Oxalá se consolidasen iniciativas coma esta, que suplan os déficits institucionais en políticas de audiovisual.

Por se fose pouco, a novela é magnífica. A eficacia do punto de vista infantil á hora de narrar as consecuencias da guerra xa foi demostrada abondo (Aqueles anos do Moncho de Neira Vilas, A lingua das bolboretas de Rivas) pois deita sempre unha ollada de incomprensión ou abraio sobre o fenómeno bélico que suliña de xeito tácito o seu absurdo radical. Pan negro é unha novela sobre a guerra e os seus efectos individuais e colectivos pero é tamén de educación sentimental. E aínda moito máis pois o elemento costumista non é o menos interesante. Por riba, chega a nós nunha convincente versión galega. Non se pode pedir máis. Pero é mágoa que teñamos que congratularnos do que debería ser habitual.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_