_
_
_
_
Reportaje:Luces

Vicente Risco como síntoma

A polémica sobre a filiación ideolóxica do intelectual ourensán reaparece periodicamente - No debate xorden problemas irresoltos na política do país

Pasou medio século da súa morte e case cen anos da súa obra máis influínte, Teoría do nacionalismo galego. Sobre Vicente Risco publicáronse libros apoloxéticos, estudos críticos e ataques furibundos. Tamén se lle dedicou o Día das Letras, en 1981, e a súa nouvelle satírica O porco de pé é lectura obrigatoria en secundaria. Pero a figura do intelectual ourensán, corazón da Xeración Nós e antes modernista estético en La Centuria, non descansa. O debate arredor das implicacións ideolóxicas do seu pensamento rexorde periodicamente e adoito fai agromar problemas non resoltos da cultura e a política do país. O último round comezou a pé feito dun artigo do escritor Suso de Toro neste xornal.

Como os seus compañeiros de xeración, mírase en Acción Francesa
Beramendi: "Está estudado pola historia, pero hai un problema cultural"

"Na serie Xente de aquí intento ofrecer un imaxinario para o noso país cun sentido ideoloxicamente creativo", argúe De Toro, "e a tese da mesma é a miña interpretación do país. Dentro dese propósito, considero que Risco ocupa demasiado espazo no discurso nacional galego e, dende logo, no discurso nacionalista". No texto Vicente Risco, tráxico bufón, intruso perturbador, o autor de Sete palabras trazou un implacábel retrato do ourensán e lembrou a súa relativa simpatía polos nazis logo de viaxar ao turbulento Berlín dos anos trinta.

"Isto está xa contado moitas veces, o que pasa é que neste país niguén le a ninguén", explica, con certa indignación, Justo Beramendi. O historiador, premio Nacional español por De provincia a nación, lembra que Risco "foi o teórico máis importante do nacionalismo de preguerra e todos beben del, empezando por Castelao". Un dos puntos de fricción atópase, xustamente, en decidir se hai ou non varios Riscos. O propio Castelao escribira, despois da Guerra Civil que o enviara ao exilio, aquel célebre "dicía Risco cando Risco era alguén".

"Derivou cara á extrema dereita, aínda dentro do nacionalismo galego, pero lonxe da Teoría do nacionalismo do ano 20", afirma Beramendi, "pero no fondo existe un só Risco con diferentes modulacións". É o ensaísta Antón Baamonde quen sitúa a un dos cerebros indiscutíbeis do primeiro galeguismo político no contexto cultural europeo en que se forma intelectualmente. "A comezos do século XX, o nacionalismo en toda Europa é profundamente conservador", sinala, "ese é o mar de fondo".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Non só Vicente Risco se mira no espello de Maurras e Acción Francesa ou de certo Nietzsche. Tamén os seus compañeiros de xeración -de Otero Pedrayo a Florentino Cuevillas- o fan xusto no minuto anterior a se integrar nas Irmandades da Fala. "Pero cando Risco fai a conversión ao nacionalismo galego, segue a manexar eses mesmos códigos; hai unha continuidade de fondo en todas as súa etapas", engade Baamonde, quen salienta a póla coruñesa do galeguismo -Vilar Ponte ou Lois Peña Novo- como a que evolúe en sentido progresista.

Son as viaxes pola Europa en guerra civil e a conmoción da revolución bolxevique as que atrapan a Risco no vendaval da historia. "Decátase do que sucede en Europa e ofrece unha resposta ideolóxica a unha mutación radical do mundo", considera o filósofo Francisco Sampedro, outro, canda a profesora Olivia Rodríguez, dos que entraron en discusión a partir de Tráxico bufón, intruso perturbador. E esa reacción consiste nunha Galicia idílica dominada pola Igrexa, opina, en que o campesiñado é o grupo social dominante "pero sempre supeditado a unha elite". O home culto, erudito, ao tanto das vangardas artísticas, teme o combate obreiro e o que se deriva da Revolución francesa. "Igual que todos os reaccionarios", sinala Sampedro, "porque é a morte do rei, a morte de Deus feito carne". "A loita de clases agudísima que ve no continente asústao e vira á dereita", corrobora Beramendi. Ao escoller esa banda da barricada que derregaba Europa, Risco afástase dun partido, o galeguista, e o seu movemento, inequivocamente republicano e escorado cara ao centro esquerda.

Co levantamento fascista de 1936, que o colle xa esgazado do Partido Galeguista en Dereita Galeguista, Risco pegou o xiro definitivo da súa vida. Abandonou o galeguismo e en libros como Historia de los judíos desenvolveu o feroz antisemitismo que xa se entornaba en Mitteleuropa. "É significativo que despois da guerra Risco non se aproveitase do franquismo, ao contrario que algún colega seu da dereita galeguista como Filgueira Valverde", explica Beramendi, "el recóllese en Ourense e dedícase á literatura".

Pero as razóns de por que o escritor ourensano, nado en 1884 e morto en 1963, e a súa traxectoria político-intelectual seguen a provocar certo confronto non acaban de se aclarar. Para Suso de Toro, "toca o nervio da memoria galeguista instituída". "Risco encarna moi ben até que punto esa memoria nos chegou deturpada polo franquismo", di. O Réxime integrou, non de xeito explícito, aos galeguistas que sobreviviron e non se exiliaron. "Vicente Risco foi un malentendido por parte dos galeguistas e del mesmo", finaliza.

