Predicadores doutro tempo
Se vostede le con regularidade prensa máis ou menos seria, frecuenta artigos de opinión e algunha vez estivo tentado ou caeu na tentación de escribir unha carta ao director é probábel que se deba considerar como "intelectual". A difusión da prensa escrita e o aumento do nivel de estudos no século pasado fixo de moitos de nós persoas que laboran no pensamento con ese espírito inquedo propio dos intelectuais. Porén, recoñezámolo, non soamente estamos fóra de moda, senón que xa estamos out. A diminución constante e sostida da prensa escrita dun lado e a aparición de Internet son o noso certificado de defunción.
Clerc [crego] chaman os anglosaxóns aos intelectuais por razóns históricas, e acertan de vez. Probábelmente debamos considerar intelectuais aos gladiadores do pensamento que lidaron no cristianismo, os primeiros teólogos, Basilio, Arrio, Dionisio e, desde logo, Santo Agostiño ou Lutero, verdadeiras encarnacións do que había ser o espírito do posterior intelectual. Espinosa é seguramente quen inaugura, mellor que Descartes, o pensamento nu, a razón nun mundo profano. Cando Espinosa deixa nun lado o combate coa idea de Deus, os intelectuais posteriores comezan o cerco ao poder do Rei e do Estado -Voltaire, Diderot- ou fan unha defensa agónica históricamente como De Maistre ou Donoso Cortés. Os intelectuais combateron antes dentro da Igrexa e máis tarde nas barricadas, ao pé da guillotina ou no papel da prensa. A figura do Sartre maoísta subido nun bidón a vender Le cause du peuple xa é a imaxe desesperada dun intelectual ancián que perdeu o seu lugar, apartado por unha vaga de mozos universitarios que cuestionaban aos mandaríns. E tiñan razón, pois detectaban o autoritarismo inherente á figura mesma do intelectual, quen pretende dictar á sociedade segundo a súa opinión particular.
Hoxe Sartre é calquera. O papel do intelectual está ao alcance de todos e perdeu toda autoridade
O intelectual puido existir nas sociedades creadas pola burguesía desde o século XIX, nos Estado-nación; vivindo agora estes o seu devalar na Europa tamén desaparece o lugar para ese descendente laico de Savonarola. Os intelectuais eran axentes creadores de ideoloxía que utilizaban aos medios de comunicación existentes, agora simplemente os media xa non os precisan. Os medios de comunicación son un intelectual industrial que crean e emiten a súa ideoloxía. E Internet é algo que aínda está a nacer e non podemos aínda ver. Sen dúbida ten un aspecto democrático, fixo que quen era mero receptor de mensaxes poda agora ser tamén un emisor, todos podemos emitir. Hoxe Sartre é calquera. O papel do intelectual está ao alcance de todos e a figura do intelectual perdeu toda autoridade, o que diga non só é discutíbel é que vai ser discutido, negado, sometido a burla. Iso non hai autoridade que o resista. Internet cuestiona toda autoridade, mais iso non garante por si mesmo que o poder pase a toda a xente.
O intelectual é unha figura que arrastra os seus pasos confusa e xa non agarda nada, só teme pola súa xubilación. Porén, a Galiza debera lembrar sempre que existe grazas aos intelectuais e o pouco que conservamos e temos debémosllo a eles. Todos somos obra do gran Sarmiento, de Faraldo, de Murguía, de Vicetto, da máis profunda intelectual -pois tirou o seu pensamento da reflexión e da vivencia- Rosalía, dos irmáns Vilar Ponte, Risco, Otero, Castelao... E do galeguismo da posguerra -Piñeiro-, e do exilio -Seoane-, e a loita pola autonomía e cada resistencia, cada acto de vida colectivo, cada esperanza cívica..., debémoslla aos nosos intelectuais. Son pasado, mais son o noso pasado.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.