Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Crónica:CENTRO E PERIFERIA | Luces

Quen teme a Marilyn Monroe?

Nas últimas semanas tense falado moito do libro Fragmentos, miscelánea de de cartas, notas e poemas escritos por Marilyn Monroe entre os anos 1943 e 1962. Nunha ambiciosa operación comercial, os editores Bernard Comment e Stanley Buchthal están tentando converter a unha actriz en autora. Non sabemos se o plan terá éxito, mais no entanto podemos preguntarnos cómo dialogou Marilyn coa literatura dos seus contemporáneos. Nesa tarefa axúdannos as reproducións facsimilares dos seus manuscritos e mecanoscritos, incluídas nestes Fragmentos, e onde non son estrañas as vacilacións e as tachaduras.

Algo neuroticamente Mallarmé sostivo que "o mundo existe para ir parar a un libro". Mais tamén hai quen defende que son os fragmentos, e non a totalidade, o destino final de calquera escrita. Que este sexa un libro de retallos resulta ser por iso unha homenaxe, tal vez non buscada pero igualmente poderosa. Cando o leamos talvez comprenderemos que Monroe participa por dereito propio dunha veta da literatura estadounidense fondamente traspasada polo sentido do infortunio e integrada por autoras como a sureña Carson McCullers -a quen tratou- ou Sylvia Plath -á que no fondo tanto se parece.

'Un nicho para Marilyn' fai parte das novelas sobre a morte da Monroe

Algunhas das cartas de 'Fragmentos' teñen en Pasolini destinatario atento

Unha ambiciosa operación comercial tenta convertir unha actriz en autora

Na súa obra o eu non é un punto de partida, senón un campo de batalla

Que Marilyn escribía poesía sabémolo dende que puidemos ler versos coma os seguintes: "De pé baixo os teus membros / ti florecías e ao final apegácheste a min, / o vento golpeaba terra / e area e apegácheste a min". No esteiro dos seus máis admirados poetas (Robert Frost, Walt Whitman e c.c. cummings entre eles), a autora volveu aínda máis problemático o concepto de persoa, que sabiamente os antigos fixeran sinónimo de máscara. A súa obra sitúase así en feliz concorrencia coas tendencias poéticas que teiman en que o eu non é un punto de partida, senón un campo de batalla. Agora que o existencialismo xa non é unha moda, a vida literaria é pouco xenerosa coas dúbidas. Con todo, e sabido que as persoas ás que máis lles custa dicir "eu" son a miúdo as únicas que teñen algo importante que dicir.

Xa en vida Marilyn Monroe inaugurou unha matriz de textos literarios composta, maiormente, por novelas, biografías e poemas. Holly Golightly, a protagonista do Breakfast at Tiffanny's de Truman Capote, foi pensada como un trasunto seu. En aberta pelexa coa simplificación, trala súa morte Marilyn deu lugar a unha vaga de poemas políticos que poderían ser obxecto dunha escolma. Pola súa intensidade son especialmente lembrados a Oración por Marilyn Monroe de Ernesto Cardenal ou o Marilyn Monroe's Negative de Leopoldo María Panero. No xénero da novela biográfica, volvéronse célebres as que tentaban esclarecer as circunstancias da súa morte. Non é de estrañar que a maioría delas lindasen co policial. A paródica Un nicho para Marilyn, protagonizada polo detective Frank Soutelo, foi o primeiro exemplar galego do xénero. Como todos os escritores de literatura policial, Miguel Anxo Fernández sabía que a verdadeira incógnita da súa narración era o coñecemento. De que serve saber? (Ou, menos discretamente: é certo que o saber conduce sempre á morte?).

Mais non todos os escritores se sentiron seducidos pola actriz. En carta a un poeta mozo, o profesor Manuel Outeiriño comparábaa con Naomi Klein e concluía que a xornalista canadiana era "77.777 veces máis guapa e menos tráxica do que a Marilyn Monroe". Quizais o tempo transcorrido situou o pensamento de Klein nun lugar máis modesto, e en cambio non cómpre minusvalorar o potencial político de Marilyn Monroe. Non tanto pola súa relación cos irmáns Kennedy como pola súa condición inequívoca de compañeira de viaxe da esquerda anti-macarthysta. Por non dicir que a tristeza crónica, a vulnerabilidade física e o desclasamento son á política o que o corazón ao corpo. Diso dan testemuño algunhas das cartas recollidas en Fragmentos, que teñen en Pasolini a un dos seus destinatarios máis atentos. Non en van o director e poeta italiano soubo albiscar coma ninguén no seu filme A raiba a relación entre a beleza estragada pola morte e o fragor non concluído de Hiroshima.

Se é certo que quen escribe le dúas veces, é preciso atender ás escenas de lectura protagonizadas por Marilyn Monroe. A súa fotoxenia e a cobiza dos fotógrafos provocaron algúns deses momentos nos que podemos vela entregada á paixón da lectura. E aínda que, por renunciar aos lentes, a loira miope de How to Marry a Millonaire cometía a torpeza de agarrar o libro do revés, en todas as fotografías que a amosan lendo Marilyn colle o libro do dereito e sosteno ben aferrado ás mans. Nunha das imaxes máis coñecidas terma dun exemplar do Ulysses de James Joyce. No rostro, un aceno entre a sorpresa e a concentración. O que conmove desa fotografía non é tanto a elección do libro como a súa necesidade de entender.

Marilyn Monroe foi a muller que quixo interpretar a Ofelia porque intuía que Hamlet era un drama político. Ao cabo, resultou ser a posuidora absoluta desa dimensión escura do desexo que -con menos sentido do humor que da ironía- Jacques Lacan denominou "goce mortífero". Ela, e non Inge Morath, foi quen lle fixo dicir a Arthur Miller: "O seu segredo invadiume coma unha forza brillante e recibino coma unha proba de que voltaría escribir". Antes dixera que a súa voracidade era infantil e que cando marchara o seu olor seguía aínda nas súas mans. Despois de longos anos de literatura sobre Marilyn Monroe, sería proba de delicadeza ler o que ela tentou escribir sobre si mesma. Quen morreu como corpo á idade na que as mulleres deixan de ser novas, nace hoxe para a escrita cun rostro menos temporal, pero de certo non menos fermoso.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 22 de octubre de 2010