_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Cinema e concerto no mesmo lote

Varias producións audiovisuais ofrecen 'packs' de película e concerto como vía alternativa fronte ás escasas posibilidades de distribución dos filmes

"Temos unha película, pero tamén temos unha banda, e iso ábrenos outras vías alternativas de cara á distribución". Enrique Otero é o director de Os Crebinsky, a película galega que está abrindo un interesante camiño no eido da distribución dos produtos audiovisuais: ofrecer longametraxe e concerto no mesmo lote para facer máis atractiva a súa programación. De feito, os creadores do filme ata bautizaron de xeito diferente este pack de película máis actuación, que funciona co nome de Universo Crebinsky. Ata o de agora xa se programou con éxito en localidades como Santiago, Ribadeo, Ortigueira e A Coruña, e no vindeiro outubro xa ten programadas tres datas, que van desde Pontevedra ata o San Froilán, pasando polo Festival de Cine de Ourense. Este Universo Crebinsky abrangue a proxección da película con pasarrúas previo e a actuación final da banda, unha formación composta por experimentados músicos que forman parte de grupos como Caramuxo, Mercedes Peón ou Nova Galega de Danza.

"Se non fora por este sistema, o meu documental estaba nun caixón"
O Festival de Cine de Ourense dará cabida a varios destes proxectos
Más información
'Os Crebinsky' bótanse á conquista de Asia

Otero formou parte nos anos noventa de Kozmic Muffin, unha banda coruñesa de rock progresivo da que en realidade parte a esencia do filme Os Crebinsky, unha peculiar historia sobre unha familia que se dedica a andar ás crebas, peneirando todos os restos de naufraxios na Costa da Morte. "Desde logo que nesta mestura de cine e música ten que ver a miña orixe como músico. Con Kozmic tocabamos un tema sobre unha historia do leite condensado que verqueu un barco. De aí saiu unha curta con Miguel de Lira, e despois a película. Curiosamente, parte da banda toca agora a banda sonora, pechando un círculo", lembra o realizador de Os Crebinsky. Ademais de director do filme, Otero é tamén coprodutor coa súa empresa Control Z, xunto con Chevere Visión e Zircocine, a produtora de Luis Tosar e Farruco Castromán, tamén actores na película. Ten claro que "hai que buscar todas as vías posibles para darse a coñecer, porque o tema da distribución é moi complicado, e montar un show arredor da película faina máis atractiva".

As posibilidades de distribuír unha produción audiovisual en Galicia é un tema común de preocupación para todos os realizadores do país. "Unha cousa é a escaseza de vías de exhibición, e outra a inexistencia, que é moito peor. Certamente o panorama é desolador, e co sistema de película máis concerto podemos ofrecer ós programadores algo máis atractivo", explica Carlos Alberto Alonso, director do documental musical Roger de Flor, Naturalidade Silvestre. Partindo da traxectoria do músico fenés Roger de Flor, Alonso aborda nesta longametraxe documental a problemática dos músicos que tratan de buscar un oco nos circuítos dos concertos en directo en pequenos locais. Con cada exhibición programada, viaxa unha banda encabezada polo propio Roger de Flor, que ofrece un concerto como complemento ó documental. Nesta banda actúan algúns dos músicos que aparecen na película, cunha longa traxectoria na escena musical galega, como Magín Blanco ou o Neno Elliot. "O máis paradóxico é que loitar por buscar un oco de proxección é xusto o que nós contamos no documental coa loita dos músicos por buscar sitios para tocar, co cal estamos vivindo desde dentro a temática do docu", explica este realizador ferrolán formado en Cataluña.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Durante un tempo, Alonso estivo buscando profesionais da distribución e incluso promotores de concertos para que moveran a película e o concerto, pero canso de non atopar resposta decidiu tomar a iniciativa co propio Roger de Flor. "A xente está mal acostumada, e colle como escusa a crise. Algúns non queren nin pagarlle ós músicos, pero, malia todo, estamos colleitando resultados moi satisfactorios", explica Alonso. Entre salas de concertos, festivais de cine, festivais de música e centros culturais, o boca-orella está funcionando e arredor de 2.000 espectadores viron xa Naturalidade Silvestre e a actuación musical complementaria. "Se non fora por este sistema, igual o docu estaba nun caixón, como a maioría do que se produce en Galicia. Aquí tiramos cineastas de músicos e viceversa. Saímos xuntos de xira e iso é enriquecedor", confesa Carlos Alberto Alonso. Xa fixeron dez actuacións e de aquí a fin de ano teñen previstas outras tantas, a máis próxima o vindeiro 7 de outubro no Festival de Cine de Ourense, un encontro que nesta edición dará cabida a varios destes proxectos.

Entre eles estará tamén a mediometraxe Naipe de Sangue, un singular traballo que os seus directores califican como o primeiro grelos-western. Dirixido por Miguel Anxo Fernández e Xosé Ballesta, Naipe de Sangue está baseado nun relato do popular escritor de novelas de vaqueiros Marcial Lafuente Estefanía. O filme conta cun interese musical engadido: os protagonistas son Silvia Superstar e Eladio Santos, dous músicos vigueses de recoñecida traxectoria. "Silvia e Eladio son os actores, pero cantan tamén algúns dos temas da banda sonora composta por Paco Serén. Daquela decididiuse crear unha banda para acompañar a proxección e bautizámola como a Furancho Western Band", comenta Pepe Ballesta, co-director da película.

Polo de agora xa fixeron varias actuacións con este formato, e en outubro agardan estar en Cangas, Coruña e Ferrol, ademais de Ourense. "Pouco a pouco imos exhibindo o filme, e salvando a inexistencia dun circuito de distribución. A experiencia dos cinemas dixitais que fixera a Xunta foi moi importante para produtoras pequenas e sacounos do ostracismo. Espero que se recupere", conclúe Ballesta con certo escepticismo. Mentres tanto, cadaquén busca a vida como pode, e con música en directo parece que o cine vai entrando algo mellor.

Presentación do filme <i>Os Crebinsky </i>no pasado Festival de Ortigueira, en xullo.
Presentación do filme Os Crebinsky no pasado Festival de Ortigueira, en xullo.GABRIEL TIZÓN

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_