Beramendi, que en De provincia a nación esculcou as orixes e o desenvolvemento ideolóxico do galeguismo político, amósase máis contundente. Non só co autor de Orden y caos. "O caso Risco está perfectamente estudado do punto de vista historiográfico", expón, "pero existe un problema cultural. Paco Rodríguez foi o primeiro en tentar negar a súa importancia, porque a cuestión é cómo se usan as figuras do pasado ben para gañar uns cartiños, ben como metáfora das liortas do presente".

Nese punto, Risco como síntoma, coincide Antón Baamonde. "Ao ser o nacionalismo contemporáneo unanimemente de esquerdas", apunta, "tratar con el trae polémica porque lembra a posibilidade de que exista un nacionalismo de dereitas". E reclama, contra a ignorancia -"tampouco moitos nacionalistas coñecen o primeiro Castelao, por exemplo"-, "entender os personaxes no canto de poñerlles unha vela; sobra dogmatismo e gazmoñería". Niso afanouse Francisco Sampedro, que axiña publicará Fenomenoloxía do límite, e conclúe que "mitoloxizar un país leva ao fascismo; ese foi o seu labor, ao cabo". "A madureza de Galicia pasa por tomar de coña a Risco", apón, sen ironía.

Caricatura de Vicente risco feita por Castelao
Caricatura de Vicente risco feita por Castelao

A controversia nos textos

- "Mística disertación na que se decrara o simbolismo y-espiritual significado que ten a vida groriosa do Santo apóstol San Yago, assí como a festa que hoxe principia a celebrare a nación galega". (A Nosa Terra, xullo de 1920)

- "Eu bendigo a endogamia, que se sole dar nos galegos que viven alén mar. Alédome cand'un galego casa c'unh'alemá,

c'unha inglesa ou c'unha irlandesa. Dame tristura velo casar c'unha italiana ou c'unha turca. Creio na seleución e na euxenesia, e sei as propiedades dexencrativas do mestizaxe". (A Nosa Terra, novembro de 1921)

- "É un feito que non se pode discutir seriamente, que no pobo galego hai un predominio marcado do elemento loiro centro europeo, como non sucede en ningún outro pobo da Península. Na poboación rural, nótese que tódolos rapaciños son brancos como a neve co cabelo loiro, case que albino. Logo, o sol, o aire, no traballo constante da terra vólvelles o coiro tostado e o cabelo escuro.

Non falo dos caracteres craneanos, porque non se teñen estudado ben". (Teoría do nacionalismo galego, 1920)

- "Outro desviamento do nacionalismo é o que chaman fascismo. Tampouco a idea fascista é ruín en si. [...] Coma movemento político é un movemento nacional contra das causas da descomposición interna dunha nación, e tende á concentración das forzas nacionais contra da dispersión e quebrantamnento delas, orixinados polos partidos políticos,

loita de clases, manexos da alta finanza, relaxamento dos costumes, etc. etc. E neste senso non é cousa ruín". (Nacionalismo galego. Na revista Alento, 1934)

- "Temos, por tanto, esas dúas coincidencias coa doutrina do fascismo: 1. O pretendermos unha concentración das forzas galegas, contra das loitas políticas, de clase ou de intereses particulares, pondo por riba diso todo o ben comun. 2 O pretendermos que a organización e a lexislación que rixan en Galicia se acomoden ao modo de ser da nosa Terra". (Ibid.)

- "[A obra de Marx é] la de un enfermo con trastornos fisiológicos, con un rencor bilioso de psicópata y de temperamento hepático propio de la raza judía". (revista Misión)

- "[o marxismo como fe baseada no resentimento non é máis que] a envexa dos d'embaixo os d'enriba, do que non ten ao que ten, do que non pode ao que pode, do que non sabe ao que sabe". (Mitteleuropa, 1934)

- "[os obreiros] minados por las propagandas democráticos, que les predicaban la igualdad, la libertad, [las ciudades] destruían sus convicciones religiosas y su acatamiento a las instituciones". (Ensayos sobre el marxismo)

- "El híbrido envuelve siempre un equívoco, cuya expresión es a veces, el hermafrodita. El instinto

(guía infalible para la vida) lo repugna. Incluso el híbrido humano, el mestizo es justamente sospechoso;

se dice 'Dios hizo a los negros y a los blancos, y el diablo a los mulatos' [...] la limpieza de sangre es un bien, el mestizaje un regreso hacia el Caos". (Orden y caos, 1968)

- "...o nacionalismo moderno galego deriva máis de Faraldo que de Brañas. En troques hoxe, en doutriña política, resulta Brañas moito máis moderno que Faraldo, que Murguía, que Vicetto, que todol-os galeguistas do século XIX, un percursor de moitos antiparlamentarios do noso tempo. Posto a carón de Duguit, de Sorel, de Sardinha, de Maurras, dos mesmos comunistas, non somella Brañas tan anacrónico coma somellaría o propio Pi y Margall, de quen proceden, eiquí mesmo, moitos dos nosos nacionalistas de esquerdas". (A Nosa Terra, xullo de 1925)

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_