O segundo enterro de Castelao
"Castelao era o símbolo humano das arelas morais do seu pobo... A alma galega descóbrese a si mesma coa súa nidia pureza esencial na personalidade humana de Castelao". Quen escribe isto? Quen sinala así un nome que escintile de tal xeito no ceo libre da historia?
Quen fai a escolla non era ningún fanático de Castelao. Non era un incondicional. Pola contra mantivo con el unha relación en especial dramática, dolorosa, pois esgazou en parte o mundo do exilio e o da resistencia interior. Ramón Piñeiro, moito máis novo en idade, non partillaba todas as decisións de Castelao, en particular a estratexia para derrubar a ditadura. Mais iso non o cegou. Tiña un problema oftalmolóxico serio, os seus lentes semellaban reproducións de petroglifos de circos concéntricos, mais tiña unha boa vista para o acontecer histórico e para avaliar a calidade humana.
Tiña un soño de redención para o seu pobo. Vostedes cobran por achicar ese soño
Por iso, o fundador de Galaxia, o home que encarnou o galeguismo práctico, o que era quen de amansar coa lóxica espiral da voz a tipos rudos como Rosón ou Fraga, cando tivo que escoller o gran referente moral do seu pobo escribiu unha biografía así titulada: Castelao.
Velaí temos a un xuíz esixente, tamén consigo mesmo, tal era Piñeiro, a escoller a Castelao non para metelo nesa manga ancha dos "bos e xenerosos", senón para presentalo como "o símbolo humano das arelas morais" de Galicia.
Hai un bo poema de Virgilio Giotti que se titula Siroco e que di así: Un pocheto te 'speti / se anca xe la tua ora, /ti, inverno. La foiuzza / rossa la xe là ancora. É dicir: Aínda que sexa a túa hora, espera un pouco, inverno. As follas vermellas aínda non caeron.
Si, espera un pouco, non te vaias, ti que no Parlamento galego votaches en contra de que este 2011 fose declarado Ano Castelao, como correspondía polo 125 aniversario do seu nacemento e pola obriga de desenvolver a resolución, aprobada hai un ano, de declarar Ben de Interese Cultural a súa obra.
Se se declarase o 2011, como cumpría, Ano Castelao, sería un ano normal. Un país que honra o que noutros chaman "pai fundador", como nos Estados Unidos de Thomas Jefferson ou Benjamin Franklin. Es ti, ao negalo, o que estragas o tempo. O que volve a enterrar o noso mellor símbolo de valor humanista.
Si, espera un pouco, home, non te vaias. Ao cabo, o que ti esteas aí, o que exista unha autonomía, cun Parlamento autónomo, débesllo a el e á xente como el. Non sei como serás de deputado, pero dígoche unha cousa: Es macanudo tirando pedras contra o propio tellado!
Honrar ao autor de Sempre en Galiza sería, segundo ti, apoiar "un traballo da ideoloxía nacionalista". E aínda máis: "O PP sabe que o nacionalismo é inherente a Castelao como a noite é o día". Pero, home, sempre estás a pensar no mesmo? Es ti, noite e día, o que todo o reduce a ideoloxía. Non é doado achar un espírito máis solidario, máis internacionalista, que o que Castelao mostrou en obra e vida. O final da súa biblia é o máis acabado programa federalista: un goberno mundial para unha confederación planetaria. É dicir, unha ONU de verdade. A súa mente era a dun Bertrand Russell, un Gandhi ou un Martin Luther King. Non é de estrañar que, despois de facer o albume de Harlem, en Nova York, fora nomeado presidente honorífico das sociedades en loita contra o racismo.
Era un patriota, si. E foi despoxado da súa patria. Non tiña nin eira nin beira. Vostede cobra por selo. Respecte o seu nome. Non cuspa ao ceo.
Pero hai algo máis que aclarar.
"En poucos artistas será máis traballoso de arredar a vida da obra, o pensamento dos feitos. Foi un artista integral".
Quen escribe isto? Quen fai esta afirmación que contradí a de tantos paifocos?
Non é tampouco un fanático de Castelao. Nin un incondicional. Foi unha persoa que lle causou moita dor, que esgazou o Partido Galeguista cando aínda estaba viva a República, que se sumou ao franquismo. E á marxe desas circunstancias, foi un sabio de moitos saberes. Quen escribiu iso foi un home de dereitas: Xosé Filgueira Valverde.
Así comeza unha das súas lembranzas, a titulada Castelao, o humanismo, publicada nesa arca de sabedoría que son os tomos de Adral: "Cando falamos do humanismo de Castelao non encaramos somentes esa faceta intelectual do cultivo de esprito que se avigora co achegamento ás mellores creacións e que sabe vibrar diante elas e as corresponde, senón que nos referimos ao home enteiro que foi, e que mostrou, en cada un dos seus logros, que a súa personalidade era superior (...) Fixo sorrir, e chorar, e profundar..."
Mire por onde. Tamén vostede, un dos que decidiu enterrar por segunda vez a Castelao, provoca esa reacción. Fainos sorrir, e chorar, e profundar.
Sorrir. Entre outras cousas, pensando no que faría Castelao ante este espectáculo que nos recorda o aforismo de Stanislaw J. Lec: "Pobre terra! Todas as nosas sombras caen sobre ela".
Chorar. Porque comprobamos outro aforismo, este de Mark Twain: "A diferenza entre unha trola e un gato é que o gato só ten nove vidas".
E profundar...
Hai un libro que se titula Fantasmones rojos: la venjança falangista contra Catalunya (1939-1940), publicado por Acontravent, en 2009. Chegou ás miñas mans grazas a ese extraordinario vedoiro galego en Barcelona que é XGG. Trátase dunha escolma de contido arrepiante: unha serie de "biografías" que certos xornalistas publicaron na prensa fascista para destruír a honra de persoas relevantes só polo feito de seren leais á República. Un dos elixidos para ser aniquilados simbolicamente, xa que non o tiñan a man, foi precisamente Castelao. O autor daquela ignominia tiña nome galego: José María García Rodríguez. Presentábase como poeta, narrador e crítico de arte. O personaxe non deixou nada que mereza perder un minuto. Todo fede. A tinta era veleno líquido.
Non foi o único.
Castelao sobreviviu a toneladas de veleno e prexuízos.
Profunda un pouco, ho. Xa vai sendo hora de cambiar de disco.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.