Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces | Unha vida na memoria e na vangarda

Unha cuestión persoal

Disque sempre se van os mellores. Por sorte non é certo, van indo todos e os ruíns non gozan de inmortalidade. Tamén se di que a morte, ou o tempo, pon a cadaquén no seu lugar, e tampouco iso é certo: ponnos no mesmo. A morte quere carne, non quere nomes.

Díaz Pardo, que cualificaba a súa vida coma unha colección de fracasos, era dos mellores e os seus amigos non cansan de dicilo. O único contacto que eu tiven con Isaac deuse hai dez anos cando o adiantei na autoestrada. Lembro que el levaba a xanela aberta e o vento lle alborotaba o pelo, parecía máis novo. Con esa bagaxe non podo permitirme un tratamento necrolóxico da noticia, así que mellor falarei dos vivos.

A vantaxe de non termos trato é que para min segue igual de vivo que antes, un home que descolocaba porque contradicía unha anotación do diario de Miguel Torga que teño por atinada: "A oración íntima de todo artista é dádeme un pouco de gloria en vida". El semellaba non querela e os encargados de dispensar a gloria cumpríanlle a vontade de prescindir dela. Unha vez morto, estes necrófilos expendedores de medallas danlla toda xunta.

Non sei se a morte nos iguala a todos, as crónicas necrolóxicas si. A que vivo lle dan igual todos os mortos? Ao enterrador. Cuíña ou Castelao, Paco del Riego ou Cela. Para o enterrador son todos o mesmo.

Quen defende o dereito á vida antepóndoo a calquera outra cousa, combate con saña o resto dos dereitos. De igual maneira, quen sen partir da amizade se desfai en gabanzas dos mortos, expresa a súa desconfianza cara aos vivos e manifesta a súa relación enferma cos que aínda non pasamos a mellor vida, repróchanos que non esteamos mortos.

Para algúns dos vivos asistentes ao enterro de Isaac a súa morte é unha perda porque teñen figuras de Sargadelos na sala, serven o café en cunquiñas do Castro e temen non poder repoñer a peza que rompa ao lavar. Os gabinetes e documentalistas preparáronlles resumos biográficos ásperos, escuros, mesmo de arrepío, pero a necrolóxica dos inimigos é mellor que a redactemos nós a que a redacten eles.

Hipócritas que visitades as tumbas dos xustos e dicides (parafraseo o Evanxeo): "Se vivísemos en tempos dos nosos pais non participariamos con eles no sangue de Bóveda, de Ánxel Casal ou de Camilo Díaz... Testemuñades contra vós mesmos que sodes fillos dos que mataron os profetas, vós que hoxe disparades con silencio, dádivas e homenaxes".

O enterro permítelles centrarse no persoal. Sen embargo Sargadelos foi un proxecto máis industrial que persoal, emblema dunha idea de país contraria ao borrado de Galiza e da memoria do mapa que abandeira o PP. A pintura de Isaac foi combativa e política, non persoal. Edicións do Castro foi memoria histórica avant la lettre, activismo escandalosamente político! non persoal. Díaz Pardo escavou as fosas do fascismo antes ca ninguén, quitándolle aos crimes da guerra e a represión a terra que o franquismo lle botara enriba e que agora lle queren botar a el en forma de eloxio persoal.

Se o coro de revisionistas abrazacadáveres de xogo de café vai ao seu sepelio para lamentar a perda persoal, equivócase de enterro.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 13 de enero de 2012