"Feijóo ve Galicia como unha preautonomía"
Manuel Barreiro saca un libro "fillo da derrota do bipartito"
O proverbio zulú recolleuno Manuel Martínez Barreiro (Caracas, 1961) nos Cadernos do cárcere de Antonio Gramsci. "É preferíbel avanzar e morrer que retroceder e morrer", di o axioma da tribo africana co que Barreiro pechou, o xoves na biblioteca Ánxel Casal de Santiago, a presentación do seu último libro, A novísima dereita e nós (2.0 Editora). De subtítulo emprestado por un artigo de Xosé Manuel Pereiro, O bienio gris toupa, a obra do ex xefe de gabinete de Anxo Quintana e colaborador de EL PAÍS reestrutura e amplía os seus textos publicados en prensa arredor dos dous anos de Goberno de Alberto Núñez Feijóo e o PP. "O resumo do libro é 'isto vai mal pero pode ir aínda peor", sinalou con ironía o historiador Lourenzo Fernández Prieto, quen, co ensaísta Antón Baamonde, acompañou ao autor.
"Isto vai mal pero pode ir peor", resume Fernández Prieto a obra
O autor prescribe un gran acordo entre nacionalistas, PSdeG e cidadáns
"É un libro que prefería non ter escrito", comezou Manuel Barreiro, "porque é fillo dunha derrota, da derrota do cambio político que se inciou en 2005". Autodefinido como "náufrago do 1 de marzo de 2009", o analista político exerceu na vicepresidencia nacionalista da Xunta na segunda metade do mandato de Emilio Pérez Touriño. E esa posición conferiulle certa óptica privilexiada sobre o poder e o seu desenvolvemento práctico. "Eu pensaba que ás eleccións se presentaba os partidos, pero aprendín que o que venceu ao bipartito foi unha gran coalición", explicou o xoves. Na grande alianza da dereita, segundo o seu diagnóstico, non operou unicamente o PP, senón tamén "axentes empresariais, grupos sociais determinados ou a sacrosanta Voz de Galicia".
Dese xogo de forzas, finalmente adverso para o pacto entre PSdeG e BNG, emerxeu o actual equipo político que senta en San Caetano. "Núñez Feijóo ten un horizonte de Galicia como preautonomía", expuxo, "e da Xunta como un infragoberno dependente dunha autoridade central, neste caso Madrid". Para realizar a teoría, o instrumento é un partido, o Popular, que é o mesmo pero non é igual que o de Manuel Fraga. "Fraga tivo unha etapa de conservadurismo dinámico e certo proxecto de país", opinou, "pero esta nova dereita presenta unha concepción retrógrada, non só de demolición do bipartito, senón de volver a antes de Fraga".
Ao carecer dunha figura coa traxectoria histórica nas dereitas do exministro franquista e fundador de Alianza Popular, o implicitamente refundado PP galego "reúne todas a correntes conservadoras, incluída a preconstitucional": o refugallo da UCD, o que fora Coalición Galega rematerializado na trama Baltar-Deputación de Ourense, o Opus Dei conectado con Romay Beccaría -"mentor político de Feijóo"- e o extremismo neocon "de FAES e de Sarah Pallin". Para Manuel Barreiro, hai un Tea Party autóctono dentro dos populares: "O que entrará nuns días no palacio de María Pita". O futuro alcalde da Coruña, Carlos Negreira, chegou a cualificar ao militar fascista Millán Astray de "coruñés de pro, de toda la vida".
Con eses vimbios, o cesto que tece o Goberno de Alberto Núñez Feijóo divídese, ao seu ver, en dous períodos. No primeiro, o Executivo dedicouse a deconstruír o traballo anterior de socialistas e nacionalistas: fóra libros de texto gratuítos, abrogamento do decreto do galego no ensino, anulación do concurso eólico, entrada de capital privado nas infraestruturas sanitarias, anulación de axudas a colectivos sen recursos... No segundo, "nada, un baleiro de goberno". "Ou enfrontamos a inacción política do noso Goberno ou isto pode ir a peor", advertiu perante un público en que figuraba o deputado do PSdeG, Guillermo Meijón ex altos cargos do bipartito, militantes coa mesma tradición política que Barreiro -a de Esquerda Galega-, xornalistas ou profesores.
Na paisaxe gris que pinta, para os progresistas, A novísima dereitá e nós hai, con todo, fendas. "Que haxa hexemonía do PP depende máis das debilidades da oposición que do propio PP", asegurou. As eleccións municipais, ao seu ver, amosaron "que a época de gloria de Feijóo se esgota ou pode esgotarse" e no Hórreo funciona "unha boa oposición, aínda que de réplica". PSdeG e BNG ceden a creación da axenda ao Goberno da dereita e "non se comportan como o que son, partidos de goberno". A estratexia que prescribe Barreiro resulta nidia, aínda que, vistos os últimos acontecementos, afastada: un gran acordo entre o nacionalismo, o PSdeG e os cidadáns.
"O 15 de maio defende a igualdade"
A historia corre a moita velocidade. E A novísima dereita e nós finaliza antes da campaña electoral para o 22 de maio. Tamén antes da ocupación das prazas nas cidades galegas e españolas por homes e mulleres que esixen poder popular, nacionalización das perdas e que a economía financeira desbridada pague as consecuencias da crise. "Como nos interpela o 15 de maio?", preguntouse Manuel Barreiro mentres presentaba o seu libro, "pois, entre outros asuntos, chama a atención sobre o proceso de desdemocratización da sociedade". "Reclaman, ademais, una defensa efectiva da igualdade de oportunidades e iso hai que tratalo", engadiu.
Pero A novísima dereita e nós centra a súa ollada, antes de máis, na política enxergada como praxe institucional. Ou co corazón na praxe institucional. A denominada sociedade civil, que Barreiro invocou no coloquio posterior á presentación organizada pola editora 2.0, acompañaría un proceso amplo en que a esquerda parlamentaria oficia de avanzada. "Como bipartito, probabelmente non comprendemos a xente e a enerxía que mobilizou Hai que botalos [plataforma que editou un filme colectivo do mesmo título contra os Gobernos de Fraga]", admitiu, "e a sociedade civil desaparece". O exemplo da Sala Nasa, cuxos fundadores e responsábeis anunciaron que botarán o pecho logo da vitoria dun Conde Roa que os acusara de filoterroristas, non tardou en aparecer: "Cansaron. Que faría unha sociedade madura? Soster a Sala Nasa".
Con elementos recollidos das teses gramscianas sobre bloques históricos e conquistas da hexemonía, o autor referiuse á necesidade de alianzas amplas. "Eu pensaba que entre o BNG e o PSdeG debía haber unha relación de competencia e cooperación, pero a experiencia aprendeume que estaba trabucado e fracasamos", dixo, en referencia ao seu paso pola Xunta de Touriño e Quintana. Agora, na súa opinión, cómpren ferramentas novas para un tempo novo: os progresistas teñen que ofrecer coalicións para o goberno e non coalicións postelectorais, "menos convincentes". Iso si, sempre cun principio presente, que o nivel de esixencia democrática do electorado da esquerda é diferente, por maior, que o das forzas conservadoras. Que o voto non é de balde.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.