_
_
_
_
Reportaje:Luces

O grande milagre de Pimentel

Novos estudios balizan a obra do poeta lugués no 50º aniversario da súa morte

Luís Pimentel circulaba por Lugo co poietés inscrito na porta dun dous cabalos, pero non afirmaba nada. A súa posteridade comezou o 13 de febreiro de 1958, aos 63 anos, tras pedirlle á criada que lle subira un inxectable para frear un paro cardíaco.

Di Luz Pozo Garza (A bordo de 'Barco sen luces', 1990) que a consciencia e os ritmos do corazón acompasáronselle en 1936: "Cando comezou aquilo tíñano que axudar a andar. Desde a súa casa escoitaba os disparos no cemiterio". O seu sobriño pintor, José Vázquez Cereijo, limita sen querer algún esencialismo posterior: "Pimentel escribía en castelán porque a nosa era unha familia de burgueses, e todos os que eu coñezo falaban castelán". A historia do poeta hipocondríaco -médico indolente- que choraba con Debussy é coñecida: no momento da morte deixaba édito unicamente Triscos (Benito Soto, 1950), un pequeno poemario bilingüe, coa axuda probada de Ánxel Fole nas traducións. O segundo libro de Pimentel debería ter sido Barco sin luces, que acabou publicándose en castelán en 1960 (Ediciones Celta) baixo dirección de Ángel Johán. Prológao Dámaso Alonso, que fala dun "delicadísimo instrumento de Deus". Alonso xa incluíra o mesmo texto en Poetas españoles contemporáneos (1952).

"Era simbolista a destempo e existencialista 'avant la lettre"

Aquela foi a primeira canonización de Pimentel. Houbo un proxecto en galego de Barco sen luces na Editorial Nós, do que se sabe tanto por Ramón Piñeiro como por Fole, segundo a estudosa Araceli Herrero Figueroa, que coordina agora a que debe ser a edición definitiva dos textos de Pimentel, con máis poemas inéditos e non recopilados. "O exemplar desapareceu tras a queima da editorial en 1936 e o asasinato de Ánxel Casal", di. "Consérvanse, aparte do guieiro, autógrafos de Pimentel e copias mecanografadas de Piñeiro". Nunha carta de 1954, Piñeiro diríxese "ao máis alto poeta que hoxe alenta en Galicia": "Tedes o don divino de que a vosa palabra pode destruír por si soa todas as ruindades das xenreiras políticas". Mais o libro galego de Pimentel fixéronllo outra vez os amigos. A súa entrada na literatura galega, a compilación Sombra do aire na herba, sae en Galaxia en 1959 co célebre prólogo de Celestino Fernández de la Vega, que apunta un trazo clave no verso libre e curto do poeta puro de Lugo: "A súa forma aseméllase á linguaxe das traducións libres de poesía allea". As referencias a Francis Jammes, Jules Supervielle ou Laforgue, poetas a contrafío epocal, son o seu modelo. Se Rilke se pregunta que lle pode ofrecer a Deus, Pimentel recólleo: "Ti, Señor, sabes que un poeta non posúe nada". Para Luís Rei, que prologa a edición máis completa (en castelán) ata agora da obra de Pimentel, dirixida por outro devoto, Andrés Trapiello (Poesías completas, Comares, Granada, 1991), "Pimentel non adoutrina, non filosofa, atopa acubillo no sentimentalismo individualista da provincia, como Jammes. Rosalía (ou Bécquer), Machado (e Juan Ramón), Laforgue (e Jammes). Un século XX que quere ser XIX, e ao revés".

Arcadio López-Casanova prepara un novo estudo sobre a poesía de Pimentel, dacabalo entre a xeración da vangarda galega (Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza, Acuña) e os poetas periféricos do 27 español. "É o poeta que mellor actualiza entre nós os signos da modernidade poética", remarca. Non hai disidencias no amor a Pimentel, que ecoa en poetas como Pilar Pallarés, Xulio Valcárcel ou Román Raña. "Podemos falar dun poeta simbolista a destempo e existencialista avant la lettre", di Pallarés. "Quizais agora prima máis a denotación. A poesía que consegue iluminar é máis difícil". "A súa vixencia é a da poesía", di Raña. Era "voz, non eco", como di o o poeta e crítico Rodríguez-Fer, que concede que con Pimentel "todo é complicado".

O lugués, que desbota o tópico de que Pimentel non quería publicar, conta a anécdota política do autor que mereceu as Letras de 1990: "Piñeiro convenceu a Fole de que entrase no Partido Galeguista. Pero Pimentel díxolle: "Eu comprometinme coa ORGA. Agora xa non existe, pero non quero parecer chaqueteiro".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_