Un vigués porteño
Beda Docampo estudou na Arxentina e triunfa como guionista de filmes
Beda Docampo Feijoó realizou a súa carreira como cineasta en Arxentina. Alí estudou na Escola de Cinema en Buenos Aires e comezou a fraguar a súa posterior andaina como director e guionista. As referencias falan del como dun artista daquel país, mais eses apelidos delatan as súas orixes. Beda naceu en Vigo o 26 de abril de 1948, pero pouco pode lembrar da cidade. "Cando aínda tomaba o peito da miña nai. Toda a miña familia é galega. O meu pai, nunha decisión vital importante para a súa familia, decidiu que o seu fillo non vivira alí durante o franquismo e emigrou a Bos Aires, onde non tiñamos familiares directos. As miñas lembranzas galaicas da infancia teñen que ver con fotografías, chamadas telefónicas de familiares e tamén coas cartas que chegaban", sinala o realizador.
"Eramos como a embaixada galega: os domingos comiamos polbo"
'Camila', escrita por Docampo, optou ao Oscar do mellor filme estranxeiro
Docampo lembra que estar no seu fogar era, en certa medida, "como estar en Vigo". "Eramos como unha embaixada galega. Mentres todos os meus amigos comían os domingos pasta ou asado coa súa familia, nós gozabamos co polbo á galega, un vicio que me quedou para toda a vida", di. Beda non tivo tempo de que Galicia formase parte da súa vivencia persoal. Preguntado por como cre que o noso país pode afectar á súa creación profesional, indica que o feito de nacer "non foi decisivo" e engade: "Pero si que o sexan os meus pais e que conservasen ligazóns culturais coa súa terra, algo que se transmite no día a día e fica como unha marca ineludible. É algo que está presente na miña vida. Os meus proxenitores estaban orgullosos de ser galegos e sentían saudades da terra". Algo debe moverse na cabeza do autor cando unha novela súa, finalista do Premio Herralde, trata en boa medida da relación de Buenos Aires con Galicia. Como escritor publicou no ano 1992 en España o libro Vender la pluma.
O seu debut como guionista cinematográfico foi tremendamente afortunado, xa que escribiu Camila para a directora María Luisa Bemberg, filme nominado ao Oscar a mellor filme de fala non inglesa e que acadou unha gran repercusión. "Saín da escola de cine e tiven ese golpe de sorte de facer o guión dun filme tremendamente exitoso en Arxentina. É probable que sen esa película tardara máis tempo en chegar onde quería. Na miña andaina esa cinta quedou marcada como un fito especial, xa que todo o que rodea ao Oscar fai moito ruído".
Ao longo da súa carreira recibiu máis premios como guionista que como director, dúas facetas profesionais que alterna con naturalidade, xa que adoita realizar guións para outros cineastas. "Da escola de cinema saín realmente como director, pero pensei que para facerse un lugar na industria do cine era atractivo comezar cos guións. Paréceme unha forma de relato moi atractiva. Ademais non existen moitos guionistas profesionais. O salto foi natural, ofrécencho os propios produtores. Son actividades complementarias", explica. Co guión de El último tren, que asinou con Diego Arsuaga, director do filme, recibiu o premio do festival de Montreal e o de El marido perfecto (1993) proporcionoulle o da Asocación de Críticos arxentinos. Este último filme, rodado en inglés e que conta no reparto como intérpretes principais con Tim Roth, Peter Firth, Ana Belén e Aitana Sánchez Gijón, ten unha gran trascendencia na súa traxectoria profesional e considera que esa obra lle proporcionou moitas satisfaccións "por medio dun recoñecemento importante e un bo número de eloxios".
Leva uns anos vivindo en Madrid e as suas últimas películas vistas na gran pantalla son Quiéreme e Amores Locos, que fai a cinta número 12 da súa filmografía. O intenso ritmo de traballo que leva, dando tamén clases para guionistas e actores, aínda non lle permitiu volver ao seu Vigo natal. Da súa experiencia como docente salienta que o seu empeño é que sexan aulas intensas nas que os participantes tiren experiencias positivas para o seu futuro desenvolvemento na profesión, e subliña que esas horas lectivas tamén lle sirven para aprender cousas.
Nestes momentos pode verse pola rede a serie El fútbol nos vuelve locos, destinada especificamente a Internet, na que realiza os labores de director e guionista: "Fixemos a serie mantendo os estándares cinematográficos de calidade e mirando moito polo produto". Malia ter ese título a serie, cuns protagonistas afervoados seareiros do Atlético de Madrid, pode ser seguida con interese aínda que ao espectador non lle guste o balompé. "A paixón por este deporte é unha metáfora, xa que a trama xira realmente sobre o que lle acontece a dous amigos, que resultan ser grandes adeptos do fútbol, e vemos como ese aspecto inflúe nas súas vidas, posto que nalgúns momentos ese apaioxamento deportivo provoca pequenos conflitos familiares. Teñamos en conta que falamos dunha paixón absorbente, dada a cantidade de partidos que hai ao longo dun ano".
Respecto ao futuro do audiovisual e ao reto de ver como se adapta aos novos formatos de visionado dos espectadores, Docampo comenta que montar unha serie para Internet "é unha proposta interesante e obriga a rodar escenas máis curtas. Creo que dentro de pouco veremos por Internet producións feitas para ese medio con maior duración, posto que a xente rematará por se acostumar a iso. Agora mesmo é un campo aberto para realizar ficción que non sabemos onde vai rematar".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.