Reportaje:

Contra os 'escritores de verdade'

Catro autores novos falan de literatura, compromiso e mercadoría - "Non me dá igual o sistema literario, si as súas elites", di Andrea Nunes

A literatura, que non é un valor de seu nin garante nada, a sociedade -que non sabe que facer con ela- e a escritura sen expectativas. O vicio de estabular xente segundo marcas cronolóxicas -a algúns deles xa os chamaron outra vez novísimos-, o espazo da cultura cando só intervén como mercadoría e a cuestión do idioma, que o atravesa todo. Destes asuntos e algúns máis falan catro autores nacidos entre 1984 e 1987. Mañá participan no sexto congreso de autores mozos que organiza na Coruña a Asociación Galega de Escritores, Da tinta á pegada dixital. Ningún deles ten traballo estable.

Como preguntar por que se escribe é de mal gusto, a conversa empeza polo lugar onde radica aínda a importancia da literatura. "O importante é que valla para algo", resume a poeta Andrea Nunes Brións . "Como xeito de se expresar e, amais, como forma de acción directa", di a autora do recente Todas as mulleres que fun (Corsárias) e Corrente do esquecemento, editado en 2007 por Aturuxo, o colectivo galego que defende os dereitos das sexualidades non heterónomas. Gonzalo Hermo contrapón a lentitude do discurso poético ao "bombardeo semiótico" na vida. "Lía o outro día sobre a linguaxe do fascismo, obscenamente directa, como a da publicidade. A poesía sería a linguaxe do contrario".

Hermo: "É como se o discurso de Ana Romaní ou Chus Pato callase nos homes"
Berta Dávila: "Non penso en min como escritora profesional. Iso non existe"

Dicir compromiso literario -escribir para unha época, en sentido amplo- en Galicia activa outros repertorios. "No noso país ségueselle prestando moita atención á dimensión política das eleccións literarias", responde desde fóra Pablo García, o único sen formación filolóxica (é xornalista), gañador do Premio Biblos en 2009 con Relato dun estalido xordo, supervisado por Manuel Rivas: "Iso explícase porque non están resoltas as cuestións identitarias básicas". Berta Dávila, con dous poemarios (Corpo baleiro e Dentro), gañadora do Biblos un ano antes con Bailarei sobre a túa tumba, titelada por Agustín Fernández Paz, e interesada tamén nas formas fragmentarias (A arte do fracaso), dalle unha volta a Adorno cambiando os termos da barbarie: "Como non imos escribir dende o tempo no que vivimos e dende a situación que temos coa lingua? Posiciónaste en cada acto de escrita".

"O da literatura sempre será un discurso de resistencia mentres non se normalice o país", di Gonzalo Hermo (Crac, Barbantesa), no recordo de onde vimos. "É que ten que ser un discurso de resistencia", segue Nunes, que o estende cara a outras loitas transversais, máis postergadas na política ou no ensaísmo que na sociedade. "Eu podo equiparalo á situación que hai con respecto ás mulleres que escriben. Hai moi poucas que asuman un discurso de xénero, que se recoñezan como mulleres á parte de escritoras. Hai outro sector de mulleres, bioloxicamente, que aspiran a ser escritores". Poucas probas semánticas máis claras que falar de literatura de muller. "É aberrante", critica Nunes. "Escoitades por aí chamarlle a algo literatura masculina?", pregunta Dávila.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Interesado tamén nos pregos das identidades sexuais "e todo iso que Harold Bloom chamou despectivamente 'literatura lésbico-esquimó", Hermo insinúa un certo "medo a empregar certas etiquetas". "Por que non lle din literatura feminista?". A nova virilidade, categoría en uso no mundo anglosaxón desde os noventa, ten percorrido en Galicia. "Será un tema estrela", xulga Hermo. "É como se o discurso de Chus Pato ou Ana Romaní callase nos homes. Velo en Samuel Solleiro ou Mario Regueira, cando fai unha poesía de tipo erótico que non tende á dominación".

