_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Domingo Fontán, matemático sublime

Galicia ou Galiza é e mais foi unha preocupación, unha pasión ou mesmo unha obsesión para moitas persoas. Houbo un tempo no que para algúns a semente desa preocupación prendeu neles coa xeografía, en vendo por primeira vez un mapa, a Carta Geométrica de Galicia de Domingo Fontán.

Adrián Solovio, o personaxe en que se retrata a si mesmo Otero Pedrayo na novela Arredor de si, remata a súa peregrinación por España e Europa diante do leito no que está a finar o seu tío, quen lle pide que ilumine coa candea o mapa de Fontán para que el poida pasar a a súa man polos nomes dos lugares coñecidos. E así é como comeza a nova vida de Solovio, descubrindo Galiza no debuxo exacto do país. Cunqueiro lembra que o tropezou un día nos corredores do instituto de Lugo: "Fue mi gran encuentro con mi país gallego: allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y de mis días, la tierra temporal y la eterna [...]. Allí me detuve a contemplar las comarcas conocidas [...]". E Castelao fixou no Sempre en Galiza, "para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron: apenas un fermoso val [...]. Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán". A imaxinación da xente de aquí ten un lugar para esa idea poética, "a Terra", mais quen lle tirou un retrato axustado por primeira vez foi o matemático Domingo Fontán Rodríguez.

Otero, Cunqueiro ou Castelao lembran a impresión que lles causou o mapa
Entrou nos grupos liberais de Santiago mentres estaba na universidade
Do seu mestre recibiu a tarefa de levantar a carta xeográfica de Galicia
Foi tamén político activo, deputado por Pontevedra e Lugo

Naceu na Porta do Conde, concello de Portas, no 1788. Estivo en Noia, ao pé do seu tío cura que o educou en saberes moi diversos, conservou toda a vida ese interese polo estudo de cousas tan disímiles como a teoloxía, a matemática, as leis, a lingua francesa, a filosofía, a lingua castellana e todo o referente a Galiza. Fontán foi o retrato calcado dun humanista. Matriculouse en Filosofía e entrou así na Universidade de Santiago, á que pertenceu boa parte da súa vida, e incorpórase aos grupos liberais da cidade. Humanista e liberal, implicado na loita política. Iso tróuxolle serios problemas persoais e profesionais en distintos momentos da súa vida. E iso, tras a chegada do reaccionario rei Fernando VII, conduciuno a el e a outros profesores membros da masonería santiaguesa ante un tribunal universitario acusado de "formar parte del número de los corifeos del Partido Liberal (o lo que es lo mismo, de los traidores al Rey)". Foi absolto da acusación e conservou a praza de profesor universitario nesa ocasión, anos máis tarde sería novamente sancionado e "purificado".

Foi discípulo de José Rodríguez González, "o matemático do Berbés". Rodríguez impartira aulas na universidade de Gottinga, fixera medicións xeodésicas para a armada británica, ensaiara a triangular o meridiano entre Dunkerke e Barcelona, fora convidado polo tzar das Rusias para astrónomo e recibira os encargos de levantar o mapa da Península e fixar un novo sistema de pesos e medidas. Tamén recibiu represalias polo seu compromiso coas ideas liberais. Pódese dicir que a posterior vida pública de Fontán vai ser unha continuidade plena da do seu mestre, os mesmos ideais e afáns. Até foi calcando os seus pasos profisionais: gañou a praza de catedrático de Matemáticas Elementais e ao ano seguinte ocupa a cátedra de Rodríguez González, "Matemáticas Sublimes".

E do seu mestre recibiu a súa gran tarefa, levantar a carta de Galiza segundo un método científico, a triangulación xeodésica; o sistema de medición co que xa se deseñara o mapa de Francia había tempo e co que se estaban a deseñar os doutros reinos europeos. Sen outro respaldo que o da universidade e as achegas dalgúns amigos, o mapa é unha fazaña científica prácticamente solitaria. "Levantar la Carta Geográfica de un reino es emprender una obra original en su clase, y en nada parecida a los mapas que diariamente se publican. No se recurre para ello a datos ajenos cuya exactitud no esté comprobada; es forzoso adquirirlos sobre el terreno, trasladándose a el para dibujarle; elegir las estaciones o vértices de los triángulos que a manera de una red han de abarcar toda su extensión [...]".

