EPISODIOS GALEGOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Belocidade, bontade e obos

O que está a ocorrer coa deseducación da Educación en Galicia, e tamén coa desgaleguización do galego, faime lembrar moito a táctica defendida por un adestrador de fútbol na histórica equipa chamada La Cultural y Deportiva Leonesa. Malia o nome do club, con esa vocación de sport-ilustrada, o devandito adestrador, preguntado pola súa concepción do fútbol, anunciou unha innovadora táctica que denominou "B+B+B", coñecida tamén como Os tres bes.

-É en que consiste esa nova táctica?-, inquiriu un dos sorprendidos xornalistas.

-Moi sinxelo-, dixo o míster, -é a suma de tres factores fundamentais. Iso que eu chamo os tres bes.

-Pero, que factores?-, insistiu, impaciente, o reporteiro.

-Pois mire vostede, os tres bes son: belocidade, bontade e obos.

Galicia ocupa o cuarto lugar na edición de material pedagóxico no conxunto de España
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Penso que en Galicia, verbo de adestradores políticos, estamos tamén nun deses gloriosos intres nos que se combinan de xeito maxistral os tres bes ao xeito da Cultural Leonesa. Haberá quen bote de menos velocidade, vontade e ovos. Pero o que hai, mesmo de máis, é belocidade, bontade e obos.

Que é a belocidade? A diferenza que eu vexo entre a belocidade e a velocidade é a de que a belocidade significa precipitación. Unha velocidade carente de sentido. Unha velocidade non meditada. A belocidade é unha velocidade do absurdo. Sen meta.

De aí vén que os recortes e demais rabuñaduras no eido educativo leven o selo característico da belocidade, é dicir, unha precipitación agresiva que mesmo leva a provocar na sociedade unha das máis perigosas doenzas: a educofobia. A fobia aos ensinantes. De seren os profesionais máis valorados, xunto cos médicos e os bombeiros, o que se pretende, polo visto, é que os mestres teñan unha imaxe negativa. Unha imaxe tan negativa como a dos políticos, aínda que este obxectivo semelle imposíbel de acadar.

Na educación, como noutros eidos, o que cómpre é a velocidade, mais non a belocidade. Vexamos outro exemplo brutal. A belocidade con que se decidiu suspender as axuda á edición de todo tipo de material educativo en lingua galega. Velaí vemos como a belocidade é o revés da velocidade. É unha invelocidade ou unha imbelocidade, como se queira. Unha regresión. Non só se causa dano á industria editorial. É todo un ecosistema o que se pon en perigo. Por unha cantidade mais ben escasa, pois pasou de dous millóns de euros a menos de medio millón na última convocatoria (o equivalente ao salario dos catro presidentes de deputacións ou dos catro delegados provinciais da Xunta ou de cen lámpadas na Cidade da Cultura) póñense en perigo centos de postos de traballo e toda unha capacidade e sabedoría acumuladas durante anos. A industria editorial en Galicia non ten unha estrutura xigantesca, mais o recurso do idioma de seu permite que Galicia ocupe o cuarto lugar na edición de libros e material pedagóxico no conxunto de España. A política dos dous últimos anos en Educación e en materia lingüística, esta belocidade, vai levar se non se remedia á exterminación editorial en Galicia. Xa sei que pasar do cuarto lugar ao penúltimo pode ter o seu mérito, mais tampouco hai que poñer tanta belocidade no empeño. Non será así porque no eido editorial hai xente adestrada na resistencia, e que capeou moitos temporais, pero é unha mágoa que a Administración neste caso estea do lado da borrasca.

Cómpre tamén a análise da diferenza entre vontade e bontade. Pódese ter ao tempo moita bontade e pouca vontade, ou viceversa. Por exemplo, un coñece xente nacida fóra de Galicia, que vén vivir aquí, e que ao pouco tempo é quen de falar galego, de ter esa sensibilidade e ese agasallo de sabedoría que un idioma máis no caletre. Iso é un froito da vontade. O exemplo contrario, non sei se patético ou cómico, é da xente que naceu e vive aquí de sempre é que non é quen de manter unha conversa en galego. Iso é un acto de bontade. Eu non reclamo nada, nin nun caso nin noutro, senón que conto o que hai. A vontade é creativa, a bontade, improdutiva.

A do adestrador de Las tres bes é unha historia que lle oín contar con moito ironía ao escritor leonés Julio Llamazares. No eido da lúcida ironía hai un mestre galego e un libro máis ben descoñecido que cómpre rescatar e reivindicar. Trátase de Gonzalo Navaza e o seu Elucidario (Colección Ferros, Xerais, 1999). Contén extraordinarios aforrismos, que é o termo axeitado para denominar á fórmula que mestura o aforismo e o lapso. Por exemplo, Apoucalíptico: "Dise do individuo que cre na inminencia da fin do mundo, pero non demasiado". Ou Arzebizco: "Dignidade eclesiástica estrábica, que cun ollo mira par Deus e co outro para o César". Ou Gafetería: "Establecemento onde se serven preparados que dan mala sorte aos consumidores". Ou Beneficcio: "Falsa ganancia". Ou Bogavundo: "Navegante solitario que anda perdido polos mares". Ou "Boinante": "Individuo que vai polas feiras vendendo boinas". Ou Botafungueiro: "Trebello peregrino, que se utiliza como perfumador e nalgúns casos (belli) como arma, polo que tamén recibe o nome de aroma-atizador". Ou Ebanistesista: "Carpinteiro que realiza labores delicados coa madeira". Ou Ignodoro: "Dise do váter que non ten conciencia do seu propio cheiro". Obstiaculizar: "Poñer obstiáculos". Orneación do territorio: "Acción de dispoñer burros en lugares estratéxicos para ben da comunidade". Pilingüe: "Dise do individuo que fala 3,1416 linguas". E así.

A propósito da terceira propiedade da técnica denominada as tres bes, no Elucidario achamos o termo Ovación, co significado: "Acción ou efecto de aclamar publicamente aplaudindo cos ovos". A definición está inspirada nunha noticia publicada nun xornal galego onde se dicía: "O candidato foi recibido cunha cerrada ovación, un dos cales impactou na súa chaqueta". Navaza utiliza o incorrecto "ovos", cando máis ben parece que se trataba de obos.

O caso é que, diga o que diga o adestrador, non nos vai ir ben coa táctica de belocidade, bontade e obos. Mais tampouco hai que Lagrimexar ("Chorar polos pantalóns") nin poñerse como un Hexabruto ("Dise do individuo que é bruto por seis lados"). Tal como están as cousas, o mellor é tomar un Lacán con grelos. É dicir, "un prato enxebre psicanalítico". E ficar co sorriso de Daniel, o profeta apoucolíptico do Pórtico da Gloria.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS