Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Rosalía sen tebras

Francisco Rodríguez volve á figura da escritora de Padrón para desfacer os tópicos que negaron o seu carácter de muller culta, revolucionaria e independente

A Rosalía de Castro que coñeceron os amigos e as minorías cultas do seu círculo máis próximo tiña pouco que ver coas descricións de autora meramente intuitiva, dotada dunha sensibilidade parella á dos románticos aos que as tendencias académicas imperantes até mediados dos oitenta quixeron equiparala. No centro da bohemia, revolucionaria, dona dunha franqueza sen tabús e dunha relixiosidade que chocou contra a curia local por panteísta e non dogmática, a poeta de Padrón é obxecto de revisión na última obra de Francisco Rodríguez (Ferrol, 1945), autor, fai agora case 23 anos, da primera tese de doutoramento dunha universidade galega dedicada á escritora de Follas Novas. "É unha obra necesaria por hixiénica", sinala Rodríguez, que o mércores presentaba en Compostela Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Rodríguez, tamén líder da UPG, non é o único representante do nacionalismo galego que volve estes días sobre unha figura do galeguismo: a poucos metros do centro sociocultural de Novacaixagalicia escollido para presentar a obra, Xosé Manuel Beiras falaba para prensa e público de Crise económica na época presente e a descentralización rexional, unha nova edición do ensaio de Alfredo Brañas.

"A reacción contra Castela non foi froito dunha arroutada sentimental"

"Era unha crente heterodoxa, para a que a relixión tiña un papel comunicativo"

O regreso de Rodríguez á figura de Rosalía pretende pór o acento no momento histórico en que lle tocou vivir, "coas cidades galegas a miúdo en estado de sitio, labregos que non acatan a política do Estado español e mozos que desertan do servizo militar", exemplifica. Tamén é unha oportunidade de rebater tópicos e amosar a unha muller "de carne e óso, de gran sinxeleza, amable, culta". Era así como a vían os amigos do matrimonio que formaba xunto a Manuel Murguía, abrigo afectivo e intelectual e case sempre o encargado de atopar editora para as obras da poeta a través de coñecidos fóra e dentro de Galicia. "Foi por iso que tamén escribiu en castelán", explica Rodríguez, que recalca "a ansiedade autorial dunha muller que quería vivir do que escribía".

"A xeración de Rosalía non é provincia, é central", insiste. A cidade de Madrid viña a ser para a minoría culta da que a autora se rodeaba a diana das súas aspiracións, non exenta de idealismo. Mais Rosalía, indica o líder nacionalista, non cae no autoodio de moitos dos seus coetáneos e consegue ver Galicia "como a terra dos seus fillos". O clamor pola dignidade do seu pobo non é fortuíto, senón froito dunha convicción. Aspira a cumprir unha función social, amais de garantir a supervivencia da familia, que conduce soa nos seus últimos anos de vida. As cartas de Murguía -do que se conservan máis de 1.500, reunidas por Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos en 2003 e 2005- dan conta da busca constante da saída, do cosmopolita, por parte da xeración de Rosalía. Ela, porén, non separa a reivindicación da terra da modernidade. "A reacción de Rosalía contra Castela e contra España non foi produto dunha arroutada sentimental, malia aparecer no contexto de experiencias literaturizadas. É a plasmación dunha reacción contra a anulación da nación, contra o prexuízo e o estereotipo para seguir dominándoa", recolle Rodríguez neste seu último ensaio.

Boa coñecedora da literatura europea do momento, máis tamén dos clásicos grecolatinos e lectora en francés, foi quen de "amosar a irracionalidade do mundo" e chegou a adiantarse "á literatura maldita posterior". En Nin as escuras, poema de Follas Novas (1880), mesmo se adiviña o tratamento da homosexualidade nos ambientes burgueses do século XIX, nun momento no que unha identidade distinta á heterosexual "era peor que a morte". O percorrido polos desexos e afectos de Rosalía revela unha muller adiantada ao seu tempo, que non ten problemas en aceptar a amizade doutros homes -como a de Eduardo Pondal, bo amigo de Murguía- e controla a súa maternidade. Entre o nacemento en 1859 de Alejandra, a súa filla maior, e a seguinte, Áurea, pasan case dez anos, etapa na que Rosalía se ocupa con máis insistencia na súa profesión de escritora. "É unha muller que despois terá fillos de maneira case compulsiva", sinala Rodríguez, que ve nos seguintes embarazos de Rosalía o intento de calmar unha frustación.

Rodríguez reivindica a Rosalía "dos amores sen nome" dos que despois falaría Oscar Wilde. "Era unha muller de amplas comprensións e desexos. Os homes que aparecen na súa obra son arquetípicos físicos ou morais. As mulleres, non", defende. Do poema Santa Escolástica, contido en Las orillas del Sar (1866), Rodríguez extrae dúas mensaxes: a primeira, que Rosalía era "unha crente heterodoxa, para a que a relixión tiña un papel comunicativo". Neste senso, a autora de Cantares gallegos era profundamente herética, o que lle valeu o enfrontamento co Arcebispado de Santiago, que lle negou a homenaxe pública cando o seu corpo foi trasladado ao Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval. Por outra banda, a visión da Santa Escolástica de San Martiño Pinario, que visitaba a miúdo, servíalle a Rosalía "de conforto sensorial e mesmo erótico". Non ve Rodríguez na sombra rosaliana a dor pola falta do pai, "ao que sen dúbida coñecía", senón a frustación deste desexo. "Eses amores sen nome transmitiunos esteticamente".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de marzo de 2011