_
_
_
_
Reportaje:Luces

A feira retorna malia a crise lusa

43 galerías de España e Portugal participan na nova edición de Espacio Atlántico

Corenta e tres galerías de España e Portugal exhiben parte do seu catálogo de obras na Feira de Arte Contemporánea de Vigo, Espacio Atlántico, que onte abriu as súas portas no Instituto Feiral da cidade (Ifevi). Nunca edición marcada pola crise, os organizadores e as galerías volven apostar polo evento vigués que, tras cambiar de nome o ano pasado, estrea calendario e pasa a celebrarse en primavera.

Con todo, a coincidencia con Zona Maco en Ciudad de México e a complicada situación económica dos veciños portugueses son as razóns que, a teor dos responsábeis da feira, produciron unha mingua notábel na representación lusa, de tan só tres galeristas, o que rebaixa o número de asistencias en comparación co ano pasado, cando concorreron 52 expositores. "Están a práctica totalidade das galegas e hai unha máis entre as españolas, unhas repiten e outras veñen por primeira vez, porque a nosa ilusión é contaxiosa. E a presenza portuguesa, aínda que reducida é moi potente. Coidamos que este é o formato axeitado para Galicia", indica a directora artística de Espacio Atlántico, Pilar Ribal, quen apela ao coleccionismo particular para impulsar a recuperación económica do sector. Desde onte mesmo, desenvólvese un intenso programa de actividades para atraer a atención de profesionais e compradores que abrangue visitas a centros de arte públicos e privados, coleccións particulares, asistencia a mesas redondas e visitas guiadas á propia feira.

"A xente nin traspasa a porta", di Marimón, "pero os artistas seguen traballando"

O lisboeta Carlos Carvalho resta importancia ás compras en feira. Para el, antes que a facer negocio, acudir á feira é importante "por estarmos en Galicia". Este galerista e poeta afamado escolmou un feixe de artistas novos portugueses, dos que ningún chega aos 40 anos, como José Lourenço (Lisboa, 1975), galardoado en diversos certames ibéricos, o cotizado Manuel Caeiro (Évora, 1975), e Ana Cardoso (Lisboa, 1978) e actualmente bolseira na Fundación Gulbenkian de Nova York, entre outros. Desde Braga veñen Mário e Paula Sequeiros, con algunhas das pezas máis exclusivas da feira. Nas paredes do seu expositor figuran a fotógrafa alemá Candida Höfer e o británico Julian Opie, canda a obra premiada do lalinense Álvaro Negro na Bienal de Fotografía promovida pola deseñadora Purificación García. "Portugal é un país moi afectado, pero os coleccionistas importantes seguen mercando, así como os nosos clientes españois, que é onde está o noso mercado principal", explica a galerista, quen recoñece que presentan unha selección cuxos prezos son "para o momento".

"Vendo o que aquí hai, ninguén diría que estamos en crise", observa a presidenta da Asociación Profesional de Galerías de Arte de Galicia, a ourensá Marisa Marimón. "É verdade que a xente está que nin traspasa a porta, pero os artistas seguen traballando marabillosamente e cómpre manter a ilusión. Á feira hai que traer o mellor, e para o resto está o almacén", afirma, entre un mural de Salvador Cidrás, unha instalación de Mauro Trastoy, as fotografías de Rosell Meseguer e un audiovisual de Antón Cabaleiro.

Os tamén galegos Manuel Vilariño, Diego Santomé e Ángel Núñez concitan o interese da galería viguesa Bacelos, mentres que Arte Bronce, da Guarda, exhibe o skyline vigués segundo o pintor gaditano Cecilio Chaves. A galería SCQ aposta por Jorge Barbi, Darío Basso, Antón Lamazares, Francisco Leiro e Pedro Calapez, todos nomes de traxectoria recoñecida dentro e fóra da península. Manuel Quintana Martelo e o escultor cambadés Manolo Paz, a quen a feira rende homenaxe este ano, son os "valores seguros para os tempos que corren" da compostelá Factoría, cuxa outra liña de traballo, dedicada a artistas emerxentes, amosa os lenzos sorprendentes do bilbaíno Kepa Garraza vencellados á serie B.I.D.A. (Brigadas Internacionales para la Destrucción del Arte). "Escoitas por aí que a pintura está morta e de súpeto, atopas cousas coma esta", comenta Concha Fontenla, da Factoría compostelá.

Espacio Atlántico 2011 segue a liña trazada desde hai cinco edicións, cando a feira naceu co nome de Puro Arte e un perfil non especializado e aberto. Esta circunstancia permite novos rumbos, como ser plataforma para outros eventos, caso do festival de videocreación Loop, de Barcelona, que presenta en Vigo unha selección dos seus oito anos de vida, e como a inclusión da mostra Expanding Drawing, comisariada por Ribal e dedicada ao debuxo en tanto que base do proceso creativo e como linguaxe artística plenamente autónoma, a través de 26 artistas, como Susy Gómez, Javier Arce, Pamen Pereira, Jorge Perianes, Olmo Blanco e Antía Moure. Nomes que se unen á extensa listaxe de artistas presentes na feira. "É unha ocasión única de telos a todos na casa", comenta Ribal.

Obra de Samuel Salcedo exposta na Feira Atlántica de Arte.
Obra de Samuel Salcedo exposta na Feira Atlántica de Arte.LALO R. VILLAR

Homenaxe ao escultor Manolo Paz

Nos xardíns do Clube Naútico de Vigo, unhas ás de granito de 15 toneladas de peso semellan a piques de remontar o voo. "É un privilexio estar a carón dos barcos, lémbrame á miña época de mariñeiro, cando descargaba sardiña no porto", evoca o escultor Manolo Paz (Cambados, 1957), diante das pezas Bolboreta (2007), construída con pedra de Caldas de Reis, e Monte da Curota (2009), instalación de dous bloques de granito negro de Moraña. As dúas obras, engarzadas sen artificios e aproveitando o xogo de pesos e de equilibrios, locen nos recentemente estreados paseos públicos do Porto de Vigo, institución que, como novo patrocinador de Espacio Atlántico, achega ao centro da cidade parte da homenaxe ao artista do Salnés organizada pola feira.

No Recinto Feiral de Cotogrande están dispostas as outras tres estruturas, deste ano e igualmente de grandes dimensións, que conforman a exposición conmemorativa: Capilla, Menhir e Árbol Caído. O cicel deste artista, criado nunha casa de campo en que a natureza era o substento, empezou sendo unha navalla sobre madeira. O seu talento formouse entre Santiago, a Escola de Canteiros de Poio e Nova York, e nunca perdeu a querencia pola pedra do país e a arquitectura popular galega. "Cómpre só ver as casas, feitas dos materiais que hai en cada sitio. Collo eses materiais e doulles forma".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_