Os poemas secretos do ministro
Yolanda Castaño edita 30 anos de poesía en galego de Farruco Sesto Novás, responsábel de Cultura no actual Goberno de Venezuela e orixinario de Vigo
Durante décadas, o nome Farruco Sesto Novás (Vigo, 1943) ecoou na literatura galega dende o prólogo de Méndez Ferrín aos poemas do seu heterónimo Heriberto Bens. "Farruco Sesto Novás é o mellor poeta galego vivo, como case ninguén sabe", escribiu en 1980 o agora presidente de Real Academia Galega. Pero 26 anos despois, Sesto Novás, arquitecto de profesión, reapareceu para os lectores galegos: o Goberno de Hugo Chávez nomeaba ministro de Cultura ao autor de UPG poemas (1973). Onte presentou na Coruña a súa obra poética reunida, Pequenos encontros, as marcas deixadas, publicada por Espiral Maior baixo o coidado da poeta Yolanda Castaño.
A primeira incursión de Farruco Sesto Novás data de finais dos sesenta. "Eu escribía poemas dende que teño memoria. Para Venezuela marchei en 1962, como emigrante", relata a este xornal, "e alí escribín en galego máis por razóns políticas que literarias". Da estrela e da fouce foi o primeiro libro, impreso "case a man" na Irmandade Galega de Caracas e coa axuda do tamén emigrado Celso Emilio Ferreiro, do poeta. "Eu procuraba outra patria, que atopei", lembra, "e a maneira de manter un fío con Galicia era escribir en galego". Tamén falalo, como aínda hoxe fai, con corrección e un forte sotaque venezolano.
"Comecei a escribir en galego máis por razón políticas que literarias", expón
"Sigo a poesía galega e hai boa literatura, empezando pola de Ferrín", engade
Sesto Novás, cuxa obra temperá recolleuna María Victoria Morena na discutidísma antoloxía socialrealista Os novísimos (1973), non idealiza a condición de emigrante: "Fun para Venezuela por razóns económicas, pero detrás hai sempre un motivo político". Na asfixiada Galicia de 1962, o ano en que Celso Emilio bota Longa noite de pedra, non había lugar para rebeldes.
"Cando cae a ditadura de Franco, volvo escribir en castelán", fai reconto. Mais non abandona o galego. Por unha muller (1976), Porta aberta (1976) ou Arte poética. Poema de amor a Rosalía (1985) indican, dende o título, certa mudanza de obxectivos poéticos. "A miña poesía última vaise facendo máis sinxela, despoxada", explica sobre o seu propio traballo, "pero cada cousa ten o seu momento". Contra 1990 deu luz, en Sotelo Blanco, a Isolda, o título co que dixo adeus á literatura do seu país natal. "Dende 1995 non escribo obra nova en galego", sinala, "pero tampouco digo que non volva usalo".
Sesto Novás asegura seguir a poesía galega dende o outro lado do océano. "Non tanto a narrativa", puntualiza. Sobre a apreciación de Ferrín no célebre limiar a Heriberto Bens só ten boas palabras: "Eu agradézollo moito, como non pode ser doutro xeito. Pero non deixa de ser unha boutade, dicir unha cousa contracorrente sobre un escritor que estaba lonxe e que escribía de maneira diferente". E conclúe, categórico: "Escríbese moi boa literatura en Galicia, comezando pola do propio Méndez Ferrín".
A ocupación na política de partidos -Farruco Sesto milita en Patria para Todos- retirou ao agora ministro do quefacer poético. No primeiro Executivo de Chávez, en 1999, o arquitecto Sesto Novás ocupou a presidencia do Instituto de Patrimonio Cultural. Viceministro de Cultura en 2003 -non existía aínda o ministerio-, durante un breve paréntese tamén se encargou do departamento de Vivenda, até que o pasado ano regresou á carteira cultural: Ministerior del Poder Popular para la Cultura.
Sempre vencellado á esquerda xa dende os seus contactos co nacionalismo marxista da UPG dos setenta, a lectura que realiza da situación latinoamericana é optimista. "Polo menos están pasando cousas, está pasando esa longa noite de pedra das ditaduras, das democracias que non o eran, da hipocrisía", expón. Sesto Novás fala da "grande onda emancipatoria" que percorre o continente e faino sen os anteollos do liberalismo europeo: "Está Lula, está Evo, está Correa, está Ortega, está a Cuba de sempre, estaba Zelaya, que aínda que un terratenente, era progresista..., cada un ao seu xeito e coas súas características".
Para o poeta e ministro vigués, a tarefa política do seu tempo consiste en "culminar a independencia". Se os progresitas latinoamericanos dos sesenta e setenta se referían á súa época como a do segundo proceso de descolonización, Farruco Sesto Novás considera chegado o tempo, dos séculos despois da retirada da Coroa española de América, de completar o proceso. "Movémonos cara á verdadeira independencia", finaliza sen dubidar.