Ourense abre o calendario cinéfilo
A decimosexta edición do Ouff da paso a unhas semanas cheas de cine con citas coma Amal e Cineuropa
O comezo hoxc da decimosexta edición do festival de cine de Ourense (Ouff) marca o inicio da tempada máis intensa de certames dedicados á septima arte en Galicia. Os cinéfilos teñen nas próximas semanas un calendario completo de propostas cinematográficas, xa que o día 24 deste mes abre o festival euro-árabe Amal, que ten lugar en Santiago. E, na mesma cidade, comezará uns días despois a mostra Cineuropa, que ao longo do mes de novembro traerá a capital galega o adianto dunha restra de películas que se estrearán ao longo de 2012.
É un calendario intenso, pero quen queira ver o cine máis novidoso ten que aproveitar, porque a seguinte xeira de festivais non chegará ata a primavera. Para entón celébranse, tamén de xeito case consecutivo, o Play-doc de Tui, o festival de Cans no Porriño, Curtocircuíto en Santiago e o S8 da Coruña. A concentración de festivais nestas dúas épocas do ano segue a ser unha das características peculiares do calendario cultural galego. Polo menos este ano o Cineuropa non comezará ata o día 9 de novembro, o que dará un certo respiro ao sufrido cinéfilo.
"Queremos que o festival reflicta os problemas que vive o público"
Amal é o certame galego que máis medrou nos últimos anos
O coordinador do Ouff, Antonio Ginori, explica que este ano se exhibirán menos películas ca no 2010, polo esforzo levado a cabo para "racionalizar" un festival que en edicións anteriores programaba máis de 200 filmes nuns poucos días. Esta vez a cifra redúcese aos 180. Mantéñense as cinco seccións oficiais, nas que se presentarán 10 longametraxes, 13 documentais, 45 curtas de ficción, 29 películas animadas e 21 fitas englobadas no apartado de novos medios. No que atinxe as longametraxes, elixíronse producións de países tan diversos coma Arxentina, Alemania, Bulgaria, Estados Unidos, Irán, Francia, Argelia, Suíza, Serbia, Rumanía e Austria.
Ginori sinala que dende o festival se fixo un traballo moi coidadoso de selección de material, xa que chegaron preto de 2.000 películas procedentes de 97 países. A temática social é a predominante nas seccións oficiais, malia que tamén hai espazo para outros xéneros. Por exemplo, a comedia. "Queremos que o festival reflicta os problemas sociais que viven os espectadores e tamén pretendemos que as películas que programemos ao longo destes días xeren reflexión. Neste sentido imos celebrar debates tras as exhibicións", apunta Ginori.
O cine de produción galega non estará representado nesta ocasión na sección oficial, malia que si haberá presenza na sección competitiva de curtametraxes (tres curtas), na de documentais, na de animación e na de novos medios. Ademais, coma en anos anteriores, segue programándose a sección Panorama Galicia, dedicada a descubrir pezas audiovisuais que atopan moitas dificultades para distribuírse comercialmente. Aquí exhibiranse un total de 30 filmes entre os que se atopan os documentais A contracorrente, vida e morte de Luis Trigo, dirixido por Manu Viqueira, e Esta noite, velada, de Antonio Caeiro.
Outra das seccións atractivas será a denominada Sesións especiais, na que haberá catro produccións galegas, as longametraxes A casa da luz, de Carlos Amil, Eduardo Barreiros, o Henry Ford español, de Simón Casal de Miguel e o documental El perro azul. Vida y obra de Xaime Quessada. O ciclo completarase cunha noite dedicada aos 20 anos de traxectoria do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) durante a que se exhibirán curtametraxes realizadas por recoñecidos directores galegos no comezo das súaas carreiras artísticas.
Ginori asegura que o orzamento do festival se viu reducido este ano polos efectos da crise. Porén, hai seccións que permanecen no festival, coma a dedicada á comedia, ao cine que promove a igualdade entre sexos ao cine latinoamericano, cun apartado especial para as películas dirixidas por alumnos da escola de cinema de San Antonio de los Baños (Cuba), que en 2011 fixo 25 anos de existencia. Tamén haberá un ciclo dedicado ao cine realizado na Europa atlántica, na que se proxectarán os últimos filmes do vasco Montxo Arméndariz e do francés Philippe Loiret.
A variedade de propostas será tamén unha das características esenciais do festival Amal, que comezará en Santiago o 24 de outubro e prolongarase ata o 29 do mesmo mes. Películas realizadas en países árabes e tamén algunhas dirixidas por europeos, pero relacionadas coa cultura árabe, adiantan a problemática que conduciu ás revolucións desenvolvidas en distintos países nos primeiros meses de 2011. Amal Express, un concurso de curtas, que terán que realizarse durante os días nos que se celebra o festival, será outro dos atractivos dun certame que ao longo das dez edicións pasadas atopou un oco para situarse entre os máis importantes dedicados ao cinema árabe en toda Europa. É o festival galego que máis medrou nestes anos.
Santiago volve a apostar polos filmes independentes
Xa entrado o mes de novembro chegará a edición 25ª de Cineuropa, un certame que continua apostando polo formato da mostra para ofrecer aos seus espectadores a oportunidade de ver as producións máis destacadas de festivais tan importantes coma Cannes, Venecia, Berlín ou o Bafici de Buenos Aires. Un ano máis, o público compostelán terá a oportunidade de ver moitas películas que aínda non chegaron aos cines comerciais. Algunhas delas nunca chegarán. Ademáis, é practicamente a única ocasión que haberá para ver cine en versión orixinal na cidade.
O director de Cineuropa, José Luis Losa, sinala que o certame continuará fiel á súa filosofía de actuar coma un "festival de festivais". Entre as películas seleccionadas estarán as dos realizadores que triunfaron nos certames máis importantes de Europa. Un cabalo turinés, a película do director húngaro Béla Tarr premiada en Berlín, e o Fausto do ruso Alexander Sokurov, gañador da Mostra de Venecia, serán dous dos filmes que poderán verse en Santiago ao longo do mes que vén.
"Coma é habitual teremos moito cine independente e fuxiremos do mainstream, pero sen pretensións elitistas", apunta Losa, quen salienta que, como aconteceu noutras edicións, na carteleira de Cineuropa terán unha importante presenza as producións de países que atopan moi pouca repercusión nas pantallas comerciais, como son os casos das fitas procedentes de Asia, Africa e Latinoamérica. A celebración dos 25 anos do festival será aproveitada para facer algún xesto especial cara aos espectadores, aínda que o director prefire non adiantar as sorpresas que están aínda preparando. O público que adoita encher as salas de proxección cada unha das noites do festival volverá ser o gran protagonista, xa que o seu voto será o que sirva para elixir o filme gañador.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.