Arrombadas as datas de produción para facer marca xeracional, algúns deles teñen citado como compañeiras de viaxe a coetáneas como Alicia Fernández, Oriana Méndez ou Xiana Arias. Non ven liñas de continuidade cos noventa. Nin cos oitenta. Pablo García resúmeo moito: "A min gústame Eva Moreda". "A todas nos gusta Chus Pato", di Nunes, "e todas vivimos o Prestige, o non á guerra, o da LOU e a derrota do bipartito". "Todo marca, pero eu roubo ás miñas coetáneas como a xente de 60 anos", engade. Hermo complexiza o tema: "Cando Berta decide citar a determinadas escritoras dos noventa [Enma Pedreira] non as está canonizando, pero si as pasa de tempo. O interesante disto é a que autores imos silenciar e cales imos acoller". Dávila, lectora de Valente, Cunqueiro ou Sylvia Plath en pé de igualdade, volve sobre o ensino e a desprotección do idioma: "Todas nós estudamos galego na escola, lemos alí a Fernández Paz. A xente de antes non puido, e pode que as xeracións vindeiras non vaian ter a mesma sorte".

Ningún ten medo de acabar institucionalizado. Outra cousa é inserirse na hexemónica praza do escritor e profesor. Nos noventa xa era lei a enésima morte da literatura, pola forza corrosiva da mercancía, na medida en que aspira a ser recoñecida. Aquí axuda a febleza do mercado cultural galego, pero a cuestión, cinguida ao extracto que segue, non é esa:

Nunes: A min non é que me dea igual o sistema literario, dame igual o tema das elites.

Dávila: É como dicir "escritores de verdade". Eu non teño vontade de traxectoria, non penso en min como escritora profesional. Iso non existe.

Hermo: E se vos din "farías unha novela para tal data, pagámosche tanto ao mes"?

Nunes: Eu, no momento no que estou, acepto fixo [ri].

O congreso ao que asisten mañá dá para falar da construción de novos discursos literarios, partillando artes visuais e sonoras, coas ferramentas da Rede. Habendo trasvases entre o papel e o dixital, e ao revés -Olalla Cociña, Xabier Cid ou Eduardo Estévez-, Dávila bota en falta novas gramáticas con linques e imaxe: "Iso si que non o vexo tanto". Pablo García relativiza o discurso dalgúns petrucios do papel -Cormac McCarthy afirmou que o cerebro dos lectores xa non daría filtrado Moby Dick por falta de concentración- con humor. E con Crime e castigo: "Raskolnikov seguirá alimentándose coas nosas horas de lecer mentres as persoas sexan persoas. O problema xorde se nós xa non estamos afeitos a ser receptores activos de textos complexos". A culpa, se a houbera, é plural: "Do Land Róber, A Solaina e José Ramón de la Morena, entroutros".

Para saír do cárcere

"Galiza está no cárcere", dixo unha vez -no fanado Galicia Hoxe- a poeta Lupe Gómez. O recurso da autora de Levantar as tetas válelles a todos, se ben a situación é "reversíbel". "Ten que selo", di Berta Dávila, "eses discursos pesimistas que no fondo son realistas, a min deprímenme". "Lupe tamén escribe Galiza, tes a forza de romperme os ollos", engade Nunes. "E tamén Galiza non son imaxes, son restos", apón Gonzalo Hermo, "é algo reversíbel, é o que ten que figurar na entrevista, outra cousa é que a realidade te mine. Ao mellor o discurso ten que ser de recuperación, máis ca de construción".

"Deconstrución máis que construción", encerella Nunes a cuestión da normalización antes cá discusión, menú de consenso na cultura galega desde os oitenta, agora á intemperie. "Trataríase de ver que hai de sucio aquí, e despois, a partir daí...", consigna Hermo. Sen ter rematado Hermo, Dávila fala duns tempos "escuros": "Cada vez máis, non contabamos con isto que está a suceder, mais hai que pelexar, desde a literatura, a escola e a vida. Seguir". Fala da "saída do armario de todos estes galegófobos que supetamente están no poder. Agora é politicamente correcto dicir cousas que nunca chegaron a verbalizarse desde as institucións".

"Eu penso que aí o problema é de autorrepresión, porque a galegofobia xa existía nos medios máis españolistas. Que é máis problemático arestora, expresalo ou que iso exista de feito no noso país?", pregúntase o autor de Crac. Sendo "pasos atrás en todos os sentidos", como di Andrea Nunes, o chamado, moi actual, é contra a quietude da sociedade civil, sexa o que for: "Loitar contra a pasividade cos medios de cada un. Activármonos".

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS