O derradeiro patriarca
Francisco Xesús Antonio Benito Fernández del Riego soñou unha nación sen sectarismos e pasou a vida tendendo pontes entre as faccións galeguistas
A saúde dun país mídese ben observando como trata aos seus fillos, especialmente o que fai cos máis lúcidos e valiosos. Esta Galicia nosa trátaos ben mal, ou pode que nos tocaran anos ben tristes, ou pode que as dúas cousas se pensamos no pouco proveito que se lle tirou á longa presenza entre nós de Francisco Fernández del Riego. A guerra e o franquismo, primeiro, e o fracaso político do galeguismo desde a morte de Franco até hoxe, despois, impediron que houbese un lugar para aquela mente clara e aquela persoa decidida e absolutamente comprometida co seu país. Del Riego quixo, ademais, ter unha vida "sen pedantería nin cobizas, unha vida, en certa maneira, optimista e rachadora". E conseguiuno, a pesar das probas que tivo que superar.
No Vigo da posguerra foi o catalizador dun pequeno grupo de galeguistas
Abriu as portas de Acadmeia para que coubesen alí uns e outros
Naceu no 1913 e foi bautizado Francisco Xesús Benito Antonio. No relato que el facía da súa infancia hai luz e alegría e iso derramouse ao longo de toda a súa vida. Naceu en Vilanova de Lourenzá, pé do esplendor do barroco do convento de San Salvador, nunha familia con bo pasar e algunha afección pola lectura, especialmente da prensa. O seu pai era líder agrario da comarca e sufriu un atentado, un inimigo político disparoulle dous tiros no peito que o puxeron a morrer. Salvouse, mais o meniño de cinco anos presenciou aquel terríbel incidente e, aínda que iso non lle cambiou o carácter nin a determinación futura, aprendeu ben cedo o coste que podían conlevar os ideais políticos.
Aos 14 anos, as lecturas da adolescencia fixéronlle sentir "unha maré que me conducía a escribir". Finalmente non foi o seu destino aquela vocación de escritor literario, mais toda a vida foi adicto á literatura, a disfrutala mesmo cando estaba preso, a editala e a estudala, e escribir sobre ela. Cursa o bacharelato en Lugo, onde comparte aulas con Cunqueiro, a quen volverá tratar posteriormente en sucesivos momentos das súas vidas. Por contentar aos pais comeza estudar Dereito en Madrid, onde tiña familia, e alí disfruta sobre todo das lecturas na Biblioteca Nacional, do Museo do Prado e do ambiente cultural e político da cidade. Asiste a tertulias, especialmente á de La Granja del Henar, presidida por Valle-Inclán, onde coñece a artistas galegos novos, como Dieste, Torrente, Maside ou Lugrís. Participa das mobilizacións estudantís republicanas, contacta coa esquerdista Federación Universitaria Escolar (FUE)e con outros mozos socialistas visita ao dirixente Fernando de los Ríos, daquela preso no cárcere Modelo. En Madrid percibe por primeira vez o desprezo cara a identidade galega e, lendo a Teoría do nazonalismo galego de Risco tropeza de frente co galeguismo político.
A familia decide trasladarse a Santiago e alí vai continuar os estudos de Dereito. Mal non chega e, da man do gran Lois Tobío, tradutor do Fausto ao galego, intégrase nos ambientes da vida cultural e política republicana. Ingresa no Seminario de Estudos Galegos, formando parte dunha nova xeración universitaria galeguista. Del Riego vive frenéticamente eses anos compostelanos, levado pola súa xuventude e tamén polo espírito enfebrecido daquela época na que a sociedade vivía nun ambiente de encono civil. Con todo sentir o pulo da mocidade e ser unha xeración moi atenta aos novos tempos, aqueles mozos do Seminario sentíanse claramente continuadores das xeracións anteriores: Del Riego fala no acto de inauguración do curso en 1933 como representante da FUE e cerra o seu parlamento invocando o nome do patriarca Murguía. E valora afervoadamente as ensinanzas e o trato coas figuras da xeración anterior: Otero Pedrayo, Castelao, Risco... O galeguismo segue a ser unha corrente política moi débil, malia que por eses anos xa se constituiu o Partido Galeguista no que milita Del Riego, e precisa dese sentido da continuidade entre xeracións tan claro e tan consciente, unha obriga moral que se transmite de avós a fillos e a netos. Neses anos comeza a escribir en prensa no xornal republicano El Pueblo Gallego, en A Nosa Terra, en Ser, semanario de esquerda,...
En paralelo á súa actividade pública consegue unha praza na facultade de Dereito. Os días do golpe de estado, que comeza o 20 en Santiago, viviunos agochado de casa en casa, sabendo dos sucesivos asasinatos de amigos. O rector da universidade comunica o seu cese como profesor. Cando foi chamado a filas pola milicia golpista tivo que ingresar á forza nun exército inimigo, un exército sublevado contra el e tanta outra xente. Foi un duro castigo, mais iso salvoulle a pel pois na retagarda acabarían dando con el os pistoleiros fascistas.
