_
_
_
_
Reportaje:Luces | A lanterna máxica

O peor axudante de dirección do mundo

Fernando Trueba traballou en Foz nos seus inicios como realizador

No ano 1976, un mozo madrileño chamado Fernando Trueba mantén amizade cun compañeiro galego na Facultade de Ciencias da Información, rama imaxe, que a certa altura do curso lectivo lle propón participar nunha curtametraxe a rodar en terras galaicas, concretamente na localidade lucense de Foz. "Henrique Rodríguez Baixeras era un dos tipos máis simpáticos que estudaron comigo na facultade", lembra Trueba. "El xa fixera unha curtametraxe en 8 milimetros e eu outra, e a súa proposta supuña dar un paso adiante na nosa formación".

Tiñan unha escasa bagaxe como directores e naqueles momentos presentábaselles a oportunidade de traballar nun formato cinematográfico. "Lembro que daquela xurdiu a primeira tentativa de facer cine en galego. Había tres directores novos que pretendían facer un traballo de media hora para logo unilos e contar así cunha longametraxe para a súa distribución". Baixeras dirixiría a adaptación de O cadaleito, baseado nun conto de Ánxel Fole titulado A caixa do morto. Contaba co dramaturgo Francisco Taxes como guionista adaptador do texto, coa produción de Antonio Simón, e o mecenas que puña os cartos era Víctor Ruppén, un home esencial para a realización de varias curtametraxes galegas naquela época. Ademais da que falamos, tamén produciu O herdeiro dirixida por Miguel Gato, e O pai de Migueliño, obra de Miguel Castelo, que abrían un novo vieiro no audiovisual galego na década dos setenta.

Rodríguez Baixeras pediulle que fose o seu axudante de dirección
"Non sabía en que consistía o traballo", lembra Trueba
Antón Simón exerceu de produtor no filme 'El año de las luces'
El mesmo facía burla da súa coñecida deficiencia ocular

Ao rememorar aqueles tempos, Trueba comenta que o seu colega de escola pediulle que exercese como axudante de dirección na película, algo que aceptou encantado. "O que sucedeu é que eu nunca asistira a unha rodaxe e cando aceptei ese cargo pensei que o axudante era unha persoa que botaba unha man, sen máis, ao director. Eu suxeríalle que ao mellor nun monento determinado podiamos facer un travelling e indicáballe algunha idea sobre realización de planos que se me viña á cabeza. Iso para min, xunto ao feito de levar diverso material de rodaxe dun lugar a outro, completaba o meu concepto de axudar".

En canto o madrileño se foi metendo no mundo do cine a súa percepción do que era un axudante de dirección mudou ostensiblemente. "Un ano despois de participar en O cadaleito fun a unha rodaxe grande e vin a un tipo por alí berrando e organizando unha chea de cousas. Como din os cubanos, semellaba o dono dos cabaliños, e cando me dixeron que ese era o axudante de dirección, e eu comprendín a función que realizaban, xa era moi tarde para aprender porque nunca volvín ocupar ese cargo. Grazas a Deus ningún dos que estabamos na filmación de O Cadaleito eramos profesionais e non se sabía exactamente cal era a función do axudante, pero teño claro que fun o peor axudante de dirección da historia, poque, en verdade, non sabía en que consistía o traballo".

O finado Francisco Taxes adoitaba lembrar como certo día no que se facía unha estrea na Coruña, nos cines Valle Inclán, do filme El año de las luces, pasada xa unha década dende a súa colaboración en Galicia, en canto Trueba o viu sentado nunha butaca na parte central da sala non dubidou nin un instante en erguer a toda esa fila de espectadores para lle dar unha forte aperta lembrando os vellos tempos, algo que Taxes sempre agradeceu porque o madrileño amosou con aquel acto un forte agarimo cara ao escritor.

Naquela aventura cinematográfica, Antón Simón exerceu os labores de produción. Lembra que foi el co coche ata Madrid a recoller a Trueba e Henrique Banet, xa que o director estaba moi interesado en contar con eles na película. Esas horas de viaxe dan para manter conversas de todo tipo e o cine, por suposto, non foi alleo á parola dos tres ocupantes do automóbil. "Fernando estaba totalmente ao día do que se facía neses momentos. Era un profundo coñecedor da obra dos directores de moda".

O realizador galego cre que ese devir cinéfilo é unha constante na obra do creador, "xa que cando un chega a onde el está non é por mera casualidade. Nótase un grande amor ao cine en todas as súas películas, independentemente que logo nos parezan mellores ou peores, pero esa paixón cinematográfica aparece claramente no seu traballo". Non en van o madrileño fundou no ano 1981 a revista de cine mensual Casablanca, unha publicación moi interesante que só durou un par de anos no mercado. O cineasta tamén exerceu como crítico cinematográfico na revista La guía del ocio e no xornal El PAÍS.

Facendo memoria daquela rodaxe en Foz, Simón fai referenza aos poucos cartos dos que dispuñan, "o que nos obrigaba a contar cun equipo de cine ao completo tendo moi presente a condicionante económica. A verdade é que fomos vistos como uns bechos raros no medio da poboación, xa que daquela a xente non estaba afeita como agora a convivir cunha rodaxe de cine. Foi unha época bonita".

As filmacións duraron dez días e rodouse cunha cámara de 35 milimetros. En canto á relación persoal con Trueba, manifesta que este tiña sempre "moi boa disposición para o traballo e o trato con el foi en todo momento moi agradable". O seu sentido de humor manifestábase cando el mesmo facía burla da súa coñecida deficiencia ocular "e era o primeiro en asumir ese alcume de Gran Angular co que era coñecido entre o equipo".

A película dirixida por Baixeras chegou a acadar o premio Mikeldi de prata no XVIII Certamen Internacional de cine documental y Cortometrajes de Bilbao, un dos certames con maior prestixio cinematográfico naquel tempo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_