Un traballo de tal envergadura que tiña de ser realizado por un só individuo obrigouno a ir pouco e pouco e dun xeito moi doméstico. Comezou establecendo a primeira estación xeodésica no pombal dun amigo nunha aldea do concello de Ordes. A continuación, en 1817 fai a medición astronómica e xeométrica da torre Berenguela, tres anos despois comeza a triangulación do territorio. Foron moitos esforzos interrumpidos facendo campañas de verán, aproveitando as vacacións universitarias, que concluirán en 1834, cando lle entrega formalmente a Carta á raíña rexente María Cristina. "[...] aspirando tan sólo a ser útil a Galicia consagré a este objeto mis ahorros, mi salud y mis tareas científicas por más de docena y media de años, logrando resultados que sabrá apreciar la posteridad cuando se sometan á la censura pública la Carta Geográfica de este antiguro reino y las operaciones que le sirvieron de base [...]".

Aínda había ter dificultades para poder imprimir a Carta coa escala desexada, véndose obrigado a viaxar a Francia para supervisar o traballo. Porén, unha vez finalizada comezou unha nova época na cartografía española caracterizada polo rigor científico e, tamén, pola introdución do sistema métrico decimal.

Con todo recibir represalias e atrancos da monarquía reaccionaria, na demora dos traballos de medición para a Carta tamén influiu a súa actividade en toda canta cousa pública había. Alén do traballo universitario e das medicións xeodésicas, foi secretario da Deputación Provincial de Galicia en 1820 e cando o Reino foi dividido en catro provincias pasou a ser secretario da Deputación da Coruña. No 1826 encargóuselle a delimitación municipal e xudicial da Galiza e tres anos despois o trazado de todas as estradas que eran para abrir, Fontán foi non só quen retratou o territorio do país senón o deseñador das súas comunicacións. Posteriormente, en 1860, trázase a liña do primeiro camiño de ferro entre Santiago e Carril e o enxeñeiro Tomás Rumbal recoñece que é "sacado del excelente mapa de Galicia hecho por el distinguido señor Don Domingo Fontán".

Foi tamén un político activo, deputado por Pontevedra, por Lugo e por Pontevedra novamente. A ideoloxía que formou a Fontán, do mesmo xeito que aos seus contemporáneos liberais, aínda non contemplaba a Galiza politicamente, mais o seu coñecemento polo miúdo da situación que vivía o reino deulle unha visión que podemos chamar galeguista. Así, o seu inxente labor como deputado fíxoo conscientemente desde un "perspectivismo político gallego".

E foi un empresario non menos activo en distintos momentos da súa vida. Xunto co seu irmán, herdou do seu pai e do seu tío, o cura de Noia, accións nunha papeleira en Lousame. Ambos os dous irmáns acabaron por facerse con toda a propiedade da empresa. O seu enderezo en Compostela almacenaba toneladas de trapos vellos para facer papel. Puxou tamén pola contrata para ser o distribuidor de papel na provincia da Coruña. Por eses anos, fíxose retratar por Esquivel, o pintor real, mostrando orgulloso o seu compás na man sabia. Aínda había participar nunha empresa que simbolizaba as arelas de progreso e os novos tempos, xunto con outros dous socios conseguiu a concesión do ferrocarril compostelán. Aínda fará un último estudo para a construción dun ferrocarril entre Santiago, Betanzo e Ferrol.

Polo medio innúmeras tarefas, encargas e responsabilidades. Bibliotecario e presidente da Sociedade Económica de Amigos do País santiaguesa, membro da Societé de Geographie, director do Observatorio Astronómico de Madrid, da Escola de Enxeñeiros e Xeógrafos... Morreu nos baños de Cuntis a onde acudira por aliviar as dores dunha "cistite aguda", segundo o diagnóstico médico. "A las diez de la mañana del día veinte y cuatro del mes de Octubre, año de mil ochocientos sesenta y seis, fue servido Dios nuestro Señor llamar a juicio el alma de Don Domingo Fontán", escribiu o párroco. Caso de haber ese xuízo os vivos deberiamos acudir a testemuñar que foi un galego bo e xeneroso e que, se por el for, o noso país había estar doutro modo de como está.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_