Logo de licenciado, tras a guerra, a súa vida perigaba de novo en Santiago e foi acollido en Vigo baixo a protección dun amigo galeguista, o avogado Valentín Paz Andrade. A explicación de por que o galeguismo renaceu na posguerra en Vigo e non noutro lugar débese principalmente a que nesa cidade sobreviviron galeguistas cunha certa blindaxe social e tamén á chegada de Francisco Del Riego a esa cidade. El actuou com catalizador dun pequeno grupo de galeguistas, principalmente o arquitecto Gómez Román, que fora o último secretario do Partido Galeguista, e tamén Enrique Peinador, Xaime Illa Couto, Ballina... Son anos de fonda amizade e longas paseatas co pintor Maside, a quen tanto admiraba.
Mal que ben consegue traballos precarios como profesor, e o pequeno grupo conspirador comeza a tramar a reorganización do galeguismo, contactan con Ramón Piñeiro que estaba en Lugo, este móstrase disposto a ir vivir a Vigo e desde alí comeza un camiño que dá poucos froitos. Entre os galeguistas que sobreviviran á represión dominaba o terror, nunca deixaron de ser un pequeno grupo aínda que chegaron a ter contactos coa oposición no exilio, cos nacionalistas vascos, cataláns e coas outras organizacións clandestinas.
Ese xermolo de Partido Galeguista finalmente fica prácticamente desfeito cando a policía prende a Piñeiro, que vai preso ao cárcere de Alcalá. É difícil imaxinar a dificultade da situación, neses anos Del Riego é detido pola policía en dúas ocasións, nunha delas xulgado en consello de guerra sumarísimo a pesar de que as súas actividades eran absolutamente pacíficas. Cando se dividiron e enfrontaron o galeguismo do interior e o do exilio, nun enfrontamento cheo de espiñas, Del Riego, como tamén Ramón Otero Pedrayo, conservou un papel de ponte entre ambos mundos.
Polo medio volve colaborar en prensa. No xornal compostelano La Noche publica Un tema gallego cada semana e, escarmentados da acción política, Xaime Illa e mais el matinan en crear unha editorial. Illa concreta o proxecto, e co acordo de todos os galeguistas, bota a andar Editorial Galaxia en 1950. Galaxia foi unha empresa cultural, mais reuniu á maior parte do galeguismo no interior, presidido pola figura firme de Otero Pedrayo e, pese á censura, multas e atrancos, xa non se detivo. Foi unha fonte cultural na que beberon as xeracións posteriores.
Mais a vocación e a vontade de Del Riego ía alén da cultura e, a que o Partido Galeguista fracasou, estivo na cabeceira dos que botaron a andar o Partido Socialista Galego en 1964. Nesa década e na seguinte, o nacionalismo galego creceu relativamente. Aínda que todo el dominado polas ideas de esquerda, viviu un enfrontamento ideolóxico interno entre a política que representaba Del Riego, unha continuidade coa república e un socialismo socialdemócrata, e unha nova política traída por unha nova xeración que entendeu que o camiño era unha revolución galega anticolonial. Venceu a nova xeración até hoxe. En 1978 Del Riego deuse de baixa do partido que fundara por desacordo político. Aínda participou dous anos máis tarde nunha iniciativa política Realidade Galega, unha plataforma de persoeiros galeguistas para influir na nacente autonomía.
Tivo unha última oportunidade de mostrar que concebía a Galiza como unha nación democrática cando ocupou o cargo de presidente da Real Academia Galega. Os conflictos ideolóxicos e os enfrontamentos persoais e xeracionais dividiron ao galeguismo en dúas faccións enfrontadas. Del Riego volveu a ser ponte, como antes entre o galeguismo do interior e o do exilio, foi quen a superar con naturalidade as porfías ideolóxicas e xeracionais e abriu as portas da Academia. Fixo que coubesen alí uns e outros. O seu galeguismo era o republicano, el tiña un seu criterio sobre cada persoa e cada cousa, mais quería un país sen sectarismos.
O seu gusto pola vida, o seu optimismo e atención ao seu tempo ilústrao que, dos libros que escribiu sobre literatura, o seu preferido era Letras do noso tempo. E aínda que publicou un Dicionario de escritores galegos, de certo que non deixou de indicar en que lugar lle parecía que debía estar a literatura galega co libro Escritores de Portugal e do Brasil.
Cómpre dicir que deixou entre as persoas que o trataron a lembranza dun bo amigo e unha persoa cordial, un patriarca xeneroso e afábel. Non é cousa mala ningunha.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.