O Fauno galego de Abbey Road
O músico Rogelio Groba coñeceu a Rostropóvich nos míticos estudios londinenses
Non tiña a obriga de amosar interese polo The Dark Side of the Moon de Pink Floyd nin de curiosear pegadas de Lennon por algunha daquelas paredes. Ía gravar nos estudios londinenses Abbey Road a súa Gran Cantata Xacobea dirixindo a London Symphony Orchestra, unha das de maior nivel artístico do mundo. Estaba vixiante de encofrar á súa propia historia. Era o ano 1993, e Rogelio Groba, un dos compositores galegos máis importantes, cruzou sen mirar o paso de peóns inmortalizado polos catro de Liverpool. "Cando subía as escaleiras dos estudios pensei que estaba a piques de acadar algo grande", comenta.
Sábese que un ano despois, Milladoiro rexistra neses mesmos estudios, con The English Chamber, a suite orquestral Iacobus Magnus, pero é moi posible que Rogelio Groba fose o primeiro músico galego en inmortalizarse en Abbey Road. "Eu xa tivera a experiencia de gravar coa London Symphony o meu concerto para violín Confidencias nunha vella igrexa, e quedara gratamente sorprendido pola calidade da formación, polo que suxerín que fose esta agrupación a que recollese a cantata. Aceptaron a miña proposta e a propia orquestra se encargou de buscar un estudio axeitado, suxerindo Abbey Road", lembra Groba. O éxito desta primeira gravación redondeouno o prestixioso coro London Voices, a cuxo director, Terry Edwards, coñeceu o de Guláns nun respiro turístico en Covent Garden.
Coa London Symphony Orchestra rexistrou 'Confidencias'
O cellista ruso laiouse de non gravar 'Fauno', do compositor galego
Groba pisa de novo Abbey Road no 97. Desta volta rexistraríase o seu concerto para cello Fauno, de novo coa London Symphony pero agora dirixida polo neoiorquino Andrew Litton e interpretada polo cellista sueco Mats Lidström. As pezas do mecanismo sentíronse engraxadas dende a orixe do proxecto. "Lembro que Groba estivo dacordo en traballar co mellor produtor [Andrew Keener]. Sen dúbida tratábase do mellor equipo para Fauno, ningún punto débil", recoñece Lidström. Pola súa banda, Litton fala da obra do mestre galego como "poderosa e sólida" e lembra con nitidez o "virtuosismo do solista". Todo cadrou e, logo de escoitar esas conclusións, confírmase que o resultado xustificou o esforzo.
Dos días de gravación en Abbey Road, Groba garda o recordo do segundo de xeito especial: nun descanso, na cantina dos estudios, presentáronlle ao prestixioso violonchelista Mstislav Rostropóvich "que se atopaba alí facendo unhas xestións para a edición dun álbum recopilatorio", apunta Litton. Groba di que falaron e, ao remate, logo da despedida, volveu á cabina para escoitar o desenvolvemento da gravación. "Estaba soando Fauno e Rostropovich volveu a aparecer", narra o galego, "entrou na sala moi discretamente e ficou un cachiño escoitando. Logo dirixiuse ao director para preguntarlle de quen era aquela obra, Litton sinaloume a min e o xenial cellista achegouse ao recanto no que eu estaba, estendeume a man, felicitoume pola obra e dixo: 'É unha mágoa que non sexa eu o que estea aí dentro". Groba agradeceulle o cumprido e pensou "que podería ter pasado se ese concerto se editase asociado ao nome de Rostropóvich". "A proxección internacional sería enorme, sen dúbida", pecha o mestre.
O traballo compositivo de Groba confórmano máis de 600 obras catalogadas. O xornalista Manrique Fernández, biógrafo do compositor e xerente da fundación que leva o seu nome, o que traballa pegado ao cóbado do mestre e salvagarda no disco duro as novas creacións; o que atende a estudantes de universidades lonxanas que basean a súas teses no músico galego, confirma que Groba segue a traballar: "Para el a composición foi, dende sempre, a súa grande paixón, a razón da súa existencia. E agora ten tempo para crear melodías e xogar con elas. O certo é que non son quen de imaxinar a Rogelio sen compoñer".
Que Groba é presente non é máis que unha dedución obvia logo de saber que se nega a reprimir a súa actividade intelectual precisamente para seguir latexando. Así e todo, hoxe hai dúas realidades que o sitúan na actualidade: a primeira, a chegada ás librerías do libro de conversas Diabolus in Música (Galaxia), realizado por Manrique Fernández. Por outra banda, vén de recibir o Premio da Cultura Galega. "Agradezo o premio, é unha satisfacción. Pero tamén é certo que nunca busquei o recoñecemento, simplemente tratei de facer as miñas obras o mellor posible". Fernández cre que o seu traballo "estará recoñecido cando sexa programado con asiduidade polas nosas orquestras galegas". Rogelio Groba non cambiaría a súa envexable traxectoria, a súa xenialidade ben enfocada, pola vida atarefada dun quinto beatle, por máis Abbey Road que comparta.